Opinión

Aquel baúl arxentino da tía María

Estou vendo a expresión de alegría da miña nai cando aló por 1950 remexía con présa nun baúl cheo de roupa que chegara de Bos Aires. A súa irmá maior, María Suárez Lema, emigrara un ano antes. Aquel baúl era a confirmación de que en América ataban os cans con longanizas.
Aquel baúl arxentino da tía María
Estou vendo a expresión de alegría da miña nai cando aló por 1950 remexía con présa nun baúl cheo de roupa que chegara de Bos Aires. A súa irmá maior, María Suárez Lema, emigrara un ano antes. Aquel baúl era a confirmación de que en América ataban os cans con longanizas. Traballaba nunha fábrica téxtil que coido se chamaba Sudamtex e xa foi quen de aforrar para que a familia puidese ir á festa da Ermida Vella [Tines-Vimianzo] de punta en branco. Había roupas e teas para escoller e todo de boa calidade.
Agora a miña tía é viúva e vive desde hai máis de 40 anos na fermosa cidade de Córdoba. Alí goza dun clima seco que vai moi ben para os ósos. Ten a súa casa no barrio San Martín e cunha pequena pensión de xubilación é unha emigrante feliz porque está xunto aos seus fillos e netos. Sen luxos pero naquela casa nunca faltou pan na mesa nin tampouco un bo asado de tira cando alí nos achegabamos desde Montevideo. A miña curmá naceu en Bos Aires e o meu curmá en Córdoba e aínda que non coñecen Galicia gardan dentro seu ducias de historias de cada unha das familias de Tines.
Quixera que os deputados que están a debater en Madrid me expliquen e convenzan de que eu non podo devolverlle a miña tía un baúl cheo de solidaridade. Quero que me digan cal é o seu sesudo razoamento para que o seu sobriño non poida compensar o seu esforzo nos seus últimos anos de vida. Coido que a delegación que facemos nos deputados non os autoriza para lexislar ingratitudes e desprezos. As súas señorías teñen un mandato para actuar en favor dos administrados e non puxen ningunha cruz enriba dun recadro que suprima a solidariedade.
A miña nai quere que a súa irmá poida estrear un vestido novo en cada cumpreanos dos seus netos. A min paréceme que non facemos nada extraordinario con recoñecer a achega da diáspora porque nunca pagaremos o moito que eles nos deron. Non me poden negar ou prohibir que unha porcentaxe dos meus impostos vaia para a estensión do estado do benestar aos que viven lonxe da súa parroquia. A miña nai díxome que se deixan sen voto á súa irmá logo quedará esquecida. A min tamén me cheira mal porque xa me diredes que se hai coitelo para un dereito constitucional o que non farán cando haxa que investir en axudas sociais.
O voto identifica cunha terra. O voto significa compromiso. O voto é un xeito de non esquecer. Cando se vota estase a pensar nos camiños por onde se tiveron os primeiros amores. Nós, os galegos, somos fillos dunha paisaxe. As árbores, os manaciais e os penedos van con nós e sexa no meu Montevideo ou no meu Bos Aires é sempre o que primeiro botamos en falta. Na nova lareira haberá un espazo para a morriña e a homenaxe ao lugar onde os ollos coñeceron a luz.
Non creo que os deputados impulsores da reforma se detivesen un minuto en considerar algún dos aspectos dos que estou a falar. Se coincidisen comigo en que estamos a falar de sentimentos –ademais de dereitos constitucionais– non propoñerían un cambio normativo que vai afectar directamente ao cerne da sensibilidade do emigrante galego. A min os estudos que presenten sobre porcentaxes electorais non me din nada xa que no fondo o que se persegue é que os de fóra sexan de pao ao mesmo tempo que reciben o pao.
Hai veces que non entendo nada e quedo desconcertado. Hai crise económica pero unha das pezas básicas da política da actual administración é o mantemento das políticas sociais. Paréceme ben porque é de xustiza pero entón a pregunta é se só haberá dereitos sociais para os residentes. Tampouco vexo nada claro que se queira cortar a unión coa terra nai ao mesmo tempo que se entregan tarxetas de atención sanitaria. Hai algo que non cadra.
Non acepto que a gadaña parlamentaria viaxe polo mundo adiante facendo cortes nos sentimentos xa que é unha ferramenta que se fixo para seiturar, é dicir para cortar a herba ou os cereais. Teño a esperanza, non sendo o oficio dos deputados o de gadañeiros, de que recapaciten e elaboren un proxecto de futuro no que o voto dos emigrantes sexa limpo e non se volva falar de trapalladas. Estou convencido de que haberá sentidiño aínda que doe moito ver que se fala de cifras e números cando se refiren a irmáns nosos que non están ao noso carón.