Opinión

Unha homenaxe aos emigrantes: “Galicia en Uruguay”

| 06 de septiembre de 2010
Hai uns días que dona Diáspora recibiu unha invitación de Emiliano Penelas para un acto no Salón Dourado da Lexislatura de Bos Aires. O convite era para asistir ao acto de nomeamento do egrexio cineasta Xosé Martínez Suárez coma “Personalidad Destacada de la Cultura de la Ciudad de Buenos Aires”. A verdade é que Josecito merece o recoñecemento oficial polo seu labor creativo e tamén porque é unha persoa de fondos valores éticos. Os seus avós eran andaluces de Uleila del Campo [Almería] e o seu pai que traballaba no ferrocarril “Pacífico” foi o presidente da Comisión a Axuda ao Pobo Republicano Español. Aínda lembra cando ía camiño de Bos Aires na compaña de seu pai para facer entrega de ducias de toneladas de roupa, mantas, colchóns e alimentos envasados. Naceu na provincia de Santa Fé nun lugar chamado Villa Cañás. Por aqueles pagos [“desde Rosario eran 204 kilómetros de tierra”] cando chovía non había cine e iso non o esquece o director do estupendo filme “El crack” que debería ser de visionado obrigatorio en todas as escolas deportivas do mundo. Haberá que preguntarlle a don Xosé se ten información sobre un emigrante galego apelidado Cañás ---poida que de Sada [A Coruña] xa que alí abonda--- que nos albores do século pasado foi atopar acougo nun fermoso curruncho santafesino.
Hai un anaquiño que dona Diáspora rematou de ler as 392 páxinas dunha homenaxe aos emigrantes galegos que encheron de xenerosidade as terras riopratenses da Banda Oriental do río Uruguai. Trátase do libro “Galicia en Uruguay” editado en Montevideo en decembro de 2009. O autor dos textos é o xornalista montevideano Armando Olveira Ramos que polo apelido paterno semella ter as súas raíces na Costa da Morte, máis en concreto no concello de Fisterra. O responsable da edición é o fotógrafo Ignacio Naón Pomiró que aínda que naceu en Bos Aires vive na capital uruguaia desde hai anos. Dividen o libro en oito capítulos: La Arribada; Galicia; Uruguay; Del Cantábrico al Plata; Gallegos y orientales; Las instituciones; Visiones y visionarios; Orientales y gallegos; Bares y boliches.
Agradece o fermoso agasallo que lle fixeron Pura de Oróns [Vimianzo] e Pepe de Pedramaior [Zas] xa que lle permite recordar aos moitos familiares que ten polas terras do  Uruguai. As fotos falan e se sabemos mirar con atención escoitaremos as voces  destes protagonistas espalladores de solidariedade. Logo de comentar algúns detalles sobre o bo goberno do presidente Mujica con varios dos reseñados por Olveira Ramos detívose diante da fotografía da páxina 237. Aqueles que sinten o mundo sen límites da emigración galega descubirán na mirada de Consuelo Villar Cousillas [Tella-Ponteceso] un río chamado Anllóns.
A súa expresión está  lembrando a conversa que tivo hai agora 50 anos na beira daquela corrente de limpa auguiña fresca que vai morrer no mar do Monte Branco. Foi na primeira semana de agosto de 1952 cando pola tardiña se achegou ao río para buscar aquela laxe branquiña na que sempre collía un pouco de sol a súa boa amiga dona Troita. Se a memoria non falla aquel diálogo foi mais ou menos así:    
– Consuelo: Teño que contarche que marcho para Montevideo. Eu aquí non fago nada. Se quero estrear un vestido non podo e na América poderei mercar un cada mes.
– Troita: Vexo que estás contenta. Poida que na América sexa coma ti dis pero nas terras uruguaias non hai troitas. Non terás con quen falar e aconsellarte. Non sei, miña amiguiña, ao mellor tes que pensalo mellor. Aínda es moi noviña para sentir morriña do que deixas atrás.
– Consuelo: Está decidido. Alí teño unha tía que me axudará e axiña poderei poñerme a roupa que desexe. Non sabía que as troitas non emigraban pero haberá outros peixes cos que poderei facer amistade para preguntarlle se terei sorte na nova vida americana.
– Troita: As nosas viaxes son sempre por canles coñecidas. Somos galegas e non nos vai ningún outro lugar. Temos a sensibilidade dunha muiñeira no corpo e fóra perdemos a elasticidade. Espero que manteñas sempre a miña imaxe nos teus ollos porque iso será o que te axude nos moitos malos momentos que vivirás. Non quero desanimarte pero sei terás moitos atrancos porque non estás feita para vivir lonxe da terra de Eduardo Pondal.
– Consuelo: A verdade é que poidas que teñas razón pero o teu caso non é o meu. Ti tes todo o que necesitas. Eu nada teño. Entón sempre mellorarei e non quero que me metas medo falando do futuro. Sei que só podo mellorar e iso chégame ben xa que non pretendo facer fortuna.
– Troita: Perdoa, queridiña. Non quero frear o teu destino pero sei que terás pouca sorte. O teu corazón non está feito para andar polo mundo. Ti es moi sensible e para triunfar lonxe da casa hai que ser dura e moi forte. Sen esquecer tamén unha moi alta dose de hipocrisía.   Que teñas unha boa viaxe e xa sabes onde estou.
Dona Diáspora ofrece a súa colaboración por se hai unha segunda edición. Hai detalles para corrixir en referencias sobre Galicia e tamén sobre Montevideo. Por certo, prezado Armando, fago unha precisión sobre Cea –o futbolista campión– de que non é galego senón uruguaio e podes determinar a razón de que lle chamasen “vasco” se analizas o seu apelido materno. Son cousiñas pequenas que non desmerecen o produto final. Non é doada a tarefa de escoller unha ou outra persoa porque son moitos os que merecen estar nestas páxinas. Cada emigrante encherá as páxina cos seus preferidos. Sempre faltará alguén que debera estar pero a intención é que os emigrantes sintan que se lles esta a recoñecer  o seu esforzo na construcción dun país integrador e sobre todo baseado nos ideais artiguistas de liberdade en democracia. Saúdos cordiais para Armando e Ignacio agardando poder falar nun dos boliches gayegos que sementan cordialidade e identidade nas esquinas montevideanas.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca