Opinión

Graciñas, Elba

O luns 28 de xaneiro faleceu en Santiago de Compostela unha filla da emigración en Bos Aires, ELBA CALVO PEÑA. Un infarto levounos a unha muller orgullosa de ser o gromo arxentino da mellor semente ourensá de Boborás e Cea. Síntome fondamente apenado e sen ánimo para escribir unhas liñas urxentes pero teño que facelo.

O luns 28 de xaneiro faleceu en Santiago de Compostela unha filla da emigración en Bos Aires, ELBA CALVO PEÑA. Un infarto levounos a unha muller orgullosa de ser o gromo arxentino da mellor semente ourensá de Boborás e Cea. Síntome fondamente apenado e sen ánimo para escribir unhas liñas urxentes pero teño que facelo. Sei que senón perderei puntos diante da miña amiga que foi unha tripartita triunfadora: honrada empresaria, garimosa nai de familia e eficaz integrante dunha agrupación política.

O motor de Elba foi a emoción e por iso non podo falar dela en pasado xa que a súa forza espiritual está arredor dos seus amigos e da súa familia. Aquí é onde atopamos a riqueza humana de Elba. O seu carácter extrovertido, a súa sinceridade e seu desinterese por xuntar cartos facíana inmune aos comentarios dos que a consideraban ambiciosa. Elba nunca tivo problemas económicos –certamente houbo tempos mellores e peores– que a puidesen afectar. Era feliz por non ter débedas. Era feliz co seu Norberto e cos seus fillos e netos.

Agora mesmo, sabendo como é, está desculpándose e pedindo perdón polo mal trago que lle fixo pasar a súa amiga Teresa. Coido poder certificar que ao chegar aló enriba o primeiro que dixo foi o seguinte: “Pobre, Teresiña. Con lo bien que lo pasamos el domingo y voy yo y le arruino el lunes con un dolor de estómago de esta podrida hernia de hiato que cada tanto me joroba”. Elba entregounos alegría, consolo e entusiasmo. Se hai algo que me amortece a dor pola súpeta partida é o de saber que a nosa prezada Elba vai pousar a súa alma na beiriña da inmorrente Rosalía de Castro.