ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN CULTURAL GALEGA ROSALÍA DE CASTRO

A festa galega de Cornellà volveu encher de xente Can Mercader, o máis fermoso parque da cidade

| 21 de junio de 2017, 12:22
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Numerosas persoas acudiron á celebración de 'A Noite Celta'.

Un ano máis, a popular Festa Galega que organiza a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, polo Corpus, ‘Festa Maior’ de Cornellà, volveu a recoller éxitos espectaculares. Tanto no tocante á participación cidadá que lle deu vida, coa súa masiva presenza, no mítico Parque de Can Mercader, como no apoio institucional por parte do Concello de Cornellà, co seu alcalde, Antonio Balmón, en cabeza e o representante da ‘Generalitat de Catalunya’, Roger Mestre (responsable das Casas Rexionais), así como doutras autoridades, entre elas o expresidente da Generalitat José Montilla e demais institucións de Catalunya. Agás a ausencia de representación da Xunta de Galicia.

 

O Parque de Can Mercader volveu a lucir o seu esplendor e cumpriu con tódalas expectativas, durante os días 17, 18 e 19 de xuño, milleiros de galegos e non galegos asistiron aos diferentes actos, facendo que esta Festa Galega siga sendo unha cita destacada dentro dos actos programados en Cornellà, co gallo da súa Festa Maior e tamén como acto conmemorativo dos 37 anos de andadura de entidade galega de Cornellá.

 

 

Homenaxe aos socios

Os actos festivos comezaron o venres pola tardiña coa homenaxe aos socios da entidade mediante a celebración, no recinto da festa, dunha Cea de Irmandade á que asistiron numerosos socios e amigos da entidade, así como representantes municipais como o alcalde de Cornellá, Antonio Balmón; a ‘regidora del Barri’, onde ten a sede social a entidade, Aurora Mendo; Rocío García, teniente de alcalde e delegada de área de Políticas de Ciudadanía, entre outras autoridades e representantes doutros estamentos socioculturais de Cornellà, e na que se lles homenaxeaba coa Insignia de Prata da entidade aos socios: Concha García Aguon e Antonio Barreda, que este ano cumpriron 25 anos de antigüidade de militancia na Asociación.

 

 

Luar na Lubre

Logo da homenaxe aos socios, comezou ‘A Noite Celta’, co concerto de O Val das Mouras e Luar na Lubre, que congregou en Can Mercader a milleiros de persoas. Unha noite chea de bou música e espectáculo ‘O Val das Mouras’, de música tradicional galega, que fixeron de teloneiros cunha grande actuación e puxo ao público no ambiente axeitado para recibir as estrelas da noite. De Luar na Lubre todo o que se diga e pouco, unha multitude de xente gozou do seu concerto, no que ofreceu o mellor dos seus trinta anos cos que conmemora a xira de concertos presentando un traballo recopilatorio do seu 30 aniversario. Non sei se este concerto en Cornellà, nun escenario espectacular como é Can Mercader, e a multitude que os arroupou coa súa presenza e o goce da súa actuación lle deixará un bo recordo, desde logo aquí si que nos quedou, e sa nosa Asociación, Rosalía de Castro, Xunta Directiva e socios si que consideran que o grande esforzo que fixeron para poder traelos si que mereceu facelo, xa que lle deu a esta Grande Festa Galega unha categoría que en Cornellà este ano foi do mellor para tódolos cornellanenses dentro dos actos da Festa Maior da Cidade.

 

Ofrenda floral

O sábado pola mañá, despois da resaca do venres, numerosas persoas asistiron á ‘Ofrenda Floral’, un acontecemento que anualmente realiza a entidade, nun emotivo acto no que o alcalde de Cornellà, Antonio Balmón, xunto co presidente da Asociación, Oliver Fernández, presidiron o acto, depositando o tapiz de flores, representando a Galicia e Catalunya, diante da escultura de Rosalía de Castro, que preside un espazo destacado no Parque Can Mercader.

Acto ao que asistiron outras autoridades como os portavoces do grupos municipais de Cornellà ademais da Corporación Municipal, o representante da Generalitat de Catalunya, e diversas entidades socioculturais de Cornellà, os partidos políticos con presenza na cidade, depositando cada un deles o seu correspondente ramallo de flores no monolito á Rosalía de Castro, que convive cos visitantes e moradores deste fermoso Parque desde o ano 1990. Asemade, socios e amigos, entidades e institucións públicas renderon unha sentida homenaxe á musa das nosas letras, ó son dos himnos catalán e galego, interpretados pola Banda de Gaitas Rosalía de Castro, xunto cos grupos: Castellers de Cornella e Casa Galega de Hospitalet que participaron no acto coas súas correspondentes actuacións. 

Xa pola tarde, despois do tradicional xantar campestre ao que asistiron unhas duascentas persoas, socios e amigos da entidade, representantes municipais e da vida asociativa de Cornellà, e o presidente de honra da entidade organizadora, José Montilla i Aguilera,  así como representantes da práctica totalidade de entidades galegas en Catalunya, o recinto da festa adornouse coas actuacións dos seguintes grupos: Escola de Gaitas Toxos e Xestas de Barcelona, o da A.C.G. Rosalía de Castro nas súas diversas modalidades, seguido da gran festa rachada tarde e noite coas orquestras galegas Marimba e Pensilvania.

O domingo pola mañá, comezaron as actuacións dos grupos Irmandade Galega de Rubí, Estremeña San Isidro Labrador, C.C. Airiños da Nosa Galiza de Santa Coloma. E xa pola tarde, despois dun xantar campestre, actuacións dos grupos Esbart San Joan Despi,  A.C.G. Agarimos de Badalona, Asociación ‘Cornella per las Donas’ e o da entidade organizadora Rosalía de Castro, os diferentes grupos que compoñen a súa escola de danzas e gaitas galegas.

Ás 20.30 horas deu comezo a festa rachada coa orquestra Marimba, rematando a festa cos tradicionais fogos artificiais e fin de festa coa popular queimada galega.

Ademais de tódalas actuacións que estiveron á altura que a festa merece, no eido gastronómico, numerosas familias déronse cita á sombra das centenarias árbores de Can Mercader, para degustar xantares campestres e compartir unha fin de semana gozosa con amigos e familiares, unha xuntanza gastronómica e festiva na que se dan citan cada ano amigos e familiares da colectividade galega de Catalunya, que compartiron con socios e amigos da entidade organizadora unha gran festa galega nun dos máis fermosos parques de Catalunya como é Can Mercader de Cornellà.

Asemade, os asistentes tamén puideron ollar exposicións de libros, pinturas, música, etcétera, así como información sobre turismo de Galicia e o Camiño de Santiago, e todo tipo de produtos da gastronomía galega servidos con exquisitez por Exclusivas Casa Díaz de Lugo.

Más acciones:
MÁS NOTICIAS
  • Colección Crónicas de la Emigración

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Álbumes de Fotos

Hemeroteca