Opinión

Galicia, entre Piriápolis e Tacuarembó

A historia da emigración galega ao Río da Prata indica claramente que foi un fenómeno social eminentemente urbano. A maioría dos nosos irmáns botaron raíces e buscaron abeiro nas urbes de Bos Aires e Montevideo. A capital da Banda Oriental do río Uruguai tivo sempre as portas abertas ao esforzo das nobres mans galegas que axiña se acriollaron arredor dun mate quente no fogón de Artigas.
Galicia, entre Piriápolis e Tacuarembó
A historia da emigración galega ao Río da Prata indica claramente que foi un fenómeno social eminentemente urbano. A maioría dos nosos irmáns botaron raíces e buscaron abeiro nas urbes de Bos Aires e Montevideo. A capital da Banda Oriental do río Uruguai tivo sempre as portas abertas ao esforzo das nobres mans galegas que axiña se acriollaron arredor dun mate quente no fogón de Artigas.
Non hai rúa nin barrio montevideano sen unha familia galega que deixese alí a súa pegada sentimental; pero iso non significa que non houbese emigración máis aló dos lindeiros da cidade-porto que fundou o capitán Zabala o 24 de decembro de 1726. Se imos ata Durazno –pertiño de Sarandí del Yi– atopamos que alí está a ‘Capilla de Farruco’, un monumento histórico nacional erguido polo galego de Paraños [Covelo] Francisco Rodríguez Alonso.
Sen ir buscar persoeiros famosos temos moitos uruguaios, con e sen sangue galego, que son firmes defensores da cultura da terra de Rosalía de Castro. En Piriápolis temos a Rafael Meilán Bello e en Tacuarembó a Carlos Arezo Posada. Rafael é fillo e neto de lucenses e Carlos descende dunha vella estirpe navarra do Roncal [na orixe o seu apelido era Areso]. Ambos os dous coinciden nos seus altos cargos xa que son directores xerais nos seus departamentos [concellos] de Maldonado e Tacuarembó; en Obras e Cultura respectivamente.
Os meus amigos teñen diferente formación académica e tamén partido político pero están unidos polo sentimento galego que nun caso é froito do seo familiar e no outro da amistade cun compañeiro da infancia. O meu prezado don Manuel Meilán Martínez, pai de Rafael, deixoulle un legado de galeguismo logo dunha vida dedicada a loitar polos dereitos nacionais de Galicia. No caso de Carlos foi o seu grande amigo Xosé Monterroso Devesa o que o fixo apaixoarse pola historia de Galicia a través da senlleira figura do médico de Laxe, Ramón Juega.
O fermoso balneario de Piriápolis que é onde reside Rafael foi admirado e louvado por Castelao, Colmeiro, Blanco Amor e Maruxa Villanueva. A nosa ‘Raíña do Alalá’ pasou moitos veráns polos areais e os montes da cidade fundada por Francisco Piria. Alí foi moi feliz. Sempre recordaba na súa casiña do fondo da Casa-Museo de Rosalía, en Padrón, cando ía a cabalo pola aba do cerro de San Antonio logo de facer un alto na fonte do Cerro del Toro. O seu aloxamento era no Hotel Argentino. Agora o bo de Rafael que é home de palabra non esquece unha promesa que fixo e quere homenaxear a aquela enorme actriz que viviu sempre con Piriápolis no seu corazón. Os que queiran emocionarse poden ler o texto do discurso no que Rafael toma posesión como intendente [alcalde] transitorio de Maldonado con motivo das vacacións do seu titular.
Polos verdes campos do norte uruguaio, en concreto na Estancia Santa Blanca [Valle Edén], naceu Carlos Gardel. O egrexio cantor é a figura emblemática sobre da cal basea Arezo Posada a promoción internacional do seu pago que está a facer desde a Intendencia Departamental de Tacuarembó. Hai unha faceta da vida de Gardel [Carlos Escayola Oliva] na que Carlos quere insistir. Trátase de rescatar ao Gardel Emigrante. Está pensando en organizar un Congreso Internacional. Os historiadores do tango afirman que obra do orixinal creador está marcada polo seu agachado nacemento ao ser fillo ilexítimo do coronel Escayola e pola súa condición de emigrante en Bos Aires. Carlos pensa que a Xunta de Galicia pode colaborar nos gastos de desprazamento –agora poder ser en tren– desde Bos Aires da cantante Graciela Pereira. A súa interpretación de tangos en idioma galego será un éxito que unirá en irmandade solidaria a Galicia con Tacuarembó.