Opinión

Apertas solidarias para Rosario Olveira en Montevideo

Dona Diáspora está nas beiras atlánticas do sur. Foi convidada polo seu amigo Emiliano Penelas Danussi para a asistir á proxección da curtametraxe ‘Tres minutos de mar’ en Mar del Plata. O seu neto arxentino é un talentoso creador cinematográfico que ademais defende con paixón que o Río da Prata une en irmandade ás culturas arxentina e uruguaia.
Apertas solidarias para Rosario Olveira en Montevideo
Dona Diáspora está nas beiras atlánticas do sur. Foi convidada polo seu amigo Emiliano Penelas Danussi para a asistir á proxección da curtametraxe ‘Tres minutos de mar’ en Mar del Plata. O seu neto arxentino é un talentoso creador cinematográfico que ademais defende con paixón que o Río da Prata une en irmandade ás culturas arxentina e uruguaia. As imaxes da súa curtametraxe recollen unha mirada da coñecida praia montevideana de Pocitos desde aquela rambla que coñece ben porque alí pertiño tomou café moitas veces no boliche que desde 1974 rexenta o arzuán Ramos [‘Expreso Pocitos’] mentras agardaba por aquelas maxistrais leccións de Jorge Errandonea en Belas Artes.
A visión daquelas ondas do mar na escuridade da sala levan a dona Diáspora a facer unha viaxe sentimental ata Montevideo para celebrar que a Suprema Corte de Xustiza do Uruguai vén de declarar por unanimidade a inconstitucionalidade da lei 15848 [“Ley de Caducidad de la Pretensión Punitiva del Estado”]. O fallo do 29 de outubro do máximo órgano xudicial uruguaio expresa que “no puede invocarse la teoría clásica de la soberanía para defender la potestad estatal de limitar la protección jurídica de los derechos humanos”. Agora a xustiza poderá investigar 20 crimes do período dictatorial [1973-1985] entre eles o de Bonifacio Olveira.
Dona Diáspora quere coñecer a Rosario, a filla de Bonifacio, para achegarlle dúas fondas apertas de solidariedade: a) a primeira será da ampla familia fisterrá Olveira que non esquece que un dos seus foi asasinado polos milicos uruguaios; b) a segunda sae do corazón de Eduardo Liste Carro. Unhas declaracións de Rosario que a reconfortan un pouco despois de anos de triste noite serían as mesmas que diría don Eduardo se aparecesen os restos do seu pai: “Es una alegría enorme poder llegar a la verdad sobre lo sucedido con mi padre y con muchos otros. Significa cerrar un círculo, cerrar una herida”.
En outubro de 1936 viñeron pola aldea de Ameneiro [Calo-Teo] para levar ao tenente alcalde do concello, Constante Liste Forján, ata Santiago de Compostela para visitar a un irmán que estaba detido. Nunca más se soubo del porque o seu corpo non foi atopado. Hai quen di que o mataron na beira da estrada nun lugar que lle chaman A Oliveira a uns dous quilómetros da súa casa. A profesión de Constante era a de canteiro e carecía de militancia política activa agás ser membro do Sindicato de Oficios Varios de Teo. A familia Liste viña das terras pontevedresas de Cuntis que é terra de bos canteiros. Así foi que un tío de Eduardo, Jesús, comezou picando na pedra antes de convertirse no famoso loitador Enrique Líster.
Corenta anos despois, aló na beira sur, no mes de febreiro de 1976 asasinan ao traballador Bonifacio Olveira Rossano. Fora detido dúas veces pero da última sae nun caixón –con signos externos de repetidas torturas– logo de que recibise o chumbo dun disparo disque realizado polo cabo de garda no Cuartel de la Paloma no Cerro de Montevideo. Traballaba en CINOCA [empresa fabricante de tubos galvanizados] e era afiliado ao Partido Comunista. Agora Rosario ten unha raiola de sol que lle alumea para saber a verdade sobre o acontecido. Na beira norte non hai esperanza para don Eduardo xa que sendo o ofendido debe calar para non levantar vellos odios que debemos esquecer. Os que coñecen ao fillo de Constante saben que non garda rencor. É unha persoa chea de fonda humanidade e moi razoable pero non quere morrer sen antes poder enterrar ao seu pai. Sempre animado e cordial a pesar da lousa que de cando en vez lle fai escorregar unhas bágoas lembrando as moitas dores que o perseguen desde a súa infancia.
Cando Rosario veña por Galicia irá ata a lareira de don Eduardo e de dona Maruxa Mirás para reflexionar arredor das inxustizas que se cometen cando a sinrazón do autoritarismo se impón contra das liberdades democráticas. Asegurará que o Uruguai está avanzando a pesar da crise mundial e que sae do asulagamento no que o tiñan ancorado os sucesivos malos gobernos dos presidentes Sanguinetti, Lacalle e Batlle. Pola súa banda, don Eduardo manifestará a súa opinión sobre que o aumento da calidade de vida da poboación debe ir sempre acompañado do incremento do respecto polos dereitos humanos. Dirá que imos para atrás en ética porque de nada vale que se ergan ducias de centros de alta tecnoloxía se os seus alicerces van entullados enriba dos ósos daquelas nobres e xenerosas persoas que loitaban con honradez por un benestar mellor.