Opinión

Emigración Galega, sempre con maiúscula

Coñezo unha persoa que leva loitando toda a súa vida polos dereitos dos emigrantes. Antes en Bos Aires e agora en Santiago de Compostela. Non necesita os cartos do salario que percibe xa que pode arranxarse ben coas rendas de máis de 45 anos de esforzos. Sempre o consideraron un triunfador pero el di que nunca lle pagaron as bágoas escorregadas cando ía deixando atrás as últimas casas dos Martores [Valga] camiño do porto de Vigo.
Emigración Galega, sempre con maiúscula
Coñezo unha persoa que leva loitando toda a súa vida polos dereitos dos emigrantes. Antes en Bos Aires e agora en Santiago de Compostela. Non necesita os cartos do salario que percibe xa que pode arranxarse ben coas rendas de máis de 45 anos de esforzos. Sempre o consideraron un triunfador pero el di que nunca lle pagaron as bágoas escorregadas cando ía deixando atrás as últimas casas dos Martores [Valga] camiño do porto de Vigo. Non pediu ningún cargo. Síntese fondamente satisfeito coa honra de ter ocupado un escano no Pazo do Hórreo desde o cal traballou a prol dos milleiros de homes e mulleres que tiveron que afastarse do manancial parroquial.
A persoa da que falo é coñecida miña desde moitos anos antes de que Galicia tivese autonomía. Os nosos temas de conversa son tres: fútbol riopratense, tango e emigración. Ten unha moi boa memoria e lembra ducias de enfrontamentos do seu equipo [River Plate] e centos de xogadores. Falando do meu Peñarol díxenlle que se tivese cartos viaxaría todos os anos a Montevideo para ver no ‘Centenario’ aos aurinegros mentras devoro un saboroso choripan. A última vez que tomamos café estaba triste. Aínda que non o confesou sei que estaba a pensar no seu único neto. Non o dixo pero supoño que bota de menos o non poder collelo da man calquera domingo pola tarde para ir paseniñamente ata cancha de Núñez.
O meu amigo está moi informado sobre todo o que acontece no mundo da emigración pero coido que non lle gustou nada quedar en fóra de xogo diante das malas novas de que en Madrid un grupiño de deputados se puxo a fozar nos dereitos dos cidadáns residentes no exterior. En galego fozar ou fedellar ou fochicar ten a acepción de “remover unha cousa sen coñecementos” e un fozón é aquel “que fai as cousas torpemente ou sen coidado”. Aquí citei tres verbos sinónimos galegos que serven para calificar a actuación da subcomisión parlamentaria en Madrid. Volvo insistir no feito de que sexa cal sexa o alcance da reforma da lei electoral a ofensa xa se fixo esquecendo o que di o mestre Manuel Rivas: Galicia naceu e renaceu na emigración, no exilio e nas factorías dos soños transatlánticos.
Cando se suprimiu a consellería de Emigración considerei que era un erro. O paso do tempo confirmouno xa que despois de quedar sen ela imos camiño tamén de quedar sen o dereito ao voto e sen a Fundación Galicia Emigración. Agora mesmo o meu amigo está botándolle unha ollada ao texto da Lei 40/2006 que coñece moi ben xa que foi un dos seus máis firmes impulsores. Supoño que estará lendo na Exposición de motivos unha declaración que non admite dúbidas: España debe considerar a su comunidad emigrante como un auténtico capital social: su compromiso con su tierra de origen la convierte en un recurso fundamental para la proyección de España en el exterior. Parte de este capital social está compuesto por miles de españoles no nacidos en España que residen por todo el mundo, ellos también son parte del presente de nuestro país y debemos de considerarlos actores imprescindibles en la construcción del futuro. O que non está nada claro é a transformación dos lexisladores. Antes aprobaron por unanimidade un texto de Estatuto da Cidadanía Española no Exterior e agora queren facer de serradores en vez de vixiantes gardas das vizosas árbores que medran no souto emigrante.
Os nosos tres partidos maioritarios coinciden en que Galicia está por enriba de calquera consideración localista. Por tanto estarán de acordo en que a Emigración Galega non é un problema senón máis ben unha axuda contra do desalento e a desilusión. Temos uns ingresos medios que nos permiten vestir ben e comer mellor pero estamos sempre coa queixa na boca. Os emigrantes están instalados no optimismo e se fuxen do pesimismo é porque son máis obxectivos. Nós, vivimos nun paraíso verde con mil ríos ao noso redor e parece que nunca acougamos a sede. Eles que coñecen outras paisaxes e falan noutras línguas e fixeron o fogar lonxe transfórmanse en deuses e deusas cando están sentados nun penedo do cabo Fisterra. Téñoos visto mirando ao mar. Os seus ollos amosan agradecemento. Síntense orgullosos de formar parte da tribo de Breogán.
Hai que empurrar e alentar para que os parlamentarios sexan seituradores e non gadañeiros. Eu sei que o meu amigo dos Martores coincide coa lucidez ética de Manuel Rivas cando di que “o voto dos emigrantes non é un atraso, non; pola contra, no mundo de hoxe é un espazo máis dos dereitos humanos e de partillar identidades”. O meu amigo leva sementando nas leiras da diáspora toda a súa vida e non quere retirarse sen loitar contra dun andazo chamado ingratitude. Non o vexo acompañando os restos fúnebres de dona Diáspora e moito menos de enterrador da saiba nova que necesitamos para non convertirnos nun país de “marmóricos predios da única industria en expansión: as Pompas Fúnebres” [Rivas dixit].
Os que len artigos de opinión sobre temas migratorios saben de quen estou a falar. Aqueles que estean doídos pola aldraxe aos emigrantes poden confiar no bo criterio do meu amigo porque a importancia do asunto vai máis aló das ideoloxías políticas de cada un de nós. Quero pedirlle ao noso presidente que no vindeiro Consello da Xunta exprese diante dos conselleiros a necesidade urxente de razoar desde a morriña para aproveitar a nosa máis poderosa forza identitaria e non deixarse levar polo esquecemento das actuais ondas insolidarias.