Opinión

Don Bieito Cupeiro Vázquez, un exemplo de ética galeguista

Aínda que pouco falei con don Bieito Cupeiro Vázquez podo dicir que o mestre de Barallobre [Fene-A Coruña] engaiolaba co seu discurso de galeguista honrado e comprometido. Quen o escoitaba entendía axiña o significado da identidade galega. Aquelas mozas e mozos que en 1979 asistiron aos seus cursos de Cultura Galega quedaron para sempre integrados en harmonía na verde nai Galicia.
Don Bieito Cupeiro Vázquez, un exemplo de ética galeguista
Aínda que pouco falei con don Bieito Cupeiro Vázquez podo dicir que o mestre de Barallobre [Fene-A Coruña] engaiolaba co seu discurso de galeguista honrado e comprometido. Quen o escoitaba entendía axiña o significado da identidade galega. Aquelas mozas e mozos que en 1979 asistiron aos seus cursos de Cultura Galega quedaron para sempre integrados en harmonía na verde nai Galicia. Teño dous bos amigos porteños, Graciela Pereira e Adolfo Lozano, que foron discípulos de don Bieito e que me permiten facer unhas liñas louvatorias deste egrexio mestre da diáspora. Graciela e Adolfo saben que as escribo co corazón en homenaxe ao mestre Cupeiro.
Nace o 14 de febreiro de 1914. Sofre unha poliomielite que supera coa súa forza de vontade porque quere rematar os estudos de maxisterio. Con 22 anos cumpridos embarca para Bos Aires o primeiro de xuño de 1936 desde o porto da Coruña. Nunha entrevista que lle fixo o prof. Luís Pérez Rodríguez en 1989 di: “Diante da inseguridade en que se vivía e a incerteza do que puidera acontecer, a familia Cupeiro resolveu viaxar ás terras do Prata a requirimento do pai e dun irmán alí establecidos... arribando a Bos Aires xusto un mes antes de comezar a enxurrada feixista… co que se salvou de ‘estar dando ortigas’ como andou a dicir un dos xerarcas da conxura, algo parente meu”.
Reside coa familia na cidade balnearia de Mar del Plata ata 1941 que é cando se traslada a Bos Aires. Se ben tiña mar e fermosas paisaxes diante dos ollos sentía que lle faltaba encher seu corazón de galeguidade. A capital arxentina era unha fervenza de actividade cultural naqueles anos que fixeron de arquivo onde se coidaron e gardaron as nosas tradicións. Ingresa na Federación de Sociedades Galegas na que desenvolve unha intensa actividade. Forma parte do Ateneo Curros Enríquez e da Comisión de Imprenta que é a encargada de editar o seu voceiro ‘Galicia’.
No ano 1947 coñece a Alfonso R. Castelao pasando a formar parte da Irmandade Galeguista fundada polo egrexio rianxeiro. Chega a ocupar a presidencia da Irmandade que tiña a misión de manter en pé os dereitos e a representación de Galicia. Segundo Cupeiro a Irmandade “viña encher o baleiro do Partido Galeguista no desterro”. Foi un moi activo colaborador na redacción de ‘A Nosa Terra’ que era o voceiro da Irmandade Galeguista. Dirixiu a revista ‘Orzán’ que era o órgano oficial do Centro Coruñés do que foi secretario e presidente. Presidiu a Comisión Intersocietaria de entidades galegas que era a encargada de lembrar e organizar as datas patrióticas galegas en unidade de actuación entre todas as entidades galegas. Fundador do Instituto Arxentino de Cultura Galega, directivo no Centro Galego e redactor de guións para o programa radial ‘Galicia en América’ xunto a Rodolfo Prada, Segundo Pampillón e Víctor Luís Molinari. En 1961 foi nomeado conselleiro do Consello de Galicia sendo o seu derradeiro secretario xeral cando o Consello pechou a súa actuación logo da recuperación da democracia.
Estiven en Fene na homenaxe que no ano 1994 lle dedicou o seu concello natal. O alcalde Xosé Rivera Arnoso inaugura o paseo marítimo que “une a ribeira do seu Barallobre natal coa de Maniños” dicindo que “agardamos que cada persoa que percorra este paseo se contaxie dos ideais de quen lle dá nome”. No acto falou Adolfo Lozano, un dos contaxiados, que rematou a súa intervención con estas palabras: Foi un home leal á causa de Galicia e esa lealdade foi a súa bandeira. Formou parte dos homes de Galicia en terra sbonaerenses. Foi un digno fillo da Ferrolterra e o mellor embaixador que tivo o seu pequeño Fene na afastada Arxentina. Graciñas mestre. Ficas sempre entre nós.
Para saber máis da súa traxectoria vital debemos de ler os seus libros Xornes (1987) e A Galiza de Alén Mar (1989) ambos os dous publicados en Edicións do Castro mediante a xenerosidade de Isaac Díaz Pardo. No primeiro lembra as súas vivencias da mocidade e no segundo escribe un bo ensaio sobre o galeguismo na Arxentina. Agora que pasaron os anos e considerando que morreu tamén quen enviou a Cupeiro ao exilio no Fogar de Ribadumia corresponde que o Centro Galego de Bos Aires repare os erros de directivos anteriores. Nunca é tarde para desculparse. Mentras que non sucede son os agradecidos membros da asociación cultural Os Gromos os que lembraron a Cupeiro o pasado sábado 14 de xuño dentro do seu programa Os Guieiros que case se pode considerar coma un ciclo da Memoria Histórica a pesar de que estamos a falar de persoeiras e persoeiros desaparecidos na diáspora riopratense hai 15 ou 20 anos.