O Centro Galego Nós pecha as xornadas ‘Galicia Hoxe’ coa súa Festa Galega
O Centro Galego Nós de Sabadell, que preside Manolo Vázquez Osorio, celebrou a tradicional Festa Galega, na Praza Argub, no Eix Macià, durante o primeiro fin de semana do mes de xuño. Con esta festa, o Centro Galego Nós pecha os actos das xornadas ‘Galicia Hoxe’, que cada ano organiza por estas datas con diversas actividades culturais. Todo o conxunto de actos que compuxeron a festa contaron cunha numerosa participación, tanto de persoas de orixe galega como outras orixes. Como ben afirma o presidente do Centro Galego Nós, “esta festa non é só nosa, senón de toda a cidade”.
En palabras de Manolo Vázquez “é o que gañamos nos 20 anos de historia da festa e nos case 32 da Entidade”.
De entre o conxunto de actos de ‘Galicia Hoxe’ faise difícil destacar algún en particular dado a boa acollida que tiveron todos. Aínda así, pódense diferenciar os actos entre aqueles onde a música foi a protagonista cos outros onde a gastronomía é o elemento principal.
Un dos actos centrais da festa é o tradicional xantar de autoridades, celebrado o sábado ao mediodía, que contou coa presenza do alcalde de Sabadell, Manuel Bustos, representantes do PSC, CiU, ICV e PP, así como tamén dunha nutrida presenza de entidades sabadellencas e outras entidades galegas de ámbito catalán. Aínda así, hai que destacar a presenza de dous representantes da Xunta de Galicia, María Adela Quinsa, directora do Instituto Galego de Seguridade Laboral, e Ramón Brigos, subdirector xeral de Programas Sociais, que viñan en representación da conselleira de Traballo e Servizos Sociais e do propio presidente da Xunta de Galicia.
María Adela Quinsa quixo expresar unhas palabras antes da comida, onde comentou que “veño facervos chegar a mensaxe de apoio e de colaboración do Goberno galego”. Tamén quixo referirse a Sabadell, sinalando que “os galegos mesturáronse perfectamente, formando parte como uns máis da comunidade sabadellenca”.
O alcalde de Sabadell dirixiuse aos representantes da Xunta de Galicia para explicarlles que “Sabadell fíxose co esforzo de todo o mundo, de quen veu de fóra onde a comunidade de orixe galega ten un peso importante”. Manuel Bustos pediulles que si “tanto o voso presidente como calquera outro membro do Goberno galego achégase a Cataluña, que non deixen de vir á nosa cidade onde, como sempre facemos con todo o mundo, acollerémolos cos brazos abertos”. Finalmente, Bustos referiuse a que, nestes tempos complicados e difíciles, “desde a experiencia que ten Sabadell ao longo da súa historia, fai falta que todo o mundo traballemos xuntos pola cidade, en razón do compromiso que todas e todos temos por Sabadell. E agora é cando máis necesaria é esta cooperación entre todo o mundo”.
No ámbito gastronómico, tamén poden destacarse a ‘sardiñada’ popular e gratuíta do sábado pola mañá e a comida de irmandade para tódolos socios e simpatizantes do Centro Galego Nós.
No eido musical, durante os tres días contouse coa presenza da Orquestra ‘Mediterráneo’, de Sabadell, e coa prestixiosa orquestra galega ‘Os Trobadores da Coruña’. Estas dúas orquestras deron corpo á parte máis musical da festa. Tamén actuaron outros grupos de música e danza, como o grupo de gaiteiros do mesmo Centro Galego Nós, os cantantes de canción española Manolo del Río e Montse Giménez, o grupo de sevillanas e o ‘Coro Rociero’ da entidade sabadellenca Agrupación Andaluza de San Sebastián de los Ballesteros.
Tampouco faltou, como cada ano, a exposición e venda de produtos gastronómicos e da cultura galega, así como abundante información sobre Galicia e, en especial, sobre o Xacobeo.
Manuel Vázquez, presidente do Centro Galego Nós, fixo un balance moi positivo do desenvolvemento da festa explicando que “é grazas á xente que veu, ás entidades que nos axudan e ao Concello de Sabadell e a Xunta de Galicia, que a festa sae adiante. O traballo dos membros da xunta e do conxunto de persoas asociadas son a razón desta festa e o baluarte principal do seu éxito. O resto é só cousa da xente de Sabadell que quere vir compartir connosco nosa festa. Por tanto, entre o bo tempo e este apoio cidadán, estamos moi satisfeitos do resultado da festa”.