Opinión

Adeus, meu mestre Cordeiro Monteagudo

| 18 de mayo de 2012
Os que tivemos o privilexio de coñecer ao emigrante coruñés Manuel Cordeiro Monteagudo estamos de loito. Foise un home bo e xeneroso. As súas creacións artísticas enchen de alegría os nosos corazóns ao gozar diante  de calquera dos seus fermosos coiros. Aí nas paredes dos centros galegos de Bos Aires e Montevideo están pendurados anaquiños da Galicia lonxana. Unha vieira ou un hórreo ou un carballo abondan para facernos sentir que viaxamos ao noso afastado lar.
A última vez que estiven con el na capital arxentina volveu recordar aos amigos de Montevideo do Centro Coruñés que o aplaudían cando cantaba no coro ‘Brétemas e Raiolas’. Non sabía que morrera a entusiasta Laura Touriño que era a súa grande amiga na beira montevideana. Non era home de queixarse. Tivo a xentileza de agradecerme o meu artigo na prensa onde pedía a Medalla Castelao para el. Con sincera humildade comentoume que non fixera ningún mérito especial para ser premiado. Lembrou que a pena foi que morrese sen ela o seu bo amigo Tacholas que sobradamente a merecía.
Sei que agora mesmo está falando con Luis Seoane para preparar a súa toma de posesión como membro de pleno dereito dentro do seo da Asemblea Celestial da Emigración Riopratense. Non quere perderse as roldas de mate nas que se xuntan os compañeiros que compartiron esforzos para que o paso do tempo non fixese esvaecer a imaxe de Galicia. Ao seu carón estarán: Alfonso Rodríguez Castrelao, Eduardo Sánchez Millares, Antonio Pérez Prado, Segundo Pampillón Rodríguez, Antón Crestar Faraldo, Bieito Cupeiro Vázquez e Xosé María Cao Luaces. Os tertulianos recibirán cumprida información  sobre a crise do Centro Galego e tamén sobre o crecemento do país da man da neta Cristina da Fonsagrada.
Reciba o meu máis fondo agradecemento polo seu honroso labor de egrexio Mantedor-Identitario das esencias culturais galegas no Río da Prata. Quero aproveitar para facerlle chegar o poema titulado ‘Una luz’, obra do noso neto Lisandro Penelas.

Una luz
veloz
un fantasma
eso es
me queda,
acaso fue,
inadvertida,
mi niñez.

El sueño del destino
borró
en una bruma imaginaria
mi infancia inacabada.

Como el viajar lento de las nubes
así debe leerse este poema.
Así quizás,
debiera pasar la vida.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca