Opinión

En Piriápolis lembrando a auga de Laxe

Para Maximiliano, o neto arquitecto de don Manuel Meilán, que constrúe futuro ao abeiro do cerro de San Antonio.O meu primeiro bañador foi montevideano e tamén o primeiro baño no mar. Antes só mollara os pés despois de correr polo areal de Laxe [A Coruña].
En Piriápolis lembrando a auga de Laxe
Para Maximiliano, o neto arquitecto de don Manuel Meilán, que constrúe futuro ao abeiro do cerro de San Antonio.

O meu primeiro bañador foi montevideano e tamén o primeiro baño no mar. Antes só mollara os pés despois de correr polo areal de Laxe [A Coruña]. Don Braulio, o médico familiar que atendía na Piroga [Bamiro-Vimianzo], recomendara ou mellor dito receitara para a miña avoa uns días de ondas pola mañá e pola tarde para mellorar a circulación do sangue.
A viaxe ao mítico lugar lonxano chamado Montevideo fixo que fose unha emigrante laxense, Evarista Trigo, quen me abrise os ollos sobre da diferencia entre as mornas augas riopratenses e as que ela respectaba moito no seu diario percorrido pola beira do mar ata Camariñas. Lembraba o camiño que facía e as pegadas que deixaban nel as rodas dos carros que ían na busca de para as leiras.
Falaba dun carreiro que pasaba por Soesto. Dicía que se ía vento era moi perigoso andar por aquelas rochas entre cantís. Repetía que era moi escravo pero non abondaban os sitios onde gañar un peso. Tardei anos en comprender que a moza Evarista se quería comer tiña que ir servir a unha casa de familia adiñeirada. O seu marido uruguaio dicíalle: Olvidáte, viejita, acá me tenés para cuidarte. Era o propietario-condutor dun taxi ‘Opel’ que brillaba polos catro costados e coido lembrar que nacera no departamento de Florida. En cada cita electoral de finais de novembro votaba aos brancos do vello Herrera aínda que comulgaba pouco cos seus herdeiros.
Estabamos en Costa Azul [Canelones] onde o matrimonio anfitrión tiña unha pequena casiña para o verán. O meu pai comentou que ao leste en Piriápolis [Maldonado] podíanse recoller ameixas na area da praia facendo uns pozos non moi fondos. A información recibíraa de Xosé Pérez Fuentes un moi falangueiro pontevedrés de Campañó [Poio] que elaboraba para o seu propio consumo máis de 500 litros de viño nun baixo de Burgues case Máximo Gómez.
Quedei sorprendido polos edificios e polo amplo paseo mariño no que destacaba o Hotel Argentino. Alí foi –sóubeno moito despois– onde se aloxaron Maruxa Villanueva e Eduardo Blanco Amor. Tamén Alfonso Rodríguez Castelao fixo  seu paseíño pola beira do mar comentando que lle recordaba a vila vasca de San Sebastián. Falaban con admiración dun tal Piria que fora o pioneiro impulsor daquel fermoso balneario.
Collemos ducias de ameixas con dúas pas especiais que fixera o meu pai en Casa Ponti. Eu nunca vira unha ameixa. Pola miña aldea de Tines nas cestas das peixeiras laxenses só viñan sardiñas e xurelos. Unha pota de auga no lume e o allo e o perexil ben picadiños nunha táboa. Na cea quedei calado mirando para a fumeante prata ateigada. A boa de Evarista axiña se decatou de que o recén chegado xa formaba parte dos comedores de vacún e preguntou sorrindo: ¿Querés que te haga un churrasquito, Manolito? Dixen que non por educación pero rematei cunha saborosa costela de cuadril no meu prato.