O secretario xeral de Política Lingüística entregou os galardóns no Museo do Mar de Galicia

Os centros gañadores do certame Vindevídeos reciben os seus premios

Os catro centros de ensino que se fixeron a mediados de xaneiro cos galardóns do certame de dinamización lingüística Vindevídeos recibiron os seus premios nun acto que se celebrou no Museo do Mar de Galicia, ao pé do Pergamiño Vindel cuxa estadía galega quixo conmemorar a Consellería de Cultura e Educación a través dunha ampla programación na que se encadrou a iniciativa, convocada polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.

Os centros gañadores do certame Vindevídeos reciben os seus premios
Vindevideos2
Dirixentes e premiados, xunto o Pergamiño Vindel.

Os catro centros de ensino que se fixeron a mediados de xaneiro cos galardóns do certame de dinamización lingüística Vindevídeos recibiron os seus premios nun acto que se celebrou, tal e como estaba previsto nas bases do certame, no Museo do Mar de Galicia, ao pé do Pergamiño Vindel cuxa estadía galega quixo conmemorar a Consellería de Cultura e Educación a través dunha ampla programación na que se encadrou a iniciativa, convocada polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística. O CEIP do Carballal de Marín (Pontevedra), O IES Francisco Asorey de Cambados (Pontevedra), o CEIP Ortigueira de Vedra (A Coruña) e o CMUS Xan Viaño de Ferrol visitaron á tarde, ademais, a Illa de San Simón como parte do premio outorgado.

“A importante participación e a alta calidade, tanto técnica coma lingüística, dos traballos gañadores evidencia que o audiovisual é unha ferramenta moi atractiva e moi eficaz á hora de poñer en marcha iniciativas coas que promover e dinamizar o uso do galego no eido educativo”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na súa intervención, quen felicitou os premiados e lles agradeceu o feito de teren, tamén, “contribuído cuns traballos e cunha creatividade que de seguro serían a fachenda de Martín Códax á difusión e ao coñecemento do tesouro da literatura medieval desde o Vindel”. No