O cadro se exhibirá, xunto a 92 pezas, no Gaiás a partir do próximo 5 de outubro

‘A derradeira leición do mestre’, eixe central da mostra ‘Castelao maxistral’

A Xunta de Galicia trae por vez primeira a Galicia ‘A derradeira leición do mestre’ –obra icónica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e considerada o ‘Guernica galego’– como eixo central da exposición ‘Castelao maxistral’, da Cidade da Cultura de Galicia. A mostra, que se exhibirá no Museo Centro Gaiás do 5 de outubro de 2018 ao 3 de marzo de 2019 y que foi presentada recentemente no propio museo, prantéxase como unha homenaxe ao papel que xogaron na construción do ensino público os mestres das tres primeiras décadas do século pasado (1900-1936).

 

‘A derradeira leición do mestre’, eixe central da mostra ‘Castelao maxistral’
Expo Castelao 03a
Román Rodríguez, durante a presentación da mostra.

A Xunta de Galicia trae por vez primeira a Galicia ‘A derradeira leición do mestre’ –obra icónica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e considerada o ‘Guernica galego’– como eixo central da exposición ‘Castelao maxistral’, da Cidade da Cultura de Galicia. A mostra, que se exhibirá no Museo Centro Gaiás do 5 de outubro de 2018 ao 3 de marzo de 2019 y que foi presentada recentemente no propio museo, prantéxase como unha homenaxe ao papel que xogaron na construción do ensino público os mestres das tres primeiras décadas do século pasado (1900-1936).

“Castelao maxistral’ é un éxito deste goberno da Xunta que, superando as dificultades, logrou traer por primeira vez á nosa terra este icónico lenzo para que todos os galegos e galegas poidan gozar dunha das pezas máis representativas da nosa arte e cultura”, enxalzou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, na rolda de prensa que deu no Gaiás xunto ao comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas Seoane, e os presidentes das fundacións Castelao e Alexandre Bóveda, Carlos Mella e Uxío-Breogán Diéguez, respectivamente.

Hai que recordar que Castelao pintou na capital arxentina, en 1945, ‘A derradeira leición do mestre’ –baseado na estampa nº 6 do seu libro ‘Galicia mártir’– en homenaxe ao seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936. O óleo de máis de 2 metros de altura nunca tiña saído do Centro Galicia de Bos Aires. Por este motivo, o conselleiro cualificou a mostra de “inédita e irrepetible” e gabou a xenerosidade desta institución “senlleira da Galicia na diáspora” nesta cesión temporal da obra. Ao respecto, quixo remarcar que ‘Castelao maxistral’ tamén é un recoñecemento á Galicia emigrante, “aos milleiros de homes e mulleres que salvagardaron o legado patrimonial galego e continuaron a actividade cultural durante boa parte do século XX ata a actualidade”.

Homenaxe a Castelao e aos mestres

Na súa intervención, Román Rodríguez explicou que a mostra supón, inicialmente, unha homenaxe a unha figura “icónica” como Castelao, do que lembrou que é un dos autores galegos “máis universais” e un dos que “máis fixeron na defensa da cultura e da identidade dos galegos e galegas como pobo”.

Tamén aclarou que o obxectivo de ‘Castelao maxistral’ é pór en valor a labor dos mestres na construción dun sistema educativo público, no período que vai do inicio do século XX ata 1936. Nesta liña, afondou en que a exposición permite entender como a escola decimonónica, “tan ben retratada nos debuxos de Castelao”, experimenta nesa etapa “fondas transformacións”, impulsadas en boa medida por ideas pedagóxicas renovadoras.

Neste senso, o comisario da mostra e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, enxalzou a figura de Castelao e o seu esforzo e compromiso –tal e como incidiu que amosan todos os traballos expostos– en intentar conseguir en Galicia un ensino libre, universal e en galego. E destacou o fito de que ‘Castelao maxistral’ supón poder contemplar reunidos por vez primeira nunha exposición todos os debuxos (40) que realizou o artista de Rianxo sobre o ensino obrigatorio en Galicia, que na época era ata os 9 anos.

O proxecto expositivo de ‘Castelao maxistral’ tamén aborda a ruptura desta renovación pedagóxica que supuxo o estoupido da Guerra Civil. E aquí é onde o relato expositivo sitúa ‘A derradeira leición do mestre’. Ao respecto, o conselleiro amosouse convencido de que a contemplación deste impresionante óleo espertará “moitos afectos”, mais fixo fincapé en que esta obra icónica de Castelao ten “un impagable rol de reconciliación”. “A mostra céntrase en coñecer o pasado para comprender o presente, superando calquera forma de desprezo da opinión allea ou ánimo de desquite”, argumentou. “A educación –concluíu Rodríguez– é unha gran ferramenta para evitar a intolerancia, o radicalismo e o fanatismo”.

Por iso, explicou que para artellar e completar todo este relato expositivo, ‘Castelao maxistral’ conta cunha ampla sección de pezas e documentos (92), depositados nos museos e institucións galegas ou pertencentes a coleccións particulares (32 en total) co obxecto de incidir na homenaxe ao grande esforzo e compromiso dos mestres e mestras deses anos para asentar as bases dunha educación pública, “como institución central para a transmisión dos valores que vertebran unha sociedade democrática”.