Opinión

As alegrías e as penas de dona Diáspora

| 09 de agosto de 2010
No verán é cando dona Diáspora se sinte mellor xa que pode compartir cos emigrantes unha saborosa empanada debaixo do carballo parroquial. As aldeas reciben con festa rachada aos seus fillos e netos que están lonxe pero hai sempre que poñer un parentese xa que nós somos incapaces de gozar de tres días de sol seguidos sen desexar que axiña veña a chuvia. Non sexa que o éxito nos faga perder a cabeza esquecendo que para espantar a envexa hai que queixarse sempre.
    Unha boa alegría nestes meses é poder informarse dos esforzos emigrantes que están a facer os dirixentes que loitan nos fogares galegos por manter aceso o lume da identidade. Hai un fillo arxentino de Vimianzo [A Coruña] que preside en Bos Aires a A.B.C. de Corcubión [Asociación Benéfica Cultural] desde hai tres anos. Dona Diáspora certifica que Carlos Oscar [sen acento no “o”] Ameixeiras Miñones é home de diálogo e de acción. Poida que quizais fosen estes dous aspectos positivos da súa persoa os que o levaron a ser elixido deputado na capital arxentina dentro das ringleiras do “Partido de la Ciudad”. Sendo deputado empurrou para que Galicia tivese unha lembranza oficial e así foi que presentou o proxecto de lei para designar ao 25 de xullo coma “Día de la Galleguidad” e que o Camiño de Santiago sexa declarado de Interese Cultural.
O traballo de Carlos Oscar no seo da A.B.C. de Corcubión centrouse en non esquecer o moito que fixeron os anteriores directivos. Se a entidade ten un bo patrimonio social foi porque houbo esforzo e corazón en todos aqueles que o precederon. O seu empurre foi determinante para recuperar a edición da histórica revista social “Alborada”. O último número é o 191 que leva na portada unha fermosa fotografía da Torre de Hércules. Inclúe serios artigos de opinión nos que se pode mencionar o do filólogo Xosé María Rei Lema sobre “A creación das sociedades de emigrantes na década de 1920: o caso da Costa da Morte”. Lendo a Rei Lema sabemos cal foi a primeira asociación da Costa da Morte: “Os emigrantes da Costa da Morte crearon na década de 1920 varias sociedades de instrución na Arxentina. Da primeira que temos noticia é da asociación “Hijos de los Ayuntamientos de Santa Comba, Zas, Cabana y Coristanco”, fundada o 4 de xuño de 1922”. Hai que lembrar a xenerosa achega de Elvira Bermúdez [Pasarela-Vimianzo] que axuda para que “Alborada” siga firme alumeando no camiño do noventa aniversario desta loitadora asociación que se cumprirán no ano 2013.
Aínda que as penas non son capaces de escurecer as alegrías o certó é que cada vez deixan máis feridas no espírito de dona Diáspora. Para ela non hai xustificación de que perduren certas enfermidades cando tanto temos avanzado en novas tecnoloxías. Un virus que aínda non se puido erradicar foi o do “Desagradecemento-Esquecemento” que espalla un mal propio do minifundismo mental que aínda pervive nalgún dos nosos gobernantes. Os investigadores aínda non puideron determinar se o virus ataca por que somos desagradecidos é entón esquecemos ou se esquecemos porque non somos conscientes de que haxa nada que agradecer. O máis recente caso deste perigoso mal tivo lugar en Bos Aires hai uns días coa morte de dona Maruxa Boga. Dona Diáspora que a coñecía ben está a comentar cos seus netos adoptivos Carlos e Graciela que Maruxa levaba anos afastada da colectividade. Pódense contar cos dedos dunha man os actos aos que asistiu nestes últimos cinco anos.
Poida que a súa sobriña Eladina sexa a única persoa que saiba se estaba agardando pola Medalla Castelao para logo achegarse ao egrexio rianxeiro e lembrar cun sorriso nos beizos aquel domingo 5 de agosto de 1945 cando en Radio Prieto se emite o primeiro programa de “Recordando a Galicia”. Agora foise triste e doída xa que non entende a razón de que a Xunta de Galicia non lle recoñecese o seu labor. Máis de corenta anos diante do micrófono impartindo formación en identidade galega non abondaron para recibir unha distinción que non leva aparellada ningunha retribución económica. Disque que ao chegar aló enriba foi coller pola man ao seu prezado Alfredo –que fora o da idea de crear un programa radial para a colectividade galega– e díxolle: ¿Me podés llevar a ver a Castelao? Me tengo que disculpar con él porque si bien seguí su ejemplo de honradez galleguista, algo debí de hacer mal para que el gobierno autónomo no me diese bola.
Outra pena máis para dona Diáspora é a desaparición do xornal dixital “Vieiros”. Nas súas páxinas podíase informar sen demagoxias baratas sobre o voto emigrante. Xa non volverá intercambiar pareceres co xornalista Ramón Vilar Landeira, un rapaz da parroquia de San Martiño de Rodís [Cerceda] que sempre poñía moita atención diante do feito migratorio galego. Se lle falaba do gran clube uruguaio de fútbol coas camisetas aurinegras non o confundía coas dos rivais tricolores e tampouco mesturaba o Centro Galego de Montevideo coa Casa de Galicia. Sabía quen era quen e iso é moi de agradecer porque seguimos sen xornalismo especializado na diáspora galega. Por se fose pouco, Ramón era firme defensor da necesidade dun Espazo Emigrante para aproveitar con sentidiño un anaco da Cidade da Cultura no compostelán monte Gaiás. Haberá que esperar pero dona Diáspora non se desanima e confía en que o 2011 sexa o ANO DA EMIGRACIÓN GALEGA coa inauguración dun espazo de homenaxe aos homes e mulleres que fixeron patria lonxe da terra de Rosalía de Castro.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca