Para impulsar a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, visita un campamento lingüístico na Illa de Ons

A Xunta impulsa a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da Unesco entre os máis novos cunha visita do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, á illa de Ons, onde un grupo de 60 rapaces de toda Galicia participan no campamento de dinamización lingüística O Galego Campa!, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, visita un campamento lingüístico na Illa de Ons
12.Conselleiro en Ons90
Román Rodríguez, Valentín García e Cecilia Vázquez, cos mozos participantes no campamento O Galego Campa!, que se desenvolve en Ons.

A Xunta de Galicia impulsa a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da Unesco entre os máis novos cunha visita o pasado venres do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, á illa de Ons, onde un grupo de 60 rapaces de toda Galicia participan no campamento de dinamización lingüística O Galego Campa!, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O campamento inclúese entre os programados para este verán para  fomentar o galego entre os máis novos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou na mañá do pasado venres ao grupo de escolares que participan nesta sétima edición de campamentos de verán da Xunta, que inclúe un total de quince –coma este de Ons– aos que se sumarán uns 1.500 rapaces.
Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado do secretario xeral de Política Lingüística do Goberno galego,Valentín García, e da directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez.
Román Rodríguez destacou que, a través deste campamento, os rapaces teñen a oportunidade de coñecer e gozar dun paraíso natural como é a illa de Ons –que xunto con Cíes, Sálvora e Cortegada, forma parte do conxunto do Parque Nacional das Illas Atlánticas–, ao tempo que tomar conciencia da súa riqueza e aprender a protexela para as xeracións futuras.
Cómpre lembrar que o pasado febreiro a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas foi incluída na lista indicativa da Unesco como paso preceptivo para que sexa declarada Patrimonio Mundial. 
A este respecto o conselleiro lembrou o traballo “serio e rigoroso” levado a cabo pola Xunta de Galicia en colaboración con outras administracións para lograr este recoñecemento.


O Galego Campa!
Román Rodríguez tamén salientou a importancia destes campamentos de verán como vehículos para o fomento do emprego da lingua galega entre os máis novos e a mellora da expresión en galego. 
Esta actividade está deseñada de tal xeito que os rapaces compaxinan iniciativas de carácter lúdico e formativo, facendo fincapé no ámbito da lingua, das habilidades sociais a través de ferramentas como a argumentación e o debate, do coñecemento da natureza e da importancia da preservación do medio ambiente, entre outros.
Nesta sétima edición, ademais do campamento da Illa de Ons, hai que sumar os que teñen lugar  no Albergue Xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa), en Pontemaril (Forcarei), en Espiñeira (Boiro), no Albergue Xuvenil Mariña Española (Sada), no Albergue Benigno Quiroga (Portomarín), no de A Devesa (Ribadeo), de Gandarío (Bergondo), en Furelos (Melide), en Os Chacotes (Palas de Rei), nos Penedos de Xacinto (Entrimo), na estación de Montaña de Manzaneda, no complexo O Corgo (Muíños) e no albergue A Vilavella (A Mezquita).


Conciliación estival
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, sinalou que a Campaña de Verán constitúe un “recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel”, ademáis, dun “referente en todo o Estado”, e dunha “excelente plataforma para promover o uso da nosa lingua entre os mozos e mozas galegos”. 
Nesta liña, Vázquez lembrou que o Goberno galego ofertou para o actual período estival un total de 9.870 prazas, 298 máis que na anterior edición, cun custo de 3,2 millóns de euros, o que supón un 8% máis respecto ao orzamento de 2017.
Así mesmo, e con respecto ao campamento Bing Bang Illa, a directora xeral explicou que 60 rapaces e rapazas de entre 12 e 13 anos participan desde o pasado día 21 na terceira quenda desta actividade que oferta entre a mocidade un amplo abano de actividades ao ar libre: bicicleta, tiro con arco, astronomía, sendeirismo guiado, orientación con gps e xeocaptura, kaiak, snorkel, aula de natureza, diverciencia, actividades de praia e videoclip. Unha programación á que se sumou “O galego campa!”.