Opinión

Moi prezados dirixentes de entidades galegas na Emigración

Quero aproveitar que estades en Galicia con motivo da celebración do X Pleno do Consello das Comunidades Galegas para facervos un rogo que coido será do voso interese. Sabedes ben, os que me coñecedes, que a miña longa traxectoria na colectividade comezou na capital uruguaia sendo un mozo emigrante que desexaba manter viva na beira riopratense o lume solidario da miña aldeán lareira de Tines [Vimianzo].
Moi prezados dirixentes de entidades galegas na Emigración

Quero aproveitar que estades en Galicia con motivo da celebración do X Pleno do Consello das Comunidades Galegas para facervos un rogo que coido será do voso interese. Sabedes ben, os que me coñecedes, que a miña longa traxectoria na colectividade comezou na capital uruguaia sendo un mozo emigrante que desexaba manter viva na beira riopratense o lume solidario da miña aldeán lareira de Tines [Vimianzo]. Fun eu, un emigrante, o primeiro en impartir un curso de idioma galego normativizado no exterior no ano 1984. Aqueles anos de entusiasta actividade tiveron froitos e moitos éxitos porque falar de Galicia era para min unha obriga apaixoada e patriótica que me enchía o corazón de fondo alento.

Cando volvín definitivamente para a miña terra descubrín que tiña morriña do meu espazo montevideano de candombe, mate, murga, Peñarol e doce de leite. A xente do meu país era fría en comparanza cos meus garimosos amigos do barrio e compañeiros da escola, liceo e universidade. O peor foi ter que oír parvadas sobre os emigrantes no Río da Prata. Tal semellaba que a transición democrática fixera maxia e agora, dun día para outro, os novos ricos desprezaban aos irmáns de fóra que os estiveran mantendo durante máis dun século. É certo que foron anos de gran crecemento económico e de modernización dun estado ancorado nun longo inmovilismo. Os sucesivos gobernos [UCD, PSOE, PP] teñen recursos e destinan moitos cartos para axudar as familias da diáspora e os nosos descendentes tramitan a nacionalidade xa que non queren esquecer as súas raíces.

Por desgracia, agora mesmo, estamos asulagados nunha crise e sen ter resoltos unha serie de problemas. A participación electoral segue sendo motivo de debate e cos emigrantes perdendo dereitos. Disque en tempos de recurtes sociais non é correcto falar dos problemas dos residentes no exterior. Entón, meus amigos e amigas, o panorama do futuro estase a complicar. Se cando había cartiños non se fixo, semella que neste momento non se moverá ficha. Aínda está sen resolver se somos de aquí ou somos de aló porque aínda hai quen sostén que somos estranxeiros por nacer lonxe. A verdade é que eu son optimista e sei que a forza da identidade galega pode con todas as barreiras que se lle poidan poñer. Quero dicir –para que me entendades– que son tan netos de Galicia os que viven na esquina porteña de Belgrano e Pasco como os da esquina picheleira da rúa do Hórreo coa rúa da Senra.

Vou pasar ao meu rogo logo desta pequena leria introductoria. Pídovos, por favor, que fagades unha reflexión sobre o futuro das vosas entidades. Eu sei que non é doado ser membro activo dunha directiva que se enfronta diariamente a unha realidade de escasa participación social. Hai entidades sen mocidade e sen persoas de mediana idade. Non podemos seguir así. Non somos bos galegos se deixamos morrer a casa que edificaron os nosos avós. A pregunta é se hai algunha solución e a resposta é ao meu entender moi clariña. Soamente poderemos prestar servizos culturais, deportivos e sanitarios se nos comprometemos coa UNIDADE. Diredes que o asunto é moi delicado xa que cada entidade ten os seus propios intereses ou que a culpa é dos dirixentes reacios ao futuro que prefiren oficiar de enterradores antes de aceptar a integración nunha alianza de futuro.

Non vou dicir que sexa doado camiñar polos vieiros da UNIDADE pero tampouco podo negar que unha ampla maioría de dirixentes son xente sensata e xenerosa. Levan toda a vida no seo da colectividade emigrante empurrando para que o fogar social non se veña abaixo. Aqueles que non teñen unha venda nos ollos están convencidos e así o manifestan de que ou collen o temón os netos ou a dorna esmocerá soíña en calquera curruncho americano ou europeo. Hai máis de dez anos que escribín: “A emigración galega necesita dun empurre emocional que veña de aqueles que naceron lonxe de Galicia. Eles son os lexítimos propietarios de máis dun século de loita e morriña. Os nosos descendentes non teñen morriña. O que teñen é conciencia de que o seu sangue veu do outro lado do mar. Non están freados por tristes recordos. Os seus recordos son fermosos. Lembran que os avós falaban de Rosalía de Castro e do río Miño e que os domingos arredor da mesa sempre se falaba de Galicia. Non esquecen que na familia nunca faltou o pan e o viño para facer o camiño.”

Sigo pensando que a nosa maior forza está nos nosos descendentes. Pídovos prezados compañeiros e compañeiras da diáspora que sexades valentes e comecedes a falar de UNIDADE. Merecedes todos os recoñecementos polo labor feito pero chegou o momento de actuar con responsabilidade. Os novos tripulantes da cultura galega polos mares do mundo tamén levan nas súas veas o sangue solidario da antiga e rexa etnia galaica. Non teño dúbidas de que as entidades en activo durante os vindeiros cincuenta anos serán menos numerosas pero moi sólidas e consolidadas. Os nosos sucesores non estarán nelas por interese senón por sentimento e ninguén andará detrás das subvencións da Xunta de Galicia. Os dirixentes das entidades galegas de mañá terán completa liberdade de acción  xa que soamente estarán atados polo único fío que non rompe: o sentimental. O dobre legado recibido [material –un inmoble– e inmaterial –unha cultura–] fará que sexan orgullosos cidadáns alemáns, arxentinos, brasileiros, cubanos, suizos, uruguaios ou venezolanos que cada 25 xullo berrarán forte e en harmonía: forza Galicia!