Opinión

Carboeiros

Gallegos carboneros en la Ciénaga de Zapata é un libro da autoría de Henry García, publicado por Galicia en el Mundo, de Vigo. Trátase dunha obra que eu quixera ter escrito, máis aínda, intenteino en 1971. Non na Ciénaga pero si no caio Sabinal. Estaba en contacto con Alexandre Pena, veterano carboeiro de Mondoñedo. Xa tiñamos os billetes de avión para viaxar dende a Habana ata Camagüey.
Gallegos carboneros en la Ciénaga de Zapata é un libro da autoría de Henry García, publicado por Galicia en el Mundo, de Vigo.
Trátase dunha obra que eu quixera ter escrito, máis aínda, intenteino en 1971. Non na Ciénaga pero si no caio Sabinal. Estaba en contacto con Alexandre Pena, veterano carboeiro de Mondoñedo. Xa tiñamos os billetes de avión para viaxar dende a Habana ata Camagüey. Pero no último momento o meu amigo chamoume lamentando que chovera moito e aumentara a “praga” (así lles dicían a uns feroces mosquitos que os atenazaban). E xa non volvín, a causa de outros compromisos. Pero sempre me interesaron estes traballadores. Coñecín varios, anos despois, na miña visita a dous asilos da capital.
Souben logo que cando Castelao estivera, con Virxinia, no “corte” de Jigüey, durmiron alí en hamacas porque a barca que os levou non poidera recollelos. Alí coñeceu Daniel a aqueles homes forxados nese durísimo traballo, con frecuencia metidos na auga ou na lama ata a cintura, abrindo canais polos que navegaban con pequenas embarcacións; cortando mangle, llana, patabán e outros arbustos, e tamén árbores madeirables; atendendo día e noite os ‘fornos’; bebendo auga de nube que recollían nunhas caldeiretas. Entregáronlle todo o diñeiro que tiñan, en cooperativa, debaixo dunhas pedras, para que o destinase ós nenos orfos da Guerra Civil. Foi un xesto moi emotivo para o visitante que lles falara da contenda e dos problemas de Galicia.
Nos caios Sabinal, Romano, e en Calabazas, Turiguanó e na Ciénaga de Zapata deixaron aqueles homes costumes, xeitos de vida, as súas míseras vivendas e moitas palabras galegas que os poboadores seguen utilizando na fala de cada día.
Henry García fixo unha rigorosa investigación sobre o terreo. Entrevistou a fillos e netos daqueles homes, os máis deles da provincia de Lugo, que nos ofrecen unha testemuña viva e por veces estarrecente.
Queda moito por facer para que nos vaiamos achegando á peripecia multiple dos nosos paisanos mundo adiante. Eu téñome ocupado dos pescadores das Mariñas que faenaban nas augas da Florida e de Iucatán. Henry abordou o interesante mundo dos carboeiros. Cómpre seguir. É necesario que as novas xeracións saiban da aventura de vivir dos seus antepasados que un día cruzaron o mar.