O ex secretario xeral participou na Semana Cultural

Amarelo fala de ‘A Galicia de hoxe e os galegos no mundo’ no Centro Galego de Lleida

O xoves día 23 de novembro tivo lugar no local social do Centro Galego de Lleida unha conferencia a cargo de Fernando Amarelo de Castro, quen fora secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, baixo o título ‘A Galicia de hoxe, e os galegos no mundo’. 
Amarelo fala de ‘A Galicia de hoxe e os galegos no mundo’ no Centro Galego de Lleida
Un momento da intervención de Amarelo de Castro.

O xoves día 23 de novembro tivo lugar no local social do Centro Galego de Lleida unha conferencia a cargo de Fernando Amarelo de Castro, quen fora secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, baixo o título ‘A Galicia de hoxe, e os galegos no mundo’.
Xosé Terceiro, presidente do Centro Galego, encargouse de presentar ao convidado para o acto central que a entidade organizou co gallo da Semana Cultural, organizada, cada ano, pola Federación de Casas Rexionais de Lleida, destacando a súa colaboración coa institución, cando era o responsable das entidades galega no exterior, sobre todo a súa implicación para que o Centro Galego de Lleida puidera mercar as actuais instalacións, así como nas diferentes actividades que organizaba.
Xosé Terceiro tivo un emotivo agradecemento con Amarelo de Castro por todas aquelas visitas ao Centro, polo seu apoio e sobre todo polo labor que durante o seu mandato fixo a prol das entidades galegas no exterior.
O acto celebrouse perante un numeroso e entusiasta público que enchía a sala de actos da Entidade, e no que Amarelo, despois de agradecer o convite que lle fixo o Centro Galego e o seu bo recibimento por parte de tódalas autoridades presentes, fixo unha  exposición das súas vivencias durante os oito anos que estivo ao fronte da Secretaría Xeral e que lle levou a recorrer máis de catro millóns de quilómetros polo mundo adiante para visitar máis de trescentas entidades galegas espalladas en tódolos continentes, significando deste xeito a forma de espallar a Cultura Galega alí en cada sitio onde se atopa unha destas entidades.
O acto contou, ademais que con numeroso público, con autoridades como os concelleiros de Lleida Dolors Arderiu Sabaté, Pau Pintó Torné e Juan Vilella Jounou; e tamén Ernesto Lagarón Vidal, presidente da Fundación Galicia Universal; Cosme García i Mir, presidente da Federación de Casas e Centros Rexionais de Lleida; Jesús Monter, presidente da Casa de Aragón; Gregorio Gálvez, presidente da Casa de Extremadura; Óscar Sánchez presidente da Casa de Castela e León; e María Eugenia Fernández, vicepresidenta da Casa de Cantabria.
Cabe resaltar o grande éxito que tivo o antedito acto, sendo moi aplaudido por todos os asistentes.
Ademais, como peche desta Semana Cultural, cabe sinalar a celebración, o sábado día 25, dun ‘Xantar de irmandade’ de tódolos centros de Federación, no restaurante ‘La Llojta’ de Lleida como clausura das xornadas culturais que se desenvolveron dun xeito moi exitoso, xa que en tódalas actividades enchéronse os locais sociais da entidades organizadoras.