Opinión

Agardando polo Espazo Emigrante

A nosa vella dona Diáspora está convencida de que despois de séculos de emigración galega estamos aínda pouco concienciados da súa importancia. O compostelán monte Gaiás está agardando acoller no seu seo ao Espazo Emigrante.
Agardando polo Espazo Emigrante
A nosa vella dona Diáspora está convencida de que despois de séculos de emigración galega estamos aínda pouco concienciados da súa importancia. O compostelán monte Gaiás está agardando acoller no seu seo ao Espazo Emigrante. Hai varias propostas para encher de contido aquela gran creación arquitectónica e case coincidencia en que logo do moito investido o máis razoable é inaugurar de acordo aos condicionamentos orzamentarios. O que non está moi claro é a ausencia dun movimento social que empurre para sensibilizar ao presidente da Xunta de Galicia na idea de que alí é un lugar moi digno para que a nosa emigración reciba a súa merecida homenaxe. O peche da longa singradura está nas súas mans se decide que o peirao do Gaiás sexa onde sandarán as feridas de máis dun século de andainas polo mundo adiante.
A ausencia dunha forza social ou grupo de centros galegos que teñan doado acceso ao presidente fai que dona Diáspora confíe nunha entusiasta filla da emigración que mantén unha cordial relación de amistade con don Alberto. Os que coñecen a Elba de Bos Aires saben que actúa sen reviravoltas. As raíces do Carballiño e da Estrada non a deixan estar nunca apoucada ou na sombra. O seu carácter alegre fai que se lle abran todas as portas xa que nunca pide nada para ela. Di que foi sempre millonaria porque na súa infancia porteña estivo ateigada do agarimo dos seus pais. Ao mellor Elba con algún “chiste de gayegos” que lle conte ao presidente da Xunta obtén máis resultado que media ducia de documentados estudos ou teses doutorais sobre a emigración galega ao Río da Prata.
A nosa filla porteña non puido estar o 2 de setembro na misa coa que se celebrou un novo aniversario da ‘Cofradía de Santiago El Mayor, de Hijos y Oriundos del Reyno de Galicia en Buenos Ayres’ no Santuario Nuestra Madre de los Inmigrantes. Foi en 1787 cando na capital arxentina se funda a Cofradía que aínda segue funcionando no barrio de La Boca. Partindo deste histórico feito pode arrancar unha mostra sobre as asociacións galegas no mundo para inaugurar o futuro Espazo Emigrante. Algo sinxelo pero moi significativo para que en Galicia se entenda axiña que a emigración estivo sempre en nós. O 28 de xuño do ano vindeiro e logo da entrega das Medallas Castelao o presidente da Xunta poderá achegarse ao monte Gaiás para inaugurar unha exposición que falará do esforzo asociacionista no exterior. Os invitados de honor serán todos os emigrantes galegos do mundo que atoparán penduradas nas paredes do Espazo Emigrante anacos da súa propia vida familiar a través da recuperación dunha heroica loita polo benestar fóra de Galicia.
Quero pedirlle a Elba que lle trasmita a don Alberto o especial interese de dona Diáspora para que no ano 2011 faga unha visita especial ao Uruguai con motivo do Bicentenario do comezo da loita pola independencia. O 18 de maio de 1811 o egrexio Xosé Xervasio Artigas derrota ás tropas españolas na batalla de Las Piedras. O heroe nacional descende dunha familia aragonesa da Puebla de Albortón pero o seu ingreso no Batallón de Blandengues débese ao axeitado labor de intermediación dun galego de Santa María de Paraños [Covelo-Pontevedra]. En 1782 o capitán das Milicias de Cabalería, Francisco Rodríguez Alonso, ergue un fortín no corazón xeográfico da actual República Oriental do Uruguai. A zona que hoxe pertence ao departamento de Durazno tiña valor estratéxico xa que era o sitio polo que adoitaban transitar os contrabandistas de gando e coiros. En 1797 recibe a autorización das autoridades eclesiásticas para destinar ao culto unha pequena capela edificada dentro do recinto militar baixo a advocación relixiosa de Nosa Señora do Rosario. No mes de marzo deste mesmo ano é cando Farruco convence a Artigas –que tiña 33 anos– para que ingrese na carreira militar deixando atrás o seu pasado de gaucho matrero enfrontado coas autoridades coloniais.
A edificación é coñecida como a ‘Capilla de Farruco’. Foi declarada Monumento Histórico Nacional en 1989. No ano 2003 a Administración Nacional de Correos emitiu un selo conmemorativo. A capela segue en pé e constitúe o máis antigo exemplar da arquitectura colonial española no interior uruguaio. O noso Farruco nacera nas terras da Paradanta, de fermosos montes que se anican diante do paso senlleiro do río Miño. Na súa parroquia hai dous ríos, o Alén e o Caraño e quizais por aquela lembranza da infancia foi que fixo a fortificación ao carón dos regos de Las Cañas e El Cordobés. O recordo do Miño foi axiña substituído pola gratificante visión do río Yí que aínda que non ten troitas estaría naqueles tempos ateigado de bagres, sábalos, patís, surubís e tarariras. Hai que sinalar que Farruco foi home de acción ata os seus derradeiros días. Morre en novembro de 1806 sen poder chegar a Montevideo ata onde ía na compaña dun centenar de homes armados para defender a capital dos invasores ingleses.
Se o noso presidente vai ata Durazno será recibido polo sorriso fraternal do presidente Mujica. Sabemos que don José lle ofrecerá un mate e que lle falará das aventuras daquel pioneiro poboador gayego que nunca perdeu o poncho. Dona Diáspora falará antes cos seus amigos do M.P.P. para que lle adianten ao mandatario uruguaio que a Xunta de Galicia quere colaborar na recuperación da histórica edificación porque é un xeito de recoñecer o meritorio esforzo dos emigrantes sementadores de progreso. Antes dun bo asadito e sen máis protocolo corresponde poñer unha praca en recordo da visita e aplaudir a voz de Cristina Fernández e a guitarra de Washington Carrasco que estarán precedidos por unhas palabriñas a cargo do xornalista Mané que ten investigado sobre Farruco. O peche pola tardiña poñerao Pepe Covas [Piñor-Agrón-Ames] que xa estivo por alí noutra oportunidade preparando unha queimada. O experimentado queimador virá desde a capital arxentina e non deberá de preocuparse pola augardente. Haberá fartura de boa Grappa Ancap [os irmáns ourensáns Domínguez colaborarán encantados] o que sen dúbida é unha garantía de calidade para afastar as “malas ondas” e conseguir que uruguaios e galegos unan as súas forzas en irmandade solidaria.