‘Xuntanza’ participou na primeira fase da Liga Galega de Bandas de Gaitas

A Banda de Gaitas ‘Xuntanza’ de Cataluña participou na primeira fase do Campionato da Liga Galega de Bandas de Gaitas, celebrado o 31 de marzo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, e organizado pola Asociación Galega de Bandas de Gaitas. Tres autocares con más de cen músicos, a maioría mozas darredor de 20 anos, se desprazaron a Galicia para concursar na primeira e na terceira división do campionato, coa Banda Júniors, entre máis dunha trintena de bandas de distintos lugares de Galicia.
A Banda de Gaitas ‘Xuntanza’ participou con este nome despois de que se xuntasen hai dous anos a Casa Galega de Hospitalet, a A.C.G. Rosalía de Castro de Cornella, Toxos e Xestas de Barcelona e A.C.G. Agarimos de Badalona, quen se incorporou este ano. Os seus compoñentes xa son veteranos, pois levan moitos anos participando individualmente neste evento con notables éxitos a pesar das circunstancias e impedimentos que ten ser de fóra de Galicia.
Os mozos de ‘Xuntanza’ tiveron claro que o seu principal obxectivo era participar, facelo ben e divulgar a súa musica e a súa danza. Desta forma, lograron o pase a segunda fase do campionato que se celebrará a finais de xullo.
A Banda de Gaitas ‘Xuntanza’
A Banda de Gaitas ‘Xuntanza’ é un proxecto que naceu hai tres anos froito da fusión de tres entidades culturais galegas en Cataluña. Baixo tres premisas fundamentais, ‘Xuntanza’ uníu a tres entidades, tres cidades, tres xeitos de integrarse na sociedade catalá mantendo a idiosincrasia galega e o amor, a expresión e a promoción da cultura e a lingua galega nun país que entende, que respecta e apoia esta forma tan nobre de manter, desenvolver e promover a identidade e a cultura dun pobo.
A día de hoxe xa son catro as entidades baixo o nome de ‘Xuntanza’. A A.C.G. Agarimos de Badalona incorporouse con máis de 20 músicos ó proxecto e unha escola de música e danza tradicional galega cuns 60-70 rapaces.
A Casa Galega de L’ Hospitalet (entidade fundada en 1987, con máis de 700 socios), a Escola de Gaitas Toxos e Xestas de Barcelona (fundada en 1977, con máis de 400 socios), a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornella (fundada en 1980, con 700 socios) e a A.C.G. Agarimos de Badalona (con máis de 400 socios) uníronse neste proxecto para traballar dende a unidade, o apoio á mocidade e a promoción das dúas culturas, das dúas terras, Galicia e Cataluña.
‘Xuntanza’ é o resultado deste esforzo compartido, destas premisas de unidade, mocidade e cultura. É máis que unha banda de gaitas ou un grupo humano. É un exemplo de compromiso pola música galega e catalana. ‘Xuntanza’ está composta por máis de 300 mozos e mozas (de 6 a 30 anos) que conforman unha estrutura estable: unha banda de gaitas de máis de cen integrantes que representa a Galicia e a Cataluña en diversos actos institucionais, unha banda de gaitas júnior de 60 integrantes cos mesmos obxectivos, aínda que de menor idade e currículo, unha escola permanente de música e baile tradicionais, folclore e solfexo, cun gran cadro de baile (uns 60 integrantes), varios grupos de cantareiras (unhas 40 integrantes) e un grupo de percusionistas e pandereiteiras (duns 50 integrantes) cun repertorio tradicional galego variado e moi representativo. Asimesmo, conta cun repertorio de música de cine (bandas sonoras coñecidas internacionalmente) e con outro de música tradicional catalá que incorpora instrumentos tradicionais como o ‘sac de gemecs’, a gralla e o flaviol.
Esta banda de gaitas é, en definitiva, o resultado de case 30 anos de investigación, de formación, de compromiso e de integración dos novos valores a un proxecto sociocultural, a un proxecto de compromiso cívico, de asociacionismo consciente e voluntarioso, de aposta polo talento, a formación e a dedicación.
‘Xuntanza’ é posible grazas ao esforzo dos pais e das nais dos integrantes, ao traballo de tódolos socios e das xuntas directivas das catro entidades e a colaboración de institucións como a Xunta de Galicia, a Generalitat de Catalunya, a Deputación de Barcelona, o Ajuntament de Cornellà, o Ajuntament de Barcelona, o Ajuntament de L’Hospitalet, a Generalitat de Catalunya e a Fundacio La Caixa.
Nas vindeiras datas agárdase a súa actuación en Glasgow, Suiza, Estado Unidos, Cataluña e Galicia.