Opinión

¡Orientales, la patria o la tumba!

O curso lectivo no ensino primario na República Oriental do Uruguai ten fixado o seu comezo oficial o día 15 de marzo, pero no ano 1959 caeu en domingo. Así foi que o luns 16 e aínda con cinco anos de idade (cumpro o 3 de abril) comecei o meu roteiro educativo na capital uruguaia.

¡Orientales, la patria o la tumba!

O curso lectivo no ensino primario na República Oriental do Uruguai ten fixado o seu comezo oficial o día 15 de marzo, pero no ano 1959 caeu en domingo. Así foi que o luns 16 e aínda con cinco anos de idade (cumpro o 3 de abril) comecei o meu roteiro educativo na capital uruguaia. Era un neno emigrante da aldea de Tines (Vimianzo) que desembarcara do ‘Cabo de Hornos’ o 27 de novembro de 1958. Sempre agradecerei a garimosa acollida de Mercediñas, a filla de Ramón Vázquez e María Rama. Ela era tamén unha nena emigrante e fixera a mesma viaxe un par de anos antes. Lembro que era moi feliz cando, os domingos pola tarde, ía con meus pais ata a súa casa na rúa Santa Ana. O meu pai alugou o apartamento no barrio de Aires Puros (na rúa Pantaleón Artigas case Ipiranga) para estar preto do seu bo amigo Ramón que foi quen lle escribiu para recomendarlle que viñese a un país de portas abertas. 

Estou vendo a arborada beirarrúa da man dereita de Pantaléon Artigas pola que baixaba para cruzar Propios e logo por Tudurí ata a casa da miña admirada Mercediñas. Alí foi onde coñecín o moi saboroso doce de leite na merenda do meu primeiro domingo (30-XI-1958) en Montevideo. Os seus comentarios estaban baseados na experiencia e foron de moita axuda xa que me permitiron ir a escola con certos coñecementos sobre aquel lugar no outro lado do mar. Escoitaba e gravaba no meu cerebro os seus consellos. Agora sei que a miña anfitrioa buscaba evitarme disgustos e por iso achegoume abondante información previa sobre o horario das clases, a vestimenta, as mestras, as letras, os números e os deberes. Mercediñas foi quen me ensinou a debuxar a bandeira uruguaia e tamén que os escolares levan unha túnica branca e un lazo azul (moña) porque son as cores da bandeira. 

A miña amiga Mercediñas faloume de Xosé Artigas e dos seus nobres gauchos e da batalla de Las Piedras e tamén do ‘Himno’ que adiantoume era necesario coñecer para cantar nas chamadas Festas Patria. No seu patio foi onde escoitei por primeira vez o de “¡Orientales, la patria o la tumba! ¡Libertad o con gloria morir!” que logo xa aprendería no meu primeiro ano de escola. Lembro que unha das súas recomendacións foi a de que fixera sempre os deberes (¡Vos tenés que hacer siempre los deberes!) e fíxenlle caso xa que foi unha norma que sempre cumprín. O luns 16 de marzo de 1959, uns minutos antes das oito da mañá, o neno emigrante entraba por unha porta da rúa Ibirocahy no ‘Colexio Monseñor José Benito Lamas’. A escola foi escollida pola súa proximidade ao apartamento xa que se chegaba en menos de dez minutos, sendo a distancia de pouco máis de tres ‘cuadras’. 

Aquel meu primeiro verán montevideano foi marabilloso. O sol quentaba moito pero nos areais de Buceo e Malvín podías estar durante varias horas nunha auga morna e pouco salgada. Quen me ía dicir que aquel marzo de 1959, mentras gozaba dunha grande alegría, foi o comezo do afundimento dun país no que a súa clase media era a máis ampla e culta do mundo. O ‘Partido Nacional’ gaña as eleccións despois de 93 anos de gobernanza do ‘Partido Colorado’. O xornal ‘El País’ do 1/XII/1958 titula na súa portada: ¡VENCIÓ EL PUEBLO! o que non era certo, pois o triunfador foi o sector máis rico e conservador do país o dos terratenentes ou sexa os grandes ‘estancieros’. O país era aberto e democrático porque o ‘batllismo’ (corrente ideolóxica creada polo visionario estadista Xosé Batlle e Ordóñez) latexaba dentro de milleiros de corazóns que loitaban pola xustiza social. A chegada dos ‘brancos’ rompe o fío solidario que une en irmandade a unha maioría de cidadáns que buscaban o benestar común. Agora mesmo no meu querido Uruguai está de presidente, elixido nas urnas, un herdeiro neoliberal de aqueles “brancos baratos” que axiña estragará o benestar conseguido en 15 anos de gobernos frenteamplistas.