Opinión

Unha boda en Vilaquinte

“Hai unha Casa de loureiro e soño…” (Xulio L. Valcárcel)É o sabado 14 de xuño de 2008, en Santa María de Vilaquinte, comarca de Carballedo, ao sur de Lugo.
Unha boda en Vilaquinte
“Hai unha Casa de loureiro e soño…” (Xulio L. Valcárcel)

É o sabado 14 de xuño de 2008, en Santa María de Vilaquinte, comarca de Carballedo, ao sur de Lugo. Os noivos, Joachim Weber e Ana María Moure, chegan á parroquia, nunha mañá morna e xubilosa, animada polo rebulir das mulleres que fan os arranxos ornamentais na pequena igrexa románica de pedra nativa… Joachim e Ana María van ser consagrados marido e muller no mesmo templo onde fora bautizado, nun lonxano 25 de febreiro de 1912, o avó dela, Cándido Moure.
Ana María é chilena e mais española, nesta curiosa dualidade xurídica de patrias, non sempre recíproca nos afectos… Joachim é alemán, e ámbolos dous, que se coñeceran en Madrid, elixiron a igrexiña debruzada sobre o verde val, na Galiza profunda, como se o sacramento fora o elo que os vincallara coa orixe galega do avó. O xesto ritual e a vontade anímica da busca das vellas raizames é unha constante na familia dos Moure Rojas e na súa prole numerosa.
Cándido pai –xa fora dito moitas veces– deixoulles aos seus oito fillos unha herdanza inesquencíbel: o amor morriñoso polo pequeno casal de A Touza, perto de Vilaquinte, o cariño entrañábel pola nación do Noroeste céltico… Un clan, cecáis unha tribo que vive escindida nos confíns, alimentando unha dobre nostalxia que se alonga en once mil quilómetros de lonxanía entre mares e cordilleiras.
O cura Luis percorre os casais da comarca na mañá dos domingos, oficiando a misa ao xeito das misións circolares que facían os xesuítas na Nova Galiza, Chiloé, hai trescentos anos. Imparte os sacramentos entre a minguada freguesía das parroquias... Hoxe, antes de comezar a cerimonia, advirte que fará a misa en castelán, por respecto aos invitados que acudiran dende Alemaña e dende Sudamérica. (Iste cronista lémbrase das misas en galego escoitadas ao crego Luis, un dos poucos do seu oficio que entende a necesidade dos fregueses de que se lles fale de Deus na súa lingua vernácula).  
A beizón dos noivos fíxose segundo antiga tradición: primeiro os aneis, despois escollense trece moedas de distintas orixes… Escoitase de súpeto –sorpresa para os contraíntes e para case tódolos presentes– a inconfundíbel voz de Amancio Prada, en persoa, que canta ‘Gocémonos Amado’, maxistral interpretación poético-musical de San Juan de la Cruz. Logo da cerimonia de unión, Amancio ofrecera outra canción baseada tamén na poesía de San Juan de la Cruz.
Mario Moure, o emocionado padriño, que leva a noiva ao altar no nome do seu pai, o noso irmán Eugenio –o primeiro que fixera a descuberta da Casa petrucial–, dirixe unhas verbas aos asistentes:
“Amigas y amigos de esta entrañable Galicia, nuestro padre nos transmitió el amor por esta tierra, por sus costumbres, por su lengua y por sus gentes. Cándido fue un permanente embajador, en el sentido más amplio de la palabra, de su ‘Galicia profunda’… En su fardel campesino le acompañaban Rosalía, Curros, Cabanillas y Pimentel; asimismo Juan Ramón Jiménez y García Lorca, y el viejo e inmortal Cervantes, que nuestra madre chilena, Fresia, leía en las encendidas sobremesas…”.
“Pero no he venido a hablar de mi padre, sino de mi querida sobrina Ana María… Ella es una abogada brillante, magíster en Holanda y Francia, doctora en España, y Alemania… Ha conquistado estos títulos y grados gracias a su capacidad, emprendimiento e inteligencia y al esfuerzo y apoyo permanentes de su madre, Ana María, presente en esta ceremonia…”.
“Ha engaiolado a este alemán, Joachim, pariente nuestro desde ahora, cuando pasó por Madrid. Hijo de una familia, arraigada también a la tierra y a la tradición cristiana de la vieja Europa. Forman una hermosa pareja, y no me cabe duda de que serán portadores y continuadores de este hábito luminoso de apego a los valores humanos de la estirpe. Un matrimonio chileno-alemán, gallego-alemán, celebrado en Galicia. Damos gracias a Dios por esto y agradecemos a todos ustedes su presencia, viniendo a acompañarnos desde remotos lugares…”.
“Permítanme, Ana María y Joachim, en nombre de María Eugenia y mío; de mis hermanos y de mis hijas, de Eugenio –tu padre– y de tus hermanos; de tu abuelo Cándido, que te sonríe desde ese cielo gallego que nos enseñó Castelao, bendeciros, pidiéndole al Buen Dios que colme en vosotros la copa de la felicidad y que continuéis siendo buenos, apoyados en ese pilar fundamental que será la nueva familia que estáis germinando, sin olvidar jamás las raíces y los antepasados que os han dado la vida…”.
As verbas de Mario son coroadas pola canción ‘Adiós ríos, adiós fontes…’ na voz de Amancio, momento no que as emocións contidas estalan en sospiros e saloucos feitos de ledicia e de señardade, mistura tan afeita aos galegos da diáspora… Os aplausos soan dentro e fóra da igrexa coma a chuvia agoreira do verán.
Xulia, a nosa prima de A Forxa, organizou moitos dos detalles da boda, axudada polos seus sobriños e netos. Sobre todo os arranxos do xantar, que é glorioso, digno de gourmets coma Cunqueiro e de larpeiros coma os nosos parentes de Chacra El Olivo, ao norte de Santiago de Chile… Unha mesa interminábel onde o condumio trócase, en si mesmo, festa de arume, sabor e cores enfeitizantes. Os viños chegaran da Rioja, de Chile e da adega da casa, para verter o seu engado nos beizos e nas gorxas arelantes…
De Chile vense, na ara sacra dos manxares: Mario e María Eugenia, Juan Luis, Fernando, Pía e José, María Jesús, María Ignacia… Ana María Pino, a nai da noiva, a súa sobriña Paola… De Alemaña: os pais e os avós de Joachim, seus curmáns, primos e mais amigos que viñeran de Colombia, México, Madrid, Sevilla… De Vilaquinte: Xulia, a nosa marabillosa anfitriona de sempre –Mai das Nais, irmá de todos– e os seus netos Eva e Rubén; os Bouzo, Celita; os fillos de Eladio e María –estes, anxos gardiáns da Casa de A Touza por moitos anos–, os Rodríguez: Lola e Luis; os Grande; Pepe, Amparo e os seus fillos… Amancio Prada e a súa compañeira, a carón dos esposos…   
Non hai dúbida que estaban tamén os antergos que xa partiran: Cándido, Naulina, Alicia, Elena, Manuel, Antonio, José María; os avós Cándido i Elena, o propio Eladio, que tivera o seu pasamento hai cinco anos e que sempre abríanos o portal da Casa para que os fillos pródigos completaran a interminábel peregrinación das xeracións, andoriñas do Sur que voltan cada ano ao niño do Norte para que o fío da saudade siga unindo os corazóns alén mar, “alén do alén”, que dicía o poeta lucense…
Unha boda en Vilaquinte que foi coma un soño feito realidade na conxunción máxica dos nosos Fisterres Atlántico e Pacífico.