Opinión

O ingreso de dona Balbina na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense

Manuel Suárez Suárez | 21 de septiembre de 2012

 O coordinador da ‘Radio do Ceo’ adiantou a trasmisión do ingreso na A.C.E.R. de dona Balbina Barreira Cousillas [San Martiño de Canduas-Cabana de Bergantiños] para que non coincida co comezo da campaña electoral en Galicia. O sempre activo Luís Seoane non quere chegar ao domingo 21 de outubro con dona Balbina fóra da Asemblea e por iso axiña buscou a colaboración de dous bergantiñáns para encargarlles a cerimonia de ingreso. Eles son: Isidro Parga Pondal e Manuel Lema Otero.

 

- Isidro: Se son o que comezo a falar é por razón da orde alfabética do meu nome de pía. O ingreso dunha nova compañeira é motivo de celebración xa que a miña vella amiga do lugar de Rebordelo representa o triunfo da determinación dunha muller emigrante. A nosa Balbina nunca se enrugou. Uns días antes da súa viaxe celestial preguntou se o presidente Mujica falaría pola radio o sábado 25 de agosto. Non quería perderse o razoado discurso de don Xosé nun día que é obrigatorio falar da independencia da República Oriental do Uruguai. Lembro que antes de emigrar estivo comigo en Laxe, na Casa do Arco, pedindo información sobre o caolín. Quería saber se a louza que vendía no bazar do Gallardo de Ponteceso levaba algo de mineral da famosa mina de Gundar [San Simón de Nande].

- Manuel: Eu sendo de Borneiro coñecín a seus pais –Manuel Barreira Tasende e Filomena Cousillas Leis– xa que paraban na nosa casa cando ían camiño da feira de Baio. Balbina era unha rapaza moi espelida. Non fuxía do coñecemento. Escoitaba con fonda atención as explicacións sobre o meu invento dunha máquina incubadora de pitos que funcionaba cunha estufa de leña que quecía coa temperatura xusta a máis de trescentos pitos.

- Balbina: Estou sorprendida. Non pensei que puidese formar parte dun grupo de xente de tanta categoría. Non sei se estarei fóra do meu terreo. Non tiven estudos agás o pouquiño que aprendín das marabillosas irmás Garisi que me ensinaron a ler e escribir en Montevideo. Poida que antes de embarcar no Cabo de Buena Esperanza fose unha parviña máis das moitas que naqueles anos buscaban un futuro en terras americanas. O do caolín sempre me interesou porque nunca entendín como é que quentando o mineral non escacha a peza de louza que sae do forno. O invento de Manuel do Monte era estupendo e foi patentado co número 158.277. Os enxeñeiros certificaron que o teu criadeiro estaba perfectamente deseñado ao basearse na detida observación do xeito no que as galiñas quentan aos seus pitiños.                                                              

- Isidro: Non sexas humilde, amiguiña. Ti estás aquí porque o mereces. A túa natural inquedanza fíxoche querer saber sobre xeoloxía; algo nada común nas mozas da túa idade que repetían aquilo de que unha é unha pedra e non hai máis que falar. Cando ti na tenda en Ponteceso mirabas para as brancas e relocentes tazas quixeches coñecer a composición da arxila. Eras moi curiosa e posuídora dun retranqueiro humor que te axudou a vencer todos os atrancos. Foi a túa bondade e xenerosidade a que te levou a camiñar feliz polos vieiros terrenais durante 105 anos. Parécenche poucos méritos?

- Manuel: A min pasoume o mesmo prezada Balbina. Sigo sen entender que fago eu no medio de ducias de galegos ilustres e cheos de sabiduría. Disque son un labrego e carpinteiro moi particular porque recibín un premio de pintura da Fundación Barrié pola miña obra A batalla do Ebro. Poida que fose un bo encofrador pero estou ben certo de que só pintaba para empregar o tempo. Din que son un pintor naïf pero non sei o que significa. Tampouco entendo que queren dicir cando me inclúen dentros dos inxenuístas. A ti Balbina aplaudímoste por unha longa e rica vida de muller emigrante que na capital uruguaia defendeu a identidade bergantiñá. Grazas a ti houbo varias familias montevideanas que souberon que os berberechos son para comer e que a fresquiña pescada riopratense vai moi ben de recheo nunha empanada.

