Opinión

O ferreiro, o mariñeiro e o panadeiro en terras montevideanas

Dona Diáspora é das que pensa que a emigración dos galegos foi soamente unha singradura sentimental polos vieiros do mundo. Non esquece que na nosa historia houbo moitos feitos que levaron fóra a milleiros de persoas que remataron os seus días lonxe da terra de Rosalía.
O ferreiro, o mariñeiro e o panadeiro en terras montevideanas
Dona Diáspora é das que pensa que a emigración dos galegos foi soamente unha singradura sentimental polos vieiros do mundo. Non esquece que na nosa historia houbo moitos feitos que levaron fóra a milleiros de persoas que remataron os seus días lonxe da terra de Rosalía. Os estudos e as teses centran o seu interese na economía ou na sociedade ou no territorio pero ninguén vai mirar dentro do corazón dos emigrantes que deixaron a súa lareira nuns tempos nos que as distancias eran case definitivas.
Habería que ir pensando en establecer unhas liñas básicas polas que se desenvolvería un proxecto interdisciplinar de antropólogos, psicólogos e sociólogos que xuntos estuden aos protagonistas da nosa máis grande epopea humanitaria. Hai quen –por ignorancia– non sinte orgullo de ser membro numerario da nobre tribo galaica dos sementadores de esforzo honrado e solidario nos regos americanos e europeos. Os investigadores rastrexarán nos corazóns de residentes no exterior e retornados para ver se temos respostas do ser humano individual e concreto que loitou en terra allea.
A partir dunha mostra inicial de 500 entrevistas persoais iremos poñendo luz en espazos que aínda están as escuras. Poida que nas conclusións atopemos que non aparece por ningures nin a ambición nin o interese económico. A edición do estudo será moi útil para os netos da emigración que poderán confirmar con datos que os seus avós son merecentes das maiores louvanzas xa que deixaron a súa aldea para buscar o benestar dos seus descendentes. Haberá que falar pouco de cartos e moito de agarimo, paixón e xenerosidade.
Dona Diáspora non atopa ningún desexo tolo de facer cartos nos roteiros de tres emigrantes –os tres existiron realmente– na capital uruguaia que deixaron para os herdeiros un cofre cheo de emocións. Os tres desprazados foron valentes e puideron romper as cadeas. Cada un ao seu xeito foi quen de esmagar a freadora morriña para convertirse en alegres compañeiros das cores montevideanas.
a) O ferreiro. Era da parroquia vimiancesa de Tines. No seu primeiro domingo en Montevideo lévano a coñecer unha gran feira que se instala na rúa Tristán Narvaja. Vai con dous amigos mirando aquí e acolá ata que un retrato en branco e negro chama a súa atención. Pregunta o prezo e mércao. Deseguido rómpeo en media ducia de anacos diante do vendedor. A xente do seu redor, aplaude. Aquela fotografía era a mesma que penduraba na escola pero agora un tal Francisco Franco xa non o inquedaba.
b) O mariñeiro. Era da parroquia pontecesá de Corme. Traballaba facendo toldos de lona na máis importante empresa do país. Mercou unha chalana de madeira para ir coller peixes non lonxe do peirao do porto do Buceo. Volveu con tres caixas cheas de peixe: brótolas, corvinas e roncaderas. Puxo as caixas nun pequeno muro da rambla ata que quedaron baldeiras. Os uruguaios preferían o asado de tira pero tampouco se sorprenderon moito cando aquel emigrante ofrecía de balde o que viña de pescar.
c) O panadeiro. Era da parroquia zaense de Lamas. Tiña unha boa panadería en Malvín. Cada domingo e mentras escoitaba o partido de Peñarol no Estadio Centenario intentaba cocer un moletiño para non esquecer o que mercaba a súa nai na feira de Baio. Escollía a mellor fariña e coidaba do forno pero o sabor non era o que recordaba. Foi ata Minas para coller auga pero seguía sen obter o saboroso pan da súa infancia. Disque aló enriba segue amasando para non esquecer o oficio.