Opinión

Un bo rapaz de Folgueiras

Dona Diáspora achegouse pola parroquia de Calo [Teo] xa que hai anos que o seu vello amigo Eduardo Liste Carro a convida para a sardiñada que organiza no campo de Rebordelo a Sociedade Recreativa. Neste ano as sardiñas tiñan un sabor especial porque son o aperitivo da celebración do Cincuentenario da S.R. que terá lugar o vindeiro domingo 13 de novembro.
Un bo rapaz de Folgueiras
Dona Diáspora achegouse pola parroquia de Calo [Teo] xa que hai anos que o seu vello amigo Eduardo Liste Carro a convida para a sardiñada que organiza no campo de Rebordelo a Sociedade Recreativa. Neste ano as sardiñas tiñan un sabor especial porque son o aperitivo da celebración do Cincuentenario da S.R. que terá lugar o vindeiro domingo 13 de novembro. O benquerido Eduardo é unha persoa cordial e xenerosa que leva no seu corazón a dor de non saber onde está enterrado o seu pai, Constante, que fora asesinado en 1936 por ser bo canteiro e mellor persoa.
Cando o lume da cacharela vai queimando a Cabra Vella –obra do xenro carpinteiro de Eduardo– é o momento no que ano tras ano escoita a voz do quen fora Tenente Alcalde no concello de Teo. O fume faino collerse da súa man camiño de Balcaide: Non sufras, Eduardiño. Ti ben sabes que os teus tíos non me deixan só nin un minuto. Sempre estamos entretidos. Cando non sae o tema da batalla do Ebro pois son as minas de Varilongo ou agora mesmo que estamos a falar dun rapaz de Folgueiras que nos honrou cunha avenida en Ameneiro. O teu tío Xesús farda moito diante dos seus compañeiros do PCOE informándoos de que o camiño polo que ía a Santiago leva os seus dous apelidos. O único que sinto ben, meu fillo, é non poder contarlle historias aos meus netos Eva e Suso ou ensinarlle un pouco da nosa fala gremial de arxina. Adeus e ata de hoxe nun ano.
Os que coñecen a Eduardo cústalles crer que posúa un espírito tan forte. Fala con un e outro. Lembra cando a súa tía Aurora ía co leite ás portas de Compostela ou cando estivo en Praga con aquel famoso Líster que enche de páxinas centos de publicacións mundiais. Le moito aínda que se queixa de que a vista non é o que era. Na tertulia no bar ‘Loncho’ da Casalonga é un seareiro necesario para a mantenza dos recordos que forman parte da historia local. O meu amigo foi emigrante e traballou durante moitos anos en León, Holanda, Irlanda e nos Emiratos Árabes. O seu pensamento está fondamente consolidado no antidogmatismo. Di que atopou boas persoas por todos os lugares e que non esquece a ningunha.  Os golpes da vida espeliron os seus sentidos pero non estragaron os seus sentimentos. Espertou antes de tempo e foi cedo por regos lonxanos e seituras descoñecidas pero volveu ao carón do lume quecedor de Ameneiro.
Dona Diáspora irá pola Ramallosa para falar coa concelleira de cultura, Carme Hermida Gulías, para pedirlle convoque unha xuntanza con todos os canteiros de Teo. Quere falarlles do seu compañeiro Constante e propoñerlles a realización dunha homenaxe na mesma pedra que el traballaba. Unha suxestión é a colocación dunha chanta vertical de granito teense no lugar máis achegado posible ao sitio onde o mataron. Pola frente levaría gravado o fermoso poema “A Constante Liste, canteiro bo e Tenente de Alcalde de Teo, asesinado no ano da morte de 1936” [A Constante Liste, arxina xido e Vedello Bate de Teo, estafado no luceiro do estafamorio de 1936] da autoría de Xosé Luís Santos Cabanas. Os actuais canteiros deberán de repartir os versos para que o arxina xompaina –é dicir, o canteiro compañeiro, na fala gremial– reciba a forza solidaria de cada un dos ciceis irmáns que seguen erguendo futuro. Así se fan as cousas en Teo. Sempre con moito agarimo e sen ter que andar detrás de axudas ou subvencións que por outra banda son escasas nestes tempos de crise.