Opinión

Do todo á nada (A tolemia do voto emigrante)

Non sei se entendín ben as notas de prensa pero en Madrid unha subcomisión parlamentaria está estudando a reforma do voto electoral dos chamados residentes ausentes. Digo que non o sei porque cústame crer que haxa unanimidade para borrar do mapa a máis dun millón de persoas censadas no estranxeiro.
Do todo á nada (A tolemia do voto emigrante)
Non sei se entendín ben as notas de prensa pero en Madrid unha subcomisión parlamentaria está estudando a reforma do voto electoral dos chamados residentes ausentes. Digo que non o sei porque cústame crer que haxa unanimidade para borrar do mapa a máis dun millón de persoas censadas no estranxeiro. Os dous grandes partidos políticos españois e os grupos minoritarios da cámara dos Deputados están de acordo en que deixen de votar en comicios municipais e autonómicos os que residen no exterior.  
Que está pasando? Chegaron media ducia de alumeados representantes da vontade popular ao descubrimento da pólvora dous mil anos despois que os chineses. O tema é ao meu entender moi importante e vai máis aló do que poidan acordar dous partidos políticos por moi representativos que sexan. Estáse a debater sobre a supresión de dereitos e sen entrar no eido dunha posible inconstitucionalide da reforma o certo é que calquera cidadán normal deste país está en contra desta insolidaria, inxusta e lamentable proposta. A min o que máis me doe é a confusión que teñen certos deputados entre o touciño e a velocidade.
Se antes se criticaron os fallos do sistema coma que voten os mortos non por iso agora hai que deixar sen voto aos vivos. Se no exterior houbo casos de compra-venda de votos tamén é unha práctica habitual no interior. Non sei se istes novos democrátas esquecen que por exemplo no Uruguai existen dous partidos políticos que se fundaron no século XIX. Non podo aceptar que se estea desprezando aos que tiveron que buscar un abeiro lonxe da súa parroquia. Na cacholiña dos deputados entrou a mentalidade do novo rico que está moi convencido de que se chegou á universidade foi polo esforzo dos seus pais. Certo que os pais teñen unha parte do mérito pero outra parte moi importante está en xente coma o meu pai, un ferreiro da aldea de Tines [Vimianzo] que en 1955 embarcou no porto da Coruña no ‘Castel Bianco’ para Montevideo.
Pero onde imos parar? O peor deste discurso terminal [que non reformador] é decatarse de que non hai interese ningún en que o voto sexa limpo. En lugar dunhas medidas sanitarias axeitadas aplícase a solución máxica da eliminación do dereito ao voto. Despois de anos de trapalladas agora non se vota nin nas municipais nin nas autonómicas. Sucesivos gobernos de diferentes cores políticas mantiveron un censo [o famoso CERA] cheo de erros. Non foi posible a realización dunha revisión e depuración dunha sinxela listaxe de persoas. Falan de que os emigrantes poidan elixir senadores. Home! A verdade é que non deixa de ser unha esmoliña porque os senadores non participan na elección do presidente e tampouco semella que se queira revitalizar a cámara alta xa que cinco senadores máis pouco poden achegar aos debates parlamentarios.
Entón a pregunta é se hai unha razón ou razoamento para semellante disparate anti-ético. Poida que os grandes partidos nacionais estean interesados nunha especie de recentralización que baleire de contido a creación xurídica de García de Enterría chamada o “Estado das Autonomías”. Se así fose non se entende que o BNG apoie unha aberrante modificación que deixará a máis de 330.000 galegos sen poder votar nas eleccións autonómicas. Coido que abondaría con limitar a reforma ao voto municipal para que nos concellos só voten os alí residentes. Para todos os demais comicios o voto será na urna en combinación co voto rogado. Aqueles que teñan preto un consulado ou unha oficina habilitada introducirán a papeleta na urna e os que viven afastados votarán por correo mediante a preceptiva e previa petición. Así debería ser.
Espero que se ergan voces discordantes e que da emigración cheguen milleiros de protestas que afirmen con claridade que somos auga do mesmo manancial. Os fillos dunha mesma nai son todos eles os lexítimos herdeiros dunha liñaxe que non divide entre os de dentro e os de fóra. Somos galegos en Vimianzo e en Montevideo. Somos cataláns en Vic e en Bos Aires. Somos andaluces en Granada e en Venezuela. Somos vascos en Gernika e en México. Se a pretendida reforma vai adiante haberá que presentar un recurso diante do Tribunal Constitucional e o fundamento para recorrer atópase na clara discriminación que supón que as súas señorías quiten dereitos electorais baseándose en razóns xeográficas.
Poida que non ande moi desnortado ao albiscar neste proxecto de reforma lexislativa un certo cheiro de menosprezo ou polo menos de escaso agradecemento aos emigrantes. Os autores da proposta consideran que a vella e heroica diáspora é un colectivo de ignorantes desinformados que calarán a boquiña sen chistar. Están sobrevalorando as siglas partidarias considerando en que se o seu partido aproba o cambio, por algo será. Fágolles chegar aos señores deputados o aviso amigable de que están equivocados e que axiña recibirán a correspondente reprobación desde centos de currunchos do mundo. Están esquecendo que por enriba das ideoloxías políticas está o sentimento de pertenza a unha terra. Os mananciais das aldeas galegas lembran a cada un daqueles emigrantes que nos seus tempos mozos achegaban os beizos para acougar a sede logo de sementar o millo ou de rozar no monte.