Opinión

O regreso da Illa do Tesouro

O regreso da Illa do Tesouro

Somos moitos os rapaces que despois de ler ao grande escritor escocés Robert L.Stevenson fixemos unha viaxe polas costas e illas do Caribe. Aquelas aventuras foron quen de facernos coñecer as diferenzas entre babor e estribor e que os ventos non sempre sopran a favor do noso roteiro. O que non pensamos foi que nas nosas costas os corsarios tamén tiveron o seu protagonismo aínda que os seus nomes fosen ben diferentes dos de Alexander Smollett ou John Trelawney.

Ó pé desta montaña e case a rentes do mar había un numeroso grupo de casas de pedra con cubertas de colmo; era o lugar que dexergamos pola noite. O capitán e o doutor estban examinando os estragoss causados pola tempestade na goleta. Os mastros mantíñanse en pé e apenas resultaran danados, pero as velas estaban rachadas e mesmo esfarrapadas. A cangrexa, a mesana, a sobremesa alta, as dúas gabias, o foque...

Agora temos unha auténtica e autóctona novela de piratas editada por Xerais na colección Fóra de Xogo que se titula Costa do Solpor/O regreso da Illa do Tesouro. Hai que agradecerlle ao autor, Xosé Mª Lema, a achega dunha gran cantidade de termos do  oficio mariñeiro que enriquece a escrita en galego ao tempo que nos sobe ao temón da Hispaniola para ir camiño da Ínsua Negra para ver de atopar a furna do Buxerán. O texto é de gran calidade literaria. A historia que conta é unha ficción que tivo lugar no século XVIII. En cada liña da novela constatamos que non hai ningún anacronismo. O autor emprega a súa formación histórica para amosar a vida real dos homes do mar e labregos e  fidalgos nos tempos da chamada “Guerra dos Sete Anos” entre Francia e Inglaterra (1756-1763).

O An Ankou apareceu á caída da tarde, bastante tempo antes do que esperabamos. Entrou de súpeto entre a mesta néboa, que aínda non se disipara, e abarloou a estribor da Hispaniola. A cuberta da nosa goleta volveu ser o lugar de reunión dos dous xefes piratas.

Non debo adiantar nadiña do argumento xa que serán os lectores os que vaian polos mesmos carreiros que segue o Chavián para ir ata casa da Torre da Atalaia onde hai alguén que o ten enguedellado. Espero que esta gran narración sexa lida polos estudantes da Costa da Morte. Agardo que os profesores dos institutos teñan a ben a súa inclusión como lectura recomendada xa que os alumnos gozarán cun libro que lles abrirá a porta a futuras lecturas ou investigacións sobre os galegos sementadores de solidariedade polo mundo adiante. Moitas grazas, prof. Lema.

Derrotamos os piratas más temidos do océano e a Confraría da Man Morta. Que nos sirva de estímulo para ir preparando unha longa luita contra outros piratas, os da terra, esas sambesugas chuchan o sangue das vosas familias...