O certame de poesía da Asociación Rosalía de Castro de Cornellá cumpre 25 anos
Israel Martínez Veiga, polo seu poema ‘Tróuxenche a choiva’, e Victor Manuel Balcells Matas, polo seu traballo de narrativa ‘Pensar en els altres’, foron os premiados no Certame Literario Rosalía de Castro 2011, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona), que este ano cumpriu a súa 25ª edición na modalidade de poesía e a 8ª, en narrativa. Os premios concedéronselle a ambos galardonados no transcurso dunha cea celebrada o pasado día 26 de novembro no restaurante da entidade asociativa.
A cea estivo presidida polo alcalde da cidade de Cornellá, Antonio Balmón; e o presidente da Asociación, Alfonso Rico García, e a ela asistiron numerosos socios e amigos da entidade, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a política de Cataluña, ademais de representantes do Pleno Municipal de Cornellá e delegacións do resto de entidades galegas de Cataluña.
O acto foi precedido dunha conferencia na que o escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello fixo unha exhaustiva reflexión da poesía e a literatura galega medieval e contemporánea, destacando nas súas conclusións a fortaleza, a vitalidade e a importancia que hoxe ten a cultura galega neste mundo globalizado.
O xurado de esta 25ª edición estivo composto polo editor e poeta Miguel Anxo Fernán Vello (presidente), a licenciada en dereito Mónica Rancaño (vicepresidenta), o profesor e escritor e colaborador de ‘Sempre en Galiza’, Xulio Simón Rúa (vocal), e o filólogo e escritor Xosé Carlos G. González, quen actuou como secretario.
Como notarios de ‘Honra’ figuraron Coia Valls, escritora catalana; Xulio Ricardo Trigo, escritor galego-catalán; Ana Vázquez Estévez, documentalista, poeta e gañadora do Segundo Premio Rosalía de Castro; e Pura Salceda Carballeda, poeta, filóloga e membro da ‘Asociación Catalana d'Escriptors’.
O xurado cualificou esta edición como de fantástica participación, destacou o seu nivel moi importante e o presidente do xurado salientou a excelencia do traballo desenvolvido pola entidade, os colaboradores e os poetas neste fermoso labor de 25 anos de certame.
Na modalidade de poesía galega, ademáis do premio a Israel Martínez Veiga, da Coruña, tamén resultaron premiados, Amuta Castro (Rafael Xoán Muñoz Castro) de Xirona, polo poema ‘Setembro’; e Xosé Daniel Costas Currás, de Pontevedra, polo seu traballo ‘Amalia’.
Na modalidade de narrativa o xurado concedeu o premio da oitava edición do ‘Certame Rosa Reboredo’ ao traballo presentado por Victor Manel Balcells Matas de Barcelona, titulado ‘Pensar en els altres’.
A principios do ano 1987 convocase a primeira edición deste certame coa idea de promove-la poesía galega e os novos poetas que saíran do noso país, e tamén como homenaxe á insigne poetisa que dá nome a esta asociación galega. Cumprindo esta tarefa desde os seus comezos ata hoxe, participaron neste certame o máis salientable dos escritores que cultivan a primeira das artes da nosa lingua, a poesía. Poetas noveis, e mesmo consagrados participaron cos seus traballos ó logo da historia do Certame que acaba de cumprir 25 anos de andadura.
O ganador da edición deste ano xa acadou o primeiro premio no certame de 2009 con ‘A cidade da chuvia’.
Outros galardonados co primeiro premio no apartado de poesía foron Xosé Manuel Formoso Lago, con ‘Palabras para retellar...’ (2010); Cruz Martínez Vilas, con ‘Amante tocado pola Antropofaxia’ (2008); Brais González Pérez, ‘Veño sen máns do profundo’ (2007); Gustavo Peaguda Pérez, ‘Homenaxe inboluntario’ (2006); Raída Rodríguez Mosquera, ‘Historia dos efectos’ (2005); Alberto Momán Noval, ‘O pasado nas horas’ (2004); Elvira Riveiro Tobío, ‘Adivíñote un amante eterno’ (2003); Juan Carlos Fuentes Moledo, ‘En boca de amante’ (2002); Ramón Manuel Vilar Landeira, ‘O meu pobo son botas de goma’ (2001); Baldo Ramos, ‘As follas da memoria’ (2000); Carlos Penela Martín, ‘Pétalas frías ondas Silva Plath’ (1999); Xoán Neira López, ‘Os nenos da froita do tempo’ (1998); Isabel Fernández López, ‘Bágoas baldeiras’ (1997); Alexandre Nerium, ‘Cidadela (o verxel de sete fontes)’ (1996); Marta Fernández Viñas, ‘A lúa branca’ (1995); Xavier García Fernández, ‘Papel de névoa’ (1994); Manuel Celso Matalobos, ‘Cancioneiro Serodio Santandresino’ (1993); Martín Veiga Alonso, ‘Como un arco no tempo’ (1992); X. Carlos Gómez Alfaro, ‘Nai ó garete’ (1991) e ‘Alén’ (1989); Fiz Vergara Vilariño, ‘Alborada’ (1990) e ‘Canto de amos en dous tempos’ (1988); Darío Xohán Cabana, ‘Fragmentos de amor e nostalxia’, quen obtivo o premio en 1987.