Opinión

Seguen os debates na Asemblea Celestial Riopratense da Emigración Galega

Logo do éxito do primeiro debate –trasmitido pola emisora oficial San Pedro News– hoxe mesmo pola mañá tivo lugar unha segunda sesión que se recolle nas Actas do Ceo. Nesta quenda foron convidados polo presidente dous representantes da emigración galega en Bos Aires. O patriarca do Amenal considerou que sendo a capital arxentina o lugar do mundo de maior presencia galega hai que escoitar a súa voz sobre o voto exterior.
Seguen os debates na Asemblea Celestial Riopratense da Emigración Galega
Logo do éxito do primeiro debate –trasmitido pola emisora oficial San Pedro News– hoxe mesmo pola mañá tivo lugar unha segunda sesión que se recolle nas Actas do Ceo. Nesta quenda foron convidados polo presidente dous representantes da emigración galega en Bos Aires. O patriarca do Amenal considerou que sendo a capital arxentina o lugar do mundo de maior presencia galega hai que escoitar a súa voz sobre o voto exterior.
A escolla non foi doada. O certo é que abondan experimentados homes da diáspora porteña para intervir pero a maioría deles están centrados na análise do cambio que representa o presidente Obama. Así foi que aceptaron participar dous coñecidos dirixentes da colectividade: X. B. Abraira e E. R. Sánchez. As súas traxectorias vitais non coinciden exactamente pero Abraira de Meira e Sánchez de Noia con dúas sensibilidades moi diferentes son un bo exemplo da diversidade dentro da unidade natural chamada Galicia.
–Abraira.
Comezo eu non por ser o máis vello senón pola orde alfabética. A verdade é que me sorprendeu moito o convite de don Xesús Canabal para debater sobre o voto e a emigración. Pensei que a miña fama de revolucionario imposibilitaba calquera diálogo xa que aínda aquí arriba –onde se perdoan todos os pecados– seguen repetindo que sempre fun un tolo exaltado.
–Sánchez.
Home... non sei pero coido que gañaches todos e cada un dos calificativos que che puxeron. O de perdoar supoño que non vai contigo. Ti non eras xente de misa e xa sabes que aquí a chave aínda a temos os católicos. O de revolucionario coido sinceramente que che vai moi grande porque nunca pasaches de ser un berrón que estragaba as reunións mexando por fóra do caldeiro.
–Abraira.
Xa me parecía que non hai entendemento posible e que teño que mandarte unha, dúas e tres veces á merda. Primeiro falas da misa, mesturando o café co mate, e logo négasme o meu pedigree de Teórico Maior do Arredismo na emigración riopratense. Para o tema relixioso lémbroche que falando de certos pecados ninguén te superou. Para o de mexar fóra tamén cómpre facer memoria porque ti esqueceches os teus principios galeguistas no colo de don Manuel.
–Sánchez.
Contigo é imposible falar. Fuches unha persoa bipolar e segues auto-enganándote. Ías de ateo pero querías que Deus estivese no teu enterro. Falabas de independencia para Galicia pero defendías a trapallada reintegracionista. Estás moi negativo ao lembrar “certos pecados”. A miña afección a meterlle unha lixeira man no cu ás enfermeiras do Centro Galego non chega sequera á categoría de pecadiño.
–Abraira.
Vexo Eduardo que non che gusta o tema. Se o quitei foi porque estou ata os mesmos collóns de que a dereita se poña ao abeiro da relixión para agachar os seus defectos ou apetitos sexuais. Xa está ben, eh! Eu era un tolo porque defendía a independencia de Galicia e a creación da República de Meira e ti eras un sensato presidente que pasaba horas nos ascensores da institución á caza dalgunha enfermeira solitaria.
–Sánchez.
Non me gusta o tema Bieito, claro que non. Aquí viñemos falar do voto emigrante. Neste apartado podo presumir de que sempre defendín que a Quinta Provincia debía ter no Pazo do Hórreo os seus representantes. Ninguén me pode quitar méritos na defensa dos dereitos dos emigrantes e tampouco dicir que fun un mal presidente do gran Centro Galego.
–Abraira.
Certo... tes razón. Viñemos falar da carallada que teñen montada os ‘pepiños’ e os ‘socialatas’ para ir polas casas recollendo votos. Acepto que eras un bo defensor da Quinta Provincia e nunca critiquei a túa administración. Nunca tocaches un peso, tampouco fixeches fortuna, e  eras moi respectado na colectividade. Pero cando baixaches os calzóns fuches un máis dentro do séquito de adouradores do ex ministro vilalbés.
–Sánchez.
Son maneiras de ver as cousas. Eu nunca baixei os calzóns nin deixei de falar en galego nin de querer a Noia. Son o primeiro defensor do voto en urna. Agora que o penso ben... fun un auténtico pioneiro! Ao ver que as urnas non viñan non me quedei quieto senón que fun buscalas. Sen modestia ningunha teño que dicir que foi xenial a miña iniciativa de voar nun avión especial a Santiago de Compostela para votar por don Manuel na propia Terra Nai. Entón, que? Haberá que poñerme nos libros de historia, digo eu?
–Abraira.
Onde ti ves unha xenialidade eu vexo unha chafallada. Recoñezo que dentro de R.G. [Retraso Galego] estabas aliñado no sector máis progresista pero eras bastante pasmón. Poida que foses o primeiro carrexador aéreo fracasado. Perdoa, pero hai que ser boludo para encher un avión de emigrantes e viaxar máis de 12.000 quilómetros para non poder votar nas urnas instaladas en Galicia. Supoño que ti sabías que os residentes no exterior só poden votar por correo pero quixeches testemuñar a túa fidelidade a R.G. mediante unha viaxe simbólica. O partido está en débeda contigo pero non sei se os actuais dirixentes se lembrarán de ti. Disque que andan leados nunha loita virtual na que a língua castelá está en perigo.