Opinión

Entre Barcelona e Montevideo, díptico emigrante

A recente proposta para a reforma da lei electoral enviada a Madrid foi acordada polos tres grupos da cámara autonómica. Comeza un novo camiño diante dos problemas da emigración. O feito é histórico xa que os parlamentarios deixaron fóra da axenda electoral aos emigrantes. A nosa diáspora está sendo considerada un “tema de nación” que terá o respecto que merece sexa quen sexa o que goberne.
Entre Barcelona e Montevideo, díptico emigrante
A recente proposta para a reforma da lei electoral enviada a Madrid foi acordada polos tres grupos da cámara autonómica. Comeza un novo camiño diante dos problemas da emigración. O feito é histórico xa que os parlamentarios deixaron fóra da axenda electoral aos emigrantes. A nosa diáspora está sendo considerada un “tema de nación” que terá o respecto que merece sexa quen sexa o que goberne. O avance é moito máis importante do que parece. Despois da reforma desaparecerán as trapalladas dos chamados axentes electorais e os parlamentarios terán máis tempo para afondar na elaboración de leis que axuden na modernización deste noso vello país atlántico.
Falarei de Antonio Díaz Fernández e Manuel Losa Rocha que fixeron as súas vidas en Barcelona e Montevideo respectivamente. Os meus amigos Antonio e Manuel forman un díptico emigrante cun mesmo sentimento a pesar das distancias e distintas realidades sociais. Non hai diferenzas entre eles no sentimento de pertenza á Nazón de Breogán aínda que un vive a mil quilómetros e o outro a doce mil. Antonio naceu na Fonsagrada e Manuel en Santiago de Compostela pero sei que se se atopan no compostelán ‘Derby’ haberá horas de conversa en irmandade e invitacións para seguir falando en terras catalanas e uruguaias.
O lucense Díaz Fernández naceu en Piñeira sendo fillo dunha familia labrega na que o pai era artesán. Con 18 anos emigra ao País Vasco e logo a Catalunya (Cornellá). A súa profesión é a de técnico industrial. Desde que chegou ás terras catalanas estivo mergullado nas asociacións galegas. No ano 1979 participa na fundación da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro ocupando diversos cargos directivos. En 1987 funda e dirixe a revista ‘Lúa Nova’. É corresponsal do semanario ‘Galicia en el mundo’, colabora en programas de radio e preside a ‘Asociación para a Comunicación cos Emigrantes Galegos’. Entre outros colaborou na publicación dos libros: Certame de Poesía Rosalía de Castro; Homenaxe a Luís Seoane; A emigración Galega na Unión Europea.
No ano 2000 Antonio publica Conversa cun zoqueiro un fermoso libriño no que lle fai unha homenaxe ao seu pai Xosé o coñecido zoqueiro de Piñeira. A través dunha entrevista don Xosé vai contando a súa vida:

Foi vostede un labrego?
Si, fun labrego toda a vida pero nesta zona só cos labores do campo non se podía vivir, así que só quedaban dúas solucións: aprender un oficio ou emigrar. Daquela a emigración alén do mar (que era a única) era unha viaxe sen retorno, era o soterramento en vida de fillos e pais. Así que eu decidín quedarme na miña aldea e aprender o oficio de zoqueiro que entón era fundamental pois as zocas era o único que a xente podía calzar a cotío.

O compostelán Losa Rocha tamén foi seducido polos libros despois de anos en Montevideo. Vivía nunha cidade na que seu pai era reloxeiro no lugar que hoxe leva o número 16 na avenida Rosalía de Castro. Estudou no colexio dos Irmáns de La Salle entre 1951 e 1953. O caso de Manuel é distinto ao de Antonio porque emigra toda a familia para a capital uruguaia. De neno axudaba ao pai e só había un choio que non lle gustaba que era o de ser a forza motriz cando seu pai tiña que facer no torno un eixe de volante. Con trece anos atópase en terras americanas sen saber moi ben o porque. Non quería emigrar. Estivo uns anos sen ingresar no xeito montevideano de vida a pesar de que seu tío Francisco –o polisón– que estaba moi acriollado (tomaba mate e escoitaba tangos) contáballe historias sobre os costumes uruguaios. Participou na fundación do Patronato da Cultura Galega e foi directivo do Centro Galego e colaborador na Casa Compostelana e no Centro Coruñés.
Escribiu unha boa biografía sobre don Xesús Canabal Fuentes e os libros Relato dun emigrante de Santiago de Compostela a Montevideo e O vendedor de libros. Neste último traballo, un moi recomendable manual de consulta sobre os avatares da inmersión dun emigrante no Uruguai, lemos un pequeno parágrafo:

Simplemente creo que existen varios tipos de vendedores. Están os extrovertidos, os introvertidos, os tímidos, os atrevidos... e máis. Eu encaixaba nun determinado tipo, nada máis. Decatárame dende o comezo dese importante detalle. Non podía poñerme a imitar a outros. Iso serviume de moito pois sabía o que quería e o que debería facer para ter éxito. Polo menos, iso pensaba.

Son dous exemplos da semellanza de experiencias dentro da amplitude da nosa diáspora. Antonio e Manuel fixeron a súa vida lonxe, teñen familia catalana e uruguaia, pero seus primeiros recordos son os de dous nenos que miraban coma un pai facía zocos e o outro arranxaba reloxos. Os seus sentimentos non esmorecerán porque agora están a exercer unha fermosa e eficaz docencia de galeguidade nos seus netos.