- Balbina: Son sincera cando digo que non son merecente de formar parte dunha Asemblea onde están os máis importantes persoeiros da emigración galega no Río da Prata. Non teño que recibir ningún aplauso por casar con Pepe de Xulia e ter unha filla uruguaia. Se alguén ten que recibir unha distinción é a miña filla. Raquel foi a maior riqueza que tiven. Dedicou moitos anos a cuidarme esquecendo formar unha familia e quizais fun  culpable xa que ningún dos seus mozos me convencía nadiña. Agora, non hai remedio, pero estou arrepentida por meter os fociños nos seus asuntos amorosos. Podedes comprobar que tiven moitos fallos máis aló de algún que outro acerto.

- Isidro: Uns máis e outros menos, Balbina. Ninguén escapa dos erros. Eu que era católico e dunha boa familia recibín paos do franquismo e mesmo prohibicións por ter ideas republicanas. Se fixese caso dos avisos de amizades ben informadas non houbese quedado afastado e silenciado. Puiden ir para Bélxica, Holanda ou Inglaterra antes do triunfo do golpe de Estado xa que tiña as portas abertas nas mellores factorías de louza e porcelana que utilizaban o meu caolín. Alí varias empresas eran dirixidas por antigos alumnos meus que estiveran en Laxe aprendendo as técnicas de fortalecemento da aliaxe para un bo cocemento da cerámica en fornos industriais. Non quixen deixar Laxe e quedei na escuridade e coa boca pechada para non ter que pagar multas despois de ser expulsado da universidade compostelá. E todo isto considerando que o meu avó materno  era irmán do egrexio Eduardo Pondal Abente.

- Manuel: Acabas de chegar, compañeira. Os primeiros tempos aquí enriba son de autocrítica e de pedir desculpas polo moito ou pouco que fixemos mal aló debaixo. A min dóeme ver que puiden atender mellor aos meus familiares. Estiven demasiados anos lonxe de Borneiro xa fose na Coruña, Suiza ou Valencia. Pódoche asegurar Balbina que a única alegría nos meus desprazamentos foi cando traballei na construcción da central nuclear de Cofrentes e puiden visitar o Museo do Prado mentras esperaba a saída do tren. Era fondamente feliz diante dos lenzos de pintores con maiúsculas. Eles eran mestres e eu un ignorante sen idea dunha perspectiva ou do xeito de alumear un cadro. Non sexas moi autocrítica. Axiña descubrirás que os nosos pecadiños foron mínimos e non desmerecen a nosa ética e honrada traxectoria vital.

- Balbina: Haberá que irse afacendo. Agora mesmo o que máis desexo é poder matear con Alfredo Zitarrosa. Teño que entregarlle o disco Nos queda la palabra que lle mandan os amigazos Cristina & Washington. A voz da nosa neta da Pastoriza en ‘Para Manolo’ achegarálle o ulido do cotiá ‘Espinillar’ que bebía antes de comezar a súa xornada laboral no Municipio. O bar-café ‘Olimar’ foi o primeiro boliche ‘gayego’ de Alfredo. Alí coñeceu a Ramón Álvarez López [O Saviñao] e a Xosé Regueiro Suárez [Vimianzo] que o informaron de que en Galicia as farras eran foliadas nas que pola noite a mocidade bailaba e cantaba ao son dunha pandeireta. Recén dez anos despois fixo amizade con Manuel Touriño da parroquia pontevedresa de San Martiño de Agudelo. Despois duns cantos amargos contareille que as troitas que baixaban polo río Anllóns eran moi educadas e sempre saudaban movendo a cabeza e mirando para o campanario da igrexa de Canduas. Graciñas, Isidro e Manuel. Quedo as vosas ordes para calquera información que necesitedes sobre acontecementos ocorridos no meu querido Uruguai durante os últimos 85 anos.

 

Vota esta noticia:
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

publicidad

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

publicidad

Hemeroteca