Opinión

Unha primeira análise das eleccións na Asemblea Celestial Riopratense da Emigración Galega

Nas Actas do Ceo recóllese o último debate sobre as eleccións autonómicas galegas do pasado primeiro de marzo. Considerando o seu interese foi trasmitido en directo pola emisora oficial San Pedro News que emite sen censura previa desque nomearon a Luís Seoane coma o seu máximo responsable. Están programados máis debates porque sobe moito a audiencia cando se fala de emigración e do voto exterior.
Unha primeira análise das eleccións na Asemblea Celestial Riopratense da Emigración Galega
Nas Actas do Ceo recóllese o último debate sobre as eleccións autonómicas galegas do pasado primeiro de marzo. Considerando o seu interese foi trasmitido en directo pola emisora oficial San Pedro News que emite sen censura previa desque nomearon a Luís Seoane coma o seu máximo responsable. Están programados máis debates porque sobe moito a audiencia cando se fala de emigración e do voto exterior. Hai moita curiosidade polo cómputo do voto da emigración e en especial a determinación da incidencia da Santa Compaña nos resultados.
O presidente pide que os oradores sexan respectuosos nas súas expresións porque aquí enriba non están ben vistos nin os berros nin os insultos. Os participantes son tres coñecidos emigrantes riopratenses: Ramón Berdullas de Brión, Pedro Couceiro da Coruña e Manuel Meilán de Lugo. O primeiro falará en nome do PP e os outros dous en carácter de simpatizantes do falecido bipartito. As intervencións seguen a orde alfábetica.
–Berdullas:
A verdade que levei unha boa alegría co retorno dos meus ao goberno. Estou vendo a satisfacción de don Manuel Fraga Iribarne polo triunfo que sei o fará rexuvenecer para axudar na recuperación de Galicia. A maioría dos galegos entenderon que os socios do bipartito acababan con todo o que el fixera. Non tiñan dereito a desfacer as obras ben feitas.
–Couceiro:
Non sei don Ramón pero eu sempre pensei que vostede era un home máis intelixente. Comprobo abraiado que na súa cachola non leva nada só pleitesía ao Pai Fundador. Está dicindo que en tres anos e medio o presi Emilio e o vice Anxo estragaron Galicia. Se o cre realmente estou diante dun grandísimo pasmón. Algo que dubido moito porque gañou unha fortuna en Bos Aires entón é vostede un auténtico hipócrita.
–Meilán:
A min de parvo non me ten nada xa que Berdullas foi un lince nos seus negocios porteños. Quero falar dun tema que me interesa e do que estou lendo moito xa que o meu neto Maximiliano é arquitecto. Falo da lei do Hábitat aprobada polo bipartito. Unha normativa do máis avanzada do mundo na que a vivenda deixa de ser un luxo para convertirse nun dereito. Unha lei ética que por si soa xa debería de revalidar a confianza dos galegos. Algo tan galego coma unha casiña de seu non sumou ningún voto.
–Berdullas:
Por favor, don Manuel, crin que vostede era xente normal coma min. Sei que don Pedro ten dúas carreiras, medicina e química, e que toca o violín con maestría. Non me veña con trangalladas sobre as vivendas porque foi o bipartito o que freou a construcción. Toda Galicia chea de apartamentos e veñen os listos –en Bos Aires serían ‘los avivados’– do bipartito e paran todo para que a xente quede sen traballo. Flor de giles, iso é o que son.
–Couceiro:
Que eu fose o primeiro doutor en Química saído da universidade compostelá en especializarme en Munich e que fale alemán, inglés e francés non quere dicir que estea nas nubes co meu admirado Vivaldi. O meu pai era notario na Coruña e por iso puiden estudar pero fun sempre republicano e galeguista. Se miramos os tres anos e medio do bipartito con imparcialidade veremos que foi o mellor goberno da historia de Galicia. Dixen con imparcialidade, que xa sei non é fácil, porque temos o defecto de arrimar a sardiña á nosa lareira.
–Meilán:
Menos diplomacia don Pedro! O emigrante Berdullas é un máis do grupo de renegados do seu país. Meteuse nun barco para América porque quería ter unha boa gabardina [así o di el]. Aquí fixo moitos cartos e logo veña a facerlle reverencias ao patrón maior de Vilalba. Con esta traxectoria vital non se lle pode pedir que entenda quen defende o progreso para Galicia. Pensar en algo que estea máis lonxe do seu embigo é revolucionario.
–Berdullas:
É certo que quería ir á festa dos Ánxeles cunha gabardina nova pero non tiña as pesetas para mercala. En Bos Aires traballei sempre mentras outros andaban tocándose o carallo. Cando volvín polo aldea ía de punta en branco, moi feliz, porque era un americano. Se o meu partido volveu foi porque representa ao sentimento galego maioritario que mira ti por onde é bipartito: urbano e rural. Os dous están adheridos ao noso partido.
–Couceiro:
Non se trata de ser diplomático senón de entender que hai dous mundos ou realidades ben diferentes. Un sen case nada e o outro con todo. Cando eu investigaba sobre produtos sanitarios para vacinas do gando vacún o Berdullas só lera un libro que era o catecismo. Así é difícil que se chegue a ser solidario e a pensar no conxunto da sociedade. Ao revés, a emigración fixo medrar o individualismo máis egoísta e insolidario. Non se medra por dentro por mor dos cartos senón cando asumimos cal é o noso papel nesta curta etapa temporal chamada vida.
–Meilán:
A súa honradez don Ramón está fóra de dúbidas. Sábese que foi a persoa que puxo máis cartos dentro do PP porteño cando abriu a primeira sede local e pagaba o teléfono e os gastos do seu peto. O triste para min é que utilizase o diñeiro para manter aos galegos no retraso. O seu esforzo foi para que a dereita de sempre se perpetuase no poder, é dicir, os mesmos que o meteron nun barco para América. Hai que ser burro, oh!
–Berdullas:
O do catecismo é certo. O lía bastante mal e non entendía moitas das palabras que me facían repetir. Sigo sen saber o seu significado pero son moi católico, eh? Os cartos que puxen para o meu partido foron de corazón pero non todo foi coser e cantar. Paseino moi mal cando se produciron os enfrontamentos entre Castelao e Ucha. Son bos compañeiros pero incompatibles. Poida que fose un burro porque outros que enchían o peito diante de don Manuel Fraga non quitaban un peso do peto para que o noso partido botase raíces en chan arxentino.