Opinión

O esforzo xeneroso de Adolfo Lozano Bravo

“Ahora que vago por una plaza porteña tengo la sensación de haber soñado algo que existe o que existió en mi infancia. Creo recordar la voz de mi padre –que perdura– hablando de remotos mares, de ciertas vigilias, de nombres que usaban los señoritos”.
O esforzo xeneroso de Adolfo Lozano Bravo
“Ahora que vago por una plaza porteña tengo la sensación de haber soñado algo que existe o que existió en mi infancia. Creo recordar la voz de mi padre –que perdura– hablando de remotos mares, de ciertas vigilias, de nombres que usaban los señoritos”.
Carlos Penelas [A una aldea gallega]

Dona Diáspora estivo falando con Adolfo Lozano Bravo en Santiago de Compostela. O seu grande amigo arxentino nacido no barrio de Ciudadela e criado no de Almagro é un dos maiores defensores e promotores da nosa cultura no exterior. O trío dos históricos docentes que merecen o noso recoñecemento fórmano tamén Rosario Albán en Salvador de Baía e Carlos Zubillaga en Montevideo. Adolfo leva desde 1971 sen saír do rego da identidade galega. Hai máis de 40 anos que ingresou como membro de número da etnia sentimental da aldea paterna de Dumpín [Castro de Rei] logo dunha charla no colexio de San Francisco de Sales. Alí, onde fixera os seus estudos primarios, recibiu os aplausos dos asistentes que se emocionaron camiñando polas rúas de Compostela.
Axiña se decatou de que o seu pai deixara unha conversa pendente con dúas rulas que lle desexaron sorte cando o despediron aquela mañá na que ía camiño do porto. O emigrante prometeu facerlles un niño no outro lado do mar para cando quixesen fuxir da friaxe inverneira. Agora en cada viaxe que fai o fillo de don José Lozano Rodríguez sempre as atopa na mesma póla e na mesma árbore. Logo da obrigatoria rolda de mate veñen as preguntas sobre a presidenta Fernández e os recordos de cando eran mozas garridas. Cando se despide delas non esquece o convite: “xa sabedes, miñas rulas, que tedes ao voso dispor un niño en Bos Aires”.
Un dos grandes éxitos de Adolfo foi a creación en 1989 dun centro de estudos galegos na prestixiosa universidade privada de Belgrano. A súa iniciativa atopou boa receptividade no doutor Porto que ademais de reitor do centro universitario é descendente por liña paterna das terras lucenses de Taboada. Hai que facer fincapé en que Adolfo leva 22 anos poñendo cartos do peto xa que non percibe a más mínima compensación económica. Se facemos as contas da gasolina que leva queimada teremos con el unha boa débeda. Unha pena pero na nosa Galicia seguimos instalados no desagradecemento xa que Adolfo nunca recibiu premio ou distinción.
Dona Diáspora notou que o seu amigo estaba un pouco apagado e preguntou se era polos problemas físicos no seu pé dereito logo dunha intervención cirúrxica. Pero non era polo pé senón pola fonda decepción que recibiu cando o informaron de que por mor dun trámite administrativo non foi asinado o convenio coa Universidade de Belgrano para o vindeiro curso 2012. Está triste xa que por primeira vez en 22 anos non haberá clases oficiais e avaliadas pola Xunta de Galicia [Política Lingüística]. O peor é que quedarán desatendidos máis de 150 alumnos. Os cartos do convenio son ingresados por transferencia na conta da universidade e son para compensación dos gastos como por exemplo a utilización de aulas. Non hai ganancia ningunha xa que nestes casos trátase do comido polo servido. As autoridades de Política Lingüística aseguran que será un paréntese puntual xa que no vindeiro ano terá lugar a sinatura do convenio que volverá encher de identidade galega as aulas de Belgrano a partir de marzo de 2013.
Dona Diáspora non quere ningún paréntese nos cursos e por iso permítese facerlle unha recomendación para intentar que non haxa interrupción. Coida axeitado que Adolfo fale co secretario xeral de Emigración para presentarlle unha solución mediante a impartición dun seminario especial de tres meses de duración sobre ‘A emigración galega no tango riopratense’. O secretario xeral ten unha especial sensibilidade con respecto ao tango xa que residiu varios anos na capital arxentina e non deixará pasar a oportunidade de achegar aos descendentes para que logo sexan orgullosos pregoeiros de coñecidas creacións como ‘Adios mi barrio’, ‘Arrabalero’, ‘Garufa’ ou ‘Mocosita’.
O programa que está redactando Lozano inclúe a presenza de convidados especiais que lembrarán as súas vivencias no amplo e longo proceso de recuperación da memoria emigrante. Un dos que intervirán será Carlos Penelas que ademais de gran poeta –fillo de galegos– é tamén seareiro dos ‘Diablos Rojos de Avellaneda’. Lembrará a súa infancia de neno agarimado por uns pais que sempre lle dixeron que as raíces estaban na outra beira do Atlántico. Tamén virá a mestra neta dun avó lalinense, Graciela Pereira, que foi pioneira mundial na gravación de tangos en galego. Aquela singular gravación foi posible pola teimosía harmónica de Antonio Pérez Prado. En 1998 o inesquecible humanista con raíces en Parga [Lugo] facía a seguinte recomendación na presentación de Nas beiras do Prata: “Escoitade a Graciela nos temas clásicos, cantade logo vos mesmos, sentide con ella e imitade o seu deixe mainamente porteño que lle acae tan ben ao tango”.
O peche dos cursos quere Adolfo que estea presidido pola egrexia figura de Amelita Baltar, a muller que nos emocionou con ‘Balada para un loco’. A convidada de honra tamén é ‘gayega’ e será homenaxeada pola voz de Virginia Alarcia que interpretará varios temas do seu recente disco ‘Tango Sentido’ no que canta con especial sentimento ‘Adios mi barrio’ do baionés Soliño. Non hai dúbida que un programa así é garantía total de éxito. Os alumnos asistirán entusiasmados e sairán reconfortados ao saber que os seus avós participaron activamente na máis importante creación cultural do país porque o tango riopratense é un dos fillos lexítimos do solidario sangue emigrante da terra de Rosalía de Castro. Forza Adolfo!