Opinión

O meu primeiro entroido montevideano

O neno emigrante de cinco anos na capital da República Oriental do Uruguai está moi contento neste novo lugar que non ten ningunha semellanza coa aldea de Vimianzo onde nacera. Aínda que só pasaran dous meses da chegada no ‘Cabo de Hornos’ xa case esquecera aqueles 20 días de longa singradura desde o porto da Coruña. Estou a lembrar o mes de febreiro de 1959 que foi cando sentín, no barrio de Aires Puros, que Montevideo estaba cheo de alegría. Aquel primeiro verán quedoume gravado e permanece no meu corazón. O primeiro areal ou praia que coñecín foi a do Buceo e a segunda a de Malvín.


 

O meu primeiro entroido montevideano

En febreiro o meu pai tiña a ‘licencia’ de Casa Ponti que era onde traballaba no seu oficio de ferreiro. Non lembro exactamente onde foi que escoitei por vez primeira os tamborís, dubido entre a feira de Tristán Narvaja e o tablado do ‘Paso de las Duranas’. O certo é que foi emocionante oír o son dunha música que lle chamaban candombe que ía acompañada pola danza. Os que tocaban eran case todos negros e meu pai dixo que eran descendentes dos africanos que viñeran en barcos de escravos para o servizo das familias da clase máis rica. Daquela eu non entendía nin o de África nin o da escravitude e tampouco o das clases sociais.

Na miña primeira asistencia a un tablado carnavalero foi cando meu pai comentou que o entroido no Uruguai tiña dúas partes ben diferenciadas; unha era a africana, co candombe e a outra a europea, coas murgas. Desde a rúa na que vivía (Pantaleón Artigas esquina con Ipiranga) ata o tablado do ‘Paso de las Duranas’ eran uns 10 minutos a pé pola rúa de Máximo Gómez. A este tablado fun só neste ano xa que a partir de 1960 o meu tablado foi o de Roberto Koch no que todos os entroidos xunto a Claudio, Gildo e Horacio íamos a aplaudir a ‘Araca la Cana’, ‘La Milonga Nacional’, ‘Los Patos Cabreros’, ‘Los Diablos Verdes’ e tamén a dona Marta Gularte ou o humorista Roberto Barry.

Non lembro cal foi a primeira murga que vin pero non esquezo que miraba abraiado aos membros das agrupacións que locían fermosos disfraces de cores e coas súas caras pintadas de branco. Os asistentes aplaudían e rían moito pero eu non entendía nadiña do que estaban a dicir pois aínda non tivera tempo de facer a miña inmersión no castelán de Montevideo. O meu pai dixo que murga é o nome que en Canarias se lles daba as agrupacións ou comparsas do seu entroido pero que a orixe destes grupos estaba en Cádiz. Daquela nada sabía eu de Canarias e tampouco de Cádiz pero axiña engadín as murgas ao candombe xa que ambas expresións musicais enchían de alegría os meus primeiros tempos no lugar onde meu pai ancorara un anos antes.

Pasaron moitos anos ata que souben da importante achega dos emigrantes galegos al Carnaval del Uruguay. O escenario onde se realiza o concurso oficial de agrupacións de entroido é o Teatro de Verano que está nas canteiras do Parque Rodó (a poucos metros da praia Ramírez) e leva o nome de Ramón Collazo. O pianista e compositor Collazo, alcumado ‘El Loro’, era fillo dun emigrante do concello de Carballo e tiña un irmán, Juan Antonio, co que formaron parte da famosa ‘La Troupe Ateniense’ na compaña de Víctor Soliño (nacido no concello pontevedrés de Baiona), de Roberto Fontaina (o apelido orixinal era Fontaíña), de David Estévez e de Alberto Vila. En outubro de 1923 a ‘Troupe’ actuou en Bos Aires, no Teatro Coliseo, con grande éxito de público.

O meu querido Montevideo medrou con sangue galego nas súas veas desde os tempos coloniais e agora mesmo aínda temos descendentes que honran aos devanceiros. No fermoso libro (só ten 118 páxinas) de Ramón Collazo titulado ‘Historias del Bajo’ fala do comercio familiar no que comezou a traballar con 17 anos polo falecemento do seu pai. Lembra que “El almacén Los dos frentes estaba ubicado donde nacía Yerbal; para ser más preciso era la proa formada por las calles Yerbal y Camacuá y quedaba justo frente a la segunda seccional de Policía. Para más datos, ahí se tomaba el mejor ‘pucherito’ del Bajo que era un orejón metido en un tarro y mojado en duraznillo, vermouth, caña y un poquito de azúcar quemada”. Aquí temos unha historia máis para que a mocidade non esqueza aos nobres sementadores de honradez nos sulcos da patria de Artigas.