Cumpre máis de tres décadas de promoción da cultura de Galicia en esta cidade

O Centro Galego de Lleida celebrou a súa tradicional Semana Cultural

O Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Folgar, ven de celebrar a súa tradicional Semana Cultural, que cada ano polo Antroido leva a termo desde xa hai moitos anos.

O Centro Galego de Lleida celebrou a súa tradicional Semana Cultural
ASAMBLEA
Un momento da celebración da Asemblea Xeral de Socios.

O Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Folgar, ven de celebrar a súa tradicional Semana Cultural, que cada ano polo Antroido leva a termo desde xa hai moitos anos. Un evento no que ao longo da semana organizan diversas actividades nas que participan a maioría dos socios da entidade, así como moitos lleidanos que teñen ao Centro Galego como referente da Cultura Galega na cidade do Segre. Máis de tres décadas de promoción da cultura, da gastronomía e do turismo de Galicia en Lleida.

Entre as actividades levadas a cabo este ano na celebración da Semana Cultural cabe significar algunha das máis sobranceiras, así o luns 20 de febreiro, o presidente da entidade, Xosé Terceiro, presentaba os actos a celebrar durante a Semana da Cultura Galega, e a presidenta da Vogalía da Muller, Marta Roigé Mostany, e a profesora de patchwork, María Alba Gil Bardanca, fixeron de anfitrionas na inauguración do evento coa presentación da exposición de manualidades, que preparou a Vogalía da Muller durante o curso. Ao final do acto, o presidente da entidade ofreceu a tódolos asistentes un ágape regado con viño do Ribeiro, para comezar a semana con bo pe.

O mércores 22 de febreiro, no local social da entidade, Enric Ribera Gabandé, periodista de viaxes, gastronomía e viños, pronunciou unha conferencia baixo o título ‘Paris la ciutat de la Llum’. O conferenciante fixo unha disertación moi detallada dos magníficos monumentos de París, dos restaurantes da cidade, dos hoteis, e da restauración. O acto contou cunha masiva presenza de público en xeral, así como coas seguintes autoridades locais: os ‘rexedores’ do Concello de Lleida, Francesc Josep Cerdà Esteve, José María Lorenzo Córdoba Alós, Cosme García i Mir, presidente da Federación de Casas e Centros Rexionais de Lleida, e o presidente da Casa de Aragón, Jesús Monter Hervera.

O xoves 23, no local social do Centro Galego, levouse a cabo unha demostración culinaria de diferentes pratos salgados e doces que os socios e simpatizantes achegaron. Ademais de números socios e amigos da entidade estiveron arroupados neste acto polo ‘rexidor’ do Concello de Lleida, Franscesc Josep Cerdà Esteve. O acto finalizou coa degustación por tódolos presentes dos múltiples e exquisitos pratos cociñados con moito agarimo para este evento.

O venres 24, cun cheo total do local da entidade, procedeuse á presentación do número 30 da revista ‘Xurdimento 2017’, a cargo de Raquel Arias Rodríguez, secretaria da mesa do Parlamento de Galicia. O presidente do Centro, Xosé Terceiro, deu a benvida a todos os presentes, socios, amigos e simpatizantes, e moi especialmente ás distintas autoridades locais que os acompañaban, entre elas os ‘rexedores’ do concello de Lleida; Sara Mestre Llussà, Dolors López Aguilar, José Luis Osorio Fernández e Rosa María Salmerón Pallaré; o presidente da Federación de Casas Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir, ademais dos presidentes das casas rexionais que pertencen á Federación de Lleida. Ao finalizar, tódolos presentes foron obsequiados cun viño galego e un ágape.

E o domingo 26, xa para rematar a Semana Cultural 2017, celebraron unha misa na igrexa parroquial de Sant Jaume en lembranza a tódolos socios que xa non están. Despois no local social da entidade, tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria dos socios, na que, seguindo a orde do día, procedeuse a ler a acta da asemblea anterior que foi aprobada por unanimidade. Acto seguido, o secretario leu o estado das contas da entidade mailos orzamentos para o ano 2017, que foron aprobados por unanimidade; o vicesecretario leu un resumo das actividades levadas a cabo no ano 2016 e un anticipo das que se ten desenrolar no ano 2017 na entidade; despois procedeuse a confirmar a Xunta Directiva, por un ano máis, quedando constituída da seguinte forma: Presidente, Xosé Tercero Folgar; vicepresidenta primeira, María Alba Gil Bardanca; secretario, Eligio Suevos Otero; vicesecretario, Daniel Vila López; tesoureiro, Antonio Sanmartín Sanmartín; vocal Organización actos, Xosé Domínguez Rodríguez; presidenta Vogalía da Muller, Marta Roigé Mostany; vocal Relacións Públicas, Dolores Blanco Roo; e vocais, Carlos Alonso Bellmunt e Victoriano Camilo Rocha González.

Acto seguido, tódolos asistentes remataron a xornada cun bo xantar de irmandade con queimada galega incluída, e sendo todo ilo amenizado polo conxunto musical ‘Luigi y Carla’, que deu un extraordinario recital de música. Tamén os acompañaron os concelleiros do ‘Ajuntament’ de Lleida Francesc Josep Cerdà Esteve, Rafael Perís Martín e José María Lorenzo Córdoba Alós, ademais do presidente da Federación de Casa e Centros Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir. E a Semana Cultural rematou acadando un grande éxito, tanto na participación de público como na organización dos diferente actos.