Opinión

A alegría porteña de dona Lola

Se somos convidados por unha amiga miña do concello pontevedrés da Vila de Cruces teremos a sorte de recibir unha zumenta lección gratuita sobre a vida emigrante dunha muller que desembarcou no porto de Bos Aires hai máis de 60 anos.

A alegría porteña de dona Lola

Se somos convidados por unha amiga miña do concello pontevedrés da Vila de Cruces teremos a sorte de recibir unha zumenta lección gratuita sobre a vida emigrante dunha muller que desembarcou no porto de Bos Aires hai máis de 60 anos. Sempre alegre e animada camiño da mocidade dos seus primeiros 80 anos. Non se lle nota nadiña o seu recén superado abatemento. Foi no verán en San Clemente del Tuyú cando comezou a frouxear e deixar de camiñar pola beira do mar no anoitecer. Estaba mal pero sen afección ningunha segundo os médicos. Unha tarde, ocórreselle pedirlle un vasiño de cervexa ao seu fillo maior e inmediatamente despois de beber sinte que está moito mellor. Seguiu coa súa cervexiña nas comidas e nunha semana estaba perfectamente restablecida. Cando volveu para a capital fixo as análises correspondentes e para sorpresa do seu médico, as variables todas daban positivo. Díxolle que a melloría veu despois da cervexa e o médico coincidiu en que foi unha medicina sanadora que debe seguir tomando a cotío. Agora dona Lola Rial non come sen a compaña dunha cervexa nacional sen alcol.

A miña amiga vive na rúa Estados Unidos e no seu fogar Galicia está presente en cada espazo da vivenda. Na sala un fermoso cadro do seu vello amigo Cordeiro e pezas de Sargadelos e recordos do seu falecido esposo, José Fernández, nativo das monfortinas terras de Canabal na beiriña do río Cabe. Enriba da mesa agarda expectante unha das empanadas de pescada máis famosas da República Arxentina. A súa cor e o ulido son dous sinais inequívocos de que foi amasada e forneada polas mans solidarias de dona Lola. Escoito os seus comentarios que vai debullando sen présas e penso en que debería de impartir un cursiño sobre “Emigración Galega na Arxentina”. Unhas charlas semanais reservadas soamente para os membros do Parlamento de Galicia. Sería o xeito máis didáctico para que os representantes da vontade popular adquirisen unha serie de coñecementos sobre a historia dun país que abriu o seu corazón aos nosos desexos de agarimo no sur riopratense. Os que veñan irán da man de dona Lola polo cemiterio da Chacarita e polo Centro Galego de Bos Aires e polas Galerías Pacífico e pola avenida de Maio e pola avenida Mitre en Avellaneda. Cando volvan e estean sentados no seu escano serán máis ricos ao sumar unha percepción máis ampla do que significa realmente “ser galego”. Aceptarán que sen camiñar polas rúas porteñas eran “medio galegos” ao faltarlles a emotividade que se respira na capital arxentina.

Cando fala dona Lola hai que estar atentos xa que as súas historias parecen intrascendentes. Os que escoiten entenderán moitos dos problemas que levan enchendo páxinas durante anos nos xornais. Sobre o voto exterior dirá que non existe xa que o voto é sempre interior ao saír dun razoamento que nos fai decidir por unha ou outra opción. Engadirá que a xeografía non debería de ser a razón avaliadora do recurte de dereitos xa que as augas atlánticas non afastan aos emigrantes senón que os unen nunha singradura de dous carrís entre norte e sur. Se lle preguntamos polo Centro Galego de Bos Aires non resposta con desculpas como é o habitual dentro da colectividade. Afirma con determinación que se a economía arxentina vai ben tamén deberían de funcionar con normalidade os servizos médicos no Centro Galego. Os xubilados recuperaron o seu poder adquisitivo e poden pagar as cotas sociais e sen embargo a entidade está intervida porque non puido facer fronte aos retrasos nos pagamentos de insumos e salarios. Quizais haxa que buscar a clave da desfeita na confusión instalada dentro dos dirixentes que mesturaron os lexítimos intereses sociais coa política arxentina. Unha gran maioría de dirixentes dedicaron máis esforzos a criticar duramente os gobernos de Néstor e Cristina que a xestionar con sensatez e honradez o patrimonio social. Se había problemas a culpa era dos “peronistas” que son todos unos “chorros”. A solución viña da Xunta de Galicia que axudou sempre a quitalas castañas do lume. Aínda estou aplaudindo a dona Lola porque coincido con ela en que se as agrupacións do Centro Galego pretenden agachar que son as responsables da desfeita entón nunca volverán a representar a ninguén xa que os socios buscarán novas vías de representación deixando atrás as obsoletas e tradicionais cinco agrupacións Pro Centro Galego. Graciñas, dona Lola, a empanada estaba boísima.