Opinión

Xosé María Álvarez Blázquez e Montevideo

Aínda que Xosé María Álvarez Blázquez non visitou Montevideo cando viaxou en 1969 ao Río da Prata invitado polo Centro Galego de Bos Aires o certo é que o seu labor editorial foi coñecido e recoñecido na capital uruguaia.
Xosé María Álvarez Blázquez e Montevideo
Aínda que Xosé María Álvarez Blázquez non visitou Montevideo cando viaxou en 1969 ao Río da Prata invitado polo Centro Galego de Bos Aires o certo é que o seu labor editorial foi coñecido e recoñecido na capital uruguaia. Naqueles anos setenta do século pasado o meu amigo Fernando Pereira Caamaño (nativo de Arcade en Soutomaior) ademais de secretario do Patronato da Cultura Galega era vendedor de libros a domicilio e foi quen tivo a feliz iniciativa de comercializar a colección ‘O Moucho’. Os vernes pola noite ía polo antigo e pequeno local en alugueiro do Patronato nunha galería comercial da avenida 18 de Xullo na que Fernando e Yolanda Díaz Gallego impartían clases de língua e historia de Galicia. Coido que foi no ano 1971 cando coñecín os fermosos libriños d’O Moucho (Edicións Castrelos) editados en Vigo por Álvarez Blázquez. Lembro que o primeiro que merquei foi O tío Miseria de Labarta Pose para fonda alegría do meu pai que repetía de memoria varios contos do escritor baiés. Recollo unhas liñas de Antón Reixa no xornal El País (9/5/2008): Neste ano a invocación a Xosé María Álvarez Blázquez ten moito, amais de ser ben xusta, de pedagoxía histórica. Trátase dun intelectual polivalente e de acción, un erudito que investigou a poesía medieval e que tamén foi quen de facer unha intelixente mercadotecnia editorial.
Foi Fernando quen me informou de que no ano 1969 viñera a Montevideo Xesús Alonso Montero –convidado a Bos Aires pola Federación de Sociedades Galegas– en vez de Álvarez Blázquez. Faloume de que o escritor tudense desenvolvera unha ateigada axenda de conferencias pero que a causa real foi un desentendemento coa directiva do Centro Galego. A tradición establecida era que o invitado de honra das Xornadas Galegas viaxase tamén a Montevideo. Naquela época pouco eu sabía das loitas políticas dentro da colectividade arxentina pero foron un bo aviso para anos posteriores, concretamente en 1979  sendo secretario do Patronato vínme obrigado a axeonllarme diante de Eduardo Sánchez Millares para conseguir que o convidado de honor viñese a Montevideo.
Non estou mergullando ao egrexio Á.B. na liorta porque tiña choio de abondo sen ter que preocuparse polos asuntos internos da colectividade. A súa visita á Arxentina foi positiva. Pero a historia é a que é. Por sorte temos un protagonista en Vigo, Alonso Montero, que pode corrixir as miñas apreciacións feitas desde a distancia. Comento isto para que os lectores saiban que a nosa colectividade emigrante era unha realidade viva na que había opinións e debates nun tempo no que a ditadura franquista ía esmorecendo.
Vexamos a continuación os actos nos que participou Á.B. en xullo e agosto de 1969: I) o 21 de xullo foi recibido pola Xunta Directiva do Centro Galego; II) o 22 imparte a conferencia en galego no Salón Castelao titulada ‘A chamada do mar’; III) o 23 imparte a conferencia en castelán ‘Los nombres proverbiales de origen literario’ na Sociedade Arxentina de Escritores; IV) o 25 e logo da misa, pola mañá no Panteón Social pronunciou unhas palabras nas “que transmitió su emoción gallega al denso núcleo que lo escuchó” e pola tarde na entrada do Centro Galego e ao pé da estatua a Rosalía de Castro falou en galego lembrando a vida e obra da cantora do Sar; V) o 28 no Colexio Nacional de Bos Aires unha conferencia sobre ‘Gil Vicente y Galicia’; VI) o primeiro de agosto falou no Instituto Popular de Conferencias sobre ‘Cábalas en torno al hombre’; VII) o día 4 pronunciou a súa última conferencia novamente no Centro Galego: Vilancicos galegos en España e Portugal. Hai que engadir que falou tamén en Mendoza na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Cuyo o 26 de xullo sobre ‘La invención del hombre’ e que estivo en Mar del Plata visitando o Centro Galego o 3 de agosto pero sen impartir ningunha conferencia.
Os que queiran máis información sobre certos pormenores da visita de Á.B. poden consultar un libro de María América Díaz titulado Luís Seoane. Notas ás súas cartas a Díaz Pardo [1957-1979] (Ed. do Castro, 2004) no que Seoane lle escribe a don Isaac dicindo “Álvarez Blázquez parece que pronunció, según me dijeron (no hago demasiado caso), una conferencia escolar en la Sociedad Argentina de Escritores. Creyó, seguramente, que sus asociados tenían la mentalidad de los alumnos del Instituto de Vigo” (carta nº 58) ou tamén outro parágrafo: “A José Mª Álvarez Blázquez no lo vi. El no hizo nada por verme. Quizás, como habló conmigo un día en el Café Alameda de Vigo, supone que tiene bastante con esa conversación para el resto de su vida” (carta nº 59). Tanto Seoane coma Álvarez Blázquez foron homenaxeados pola Real Academia Galega e forman parte do noso acervo cultural. O paso do tempo escurece pequenas diferencias do pasado para alumear nas moitas coincidencias do futuro.