Opinión

Media ducia de razóns para non votar aos Blancolorados

Se somos capaces de analizar, sen paixón, a recente singradura política que vén de rematar na miña querida República Oriental do Uruguai teremos na contabilidade un saldo moi positivo. Houbo un temoeiro moi competente apelidado Vázquez que levou a dorna uruguaia ao abeiro das tormentas. Se aceptamos que dous e dous son catro haberá que ser boludo-gil-nabo para negar a evidencia dunha boa conta de resultados.

Se os salarios subiron e o paro baixou e as asignacións familiares medraron e a educación escolar mellorou haberá que concluír que houbo boa xestión. Se a sanidade pública chegou a milleiros de persoas esquecidas polo sistema e novas leis aprobadas outorgan dereitos a colectivos sociais haberá tamén que ser moi túzaro para non recoñecelo. Ademais, por se fora pouco, hai que suliñar o cumprimento dos compromisos cos organismos crediticios internacionais.
As miñas seis razóns –cadaquen terá as súas– para non votar aos blancolorados son as seguintes:
1ª) Son propietarios dun pasado de malversación dos recursos públicos que fixo caer na pobreza a un país cheo de potencialidades económicas e humanas.
2ª) Fomentaron durante máis de cen anos o servilismo do acomodo nun emprego público a cambio de ter o campo libre para afanar.
3ª) Negaron e renegaron dos principios do pai fundador don Xosé Artigas ao cal deixaron morrer esquecido no exilio paraguaiao.
4ª) Esqueceron aos pobos orixinarios facendo unha historia ao seu xeito onde os charrúas só estaban presentes coa “garra” nos acontecementos deportivos.
5ª) Mentiron sobre as posibilidades reais do país facendo apoloxía arredor de falsos dogmas coma os de “non podemos”, “somos pequenos” e “non temos mercado interior”.
6ª) Traizoaron o espírito emprendedor e xeneroso da inmigración ao non recoñecer que o esforzo do traballo é a maior nobreza. A súa aposta segue sendo a especulación e a “guita fácil”.