A Agrupación Alborada da Llagosta bautiza co nome de Basilio Losada a súa biblioteca
A Agrupación Cultural Galega Alborada da Llagosta (Barcelona) inaugurou a súa biblioteca, que desde agora leva o nome do profesor Basilio Losada Castro. Trátase dunha homenaxe que os galegos da Llagosta lle fan ao primeiro catedrático de Filoloxía Galaico Portuguesa da Universidade de Barcelona. O acto de inauguración tivo lugar o pasado venres día 12 de novembro, na sede da entidade. Con este acto, A.C.G. Alborada deixa totalmente acondicionada a súa nova sede social que quedou inaugurada hai dous anos.
Coa inauguración da biblioteca, a localidade da Llagosta convertese no primeiro lugar no que o nome de Basilio Solada soará para sempre ao referirse a unha biblioteca. E como dixo el mesmo, non podía ser unha cousa mellor, o mellor agasallo que alguén lle podía facer, porque para el é algo así como seguir para sempre remexendo entre libros, que foron a paixón da súa vida, tanto que foi capaz de coller un avión desde Barcelona a Londres ou Madrid para mercar un libro, e tras mercalo, dar a volta.
Ao longo da súa vida chegou a ter a redor de 20.000 libros. Boa parte deles formarán a base literaria da Biblioteca de Galicia que se inaugurará dentro de pouco, e outros poucos irán dentro duns días a biblioteca que se acaba de inaugurar co seu nome na A.C.G. Alborada. A redor de 1.000 serán a primeira entrega, que se suman aos que xa ten atesourado a entidade. Así esta biblioteca convertese nunha das máis importantes das entidades galegas en Cataluña.
Pola súa banda, o presidente de Alborada, Xosé Luís Salgueiro, significou a ledicia da entidade que preside por poder contar cun espazo de lectura para tódolos veciños da Llagosta e demais xente que se queira acercar á biblioteca, que será aberta ao público en xeral, e que lle dea o seu nome un dos galegos emigrados a Cataluña, máis ilustres.
Salgueiro agradeceulle a Basilio Losada que acedera a formar parte da entidade, así como a aportación ao fondo bibliográfico da mesma.
Tanto Losada como a entidade organizadora, estiveron arroupados por moitos amigos e autoridades, sinalando a plena participación do Concello da Llagosta, co seu alcalde, Antonio Risquez, ao fronte, quen dixo sentirse moi gozoso e agradecido de que a partir de agora o seu municipio se convirta, aínda máis, nun lugar de interese cultural galego. Tamén agradeceu a presenza de autoridades como o representante da Xunta de Galicia, Andrés Castro (subdirector das comunidades galegas no exterior); do concelleiro de Cultura de Láncara, Andrés Caballero –Láncara é o municipio natal de Basilio Losada–; Manuel Ruiz, portavoz do PP no Parlamento de Galicia; Jordi Turul, deputado de CiU no Parlamento catalán; e a consellerra do Goberno catalán Monserrat Tura, así como outras personalidades do mundo da cultura e do asociacionismo galego en Cataluña.
Basilio Losada Castro (Láncara, 1930) foi o primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Barcelona e autor de numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira.
Traduciu 150 libros en sete linguas de autores como Jorge Amado, Saramago, Rosalía de Castro ou Pere Gimferrer.
En 1991 recibiu o premio Nacional de tradución, concedido polo Ministerio de Cultura. Así mesmo, o ano 1984, foi galardoado coa Cruz de Sant Jordi, concedida pola Generalitat de Catalunya. Ademais recibiu outros galardóns como a Medalla Castelao, da Xunta de Galicia, a Comenda da Orden do Infante don Henrique, que outorga o goberno portugués, a Orden do Cruzeiro do Sul, de Brasil...
En Cataluña sempre estivo moi ligado á colectividade galega, colaborou practicamente con tódalas entidades galegas, sempre desinteresadamente, dando conferencias, colaborando en publicacións, en xurados ou en calquera outra actividade que se lle pedira, e sigue colaborando. O seu compromiso coa emigración galega en Cataluña é loable, xa que estes días participa no xurado do Certame Literario Rosalía de Castro e noutras actividades. A súa aportación ás entidades galegas é impagable.
Xubilouse como catedrático o ano 2000, aínda que continúa impartindo clases nos programas de diversas universidades norteamericanas e na UB. Aos seus 70 anos publicou o seu primeiro traballo de ficción, a novela ‘La peregrina’ (con tradución ao italiano de Giuseppe Tavani), ambientada na Idade Media, período no que é un gran experto.
Despois do acto de inauguración da Biblioteca Basilio Losada, celebrouse no Centro Cultural da Vila, que está no mesmo edificio da sede social de Alborada, un concerto da cantante María do Ceo, organizado pola Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña que preside, Luís Lamas, coa colaboración da A.C.G. Alborada, co gallo do seu 20º aniversario. Nos intervalos do concerto de María do Ceo que deleitou ao público, que encheu o Auditorio, a Fegalcat entregou varios galardóns a persoas que destacaron pola súa contribución profesional ao desenvolvemento da colectividade galega en Cataluña.
Os agasallados co Arlequín Dourado da Fegalcat foron a poeta Pura Salceda, o historiador Manoel Carrete e o director do programa de radio ‘Lonxe da Terra’, Manolo Valdés.
Pura Salceda Carballeda naceu en México en 1961, pero reside en Barcelona desde os tres anos. É licenciada en Filoloxía Hispánica e doutora en Filoloxía Románica. Escritora e tradutora, publicou diversas obras, como os poemarios ‘Versos de Perra Negra’ (2005) e ‘Mares Online’ (2008) e o ensaio ‘Ola de donde eres’ manual de urxencia para navegar nos chats, en colaboración con Andrés Aberasturi. En galego publicou ‘A ollada de Astarté’ (2007) e coordinou a antoloxía de poesía ‘Erato’ baixo a pel do desexo (2010).
Manoel Carrete Rivera, nacido en Hospitalet (Barcelona), realizou os estudos a Licenciatura de Dereito na fundación San Pablo CEU en Barcelona (Abat Oliba). É licenciado en Historia pola Universidade de Barcelona, avogado en exercicio e, actualmente, doutorando coa tese sobre a diáspora galega en Cataluña a principios do século XX. É vicepresidente de Cultura da FACGALCAT.
Manuel Valdes Fernández, nacido en Parada do Sil (Ourense) co-fundador e Xerente de Radio Teletaxi, dirixe o programa galego máis antigo de Cataluña, Lonxe da Terra, desde hai máis de 30 anos, que se emite en Radio Teletaxi todos os sábados de 8 da tarde a 12 da noite.