Durante o mes de maio, a entidade organizou outras moitas actividades

O Centro Galego de Lleida conmemorou o Día das Letras Galegas 2019 cun acto no ‘Institut d’Estudis Ilerdencs’

O Centro Galego de Lleida, que preside José Terceiro, celebrou a festividade das Letras Galegas 2019, cunha serie de actividades levadas a termo durante o mes de maio, coa finalidade de promover a cultura galega na cidade lleidana.

O Centro Galego de Lleida conmemorou o Día das Letras Galegas 2019 cun acto no ‘Institut d’Estudis Ilerdencs’
letras galegas 2019 (28)
Un intre do acto celebrado no 'Institut d'Estudis Ilerdencs'.

O Centro Galego de Lleida, que preside José Terceiro, celebrou a festividade das Letras Galegas 2019, cunha serie de actividades levadas a termo durante o mes de maio, coa finalidade de promover a cultura galega na cidade lleidana.

Así o sábado 18 de maio, conmemorou o Día das Letras Galegas 2019 cun acto celebrado no ‘Institut d’Estudis Ilerdencs’, co seguinte programa: Ás 19 horas, conferencia a cargo de Alba Losada Cuquejo, profesora da Universidade Autónoma de Barcelona, sobre a figura do historiador de ideoloxía galleguista Antonio Fraguas Fraguas. A continuación, o Coro Cengallei deleitou aos asistentes cun recital musical. Ao remate, cantaron todos o himno galego. No devandito acto estivo presente o subdelegado de Defensa en Lleida, coronel Fernando Rodríguez de Ravena; o presidente da Federación de Casas e Centros Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir; o presidente da Casa de Estremadura, Ramón González Fabra; e a presidenta da casa de Cantabria, María Eugenia Fernández Puente.

Despois, ás 22:00 horas, no restaurante do Centro, levouse a cabo unha cea de Irmandade con queimada incluída. Todo acadou nun grande éxito.

Asemade, durante o presente mes organizaron outras moitas actividades das que, entre elas, suliñamos as máis sobrenceiras:

–O 19 de maio, a Vogalía da Muller do Centro Galego de Lleida participou na festa de Mouros e Cristiáns que principiou cun pasarrúas polo Centro Comercial ata a Praza de Sant Joan, onde houbo unha audición musical a cargo das bandas de música que participan no desfile e na loita final. Ás 18:30 horas, desfile de Mouros e Cristiáns dende a Seu Vella ata a Praza de Sant Joan e, de seguido, a loita na praza da Sardana da Seu Vella.

–O sábado 11 de maio, participaron, cunha caseta, na verbena dos ‘Camps Elisis’ de Lleida, onde ofreceron produtos típicos galegos como empanada, tarta de Santiago, sardiñas, queimada, lacón, chourizos e pulpo. A afluencia de público e a demanda dos produtos foi un éxito, non só pola calidade dos produtos ofrecidos, senón tamén polo bo tempo reinante que acompañou durante a celebración da verbena. Visitaron o estand tódolos grupos do Concello de Lleida, entre os que cabe destacar a presenza do alcalde, Félix Larrosa Piqué.

O mesmo día pola tarde, con motivo das Festas de ‘Sant Anastasi’, patrón de Lleida, e coa colaboración do Centro Galego de Lleida, a Praza Ricard Vinyes foi testigo da excelente actuación do Grupo da Asociación Cultural ‘Agarimos’ de Badalona.

Así como a Ofrenda a ‘Sant Anastasi’, á que, como xa é habitual, vén asistindo o Centro Galego coa presenza dun grande número de socios ataviados co traxe típico da nosa terra, e a quen acompañaron os membros da Xunta Directiva, e os compoñentes do Grupo Agarimos de Badalona, e outros moitos amigos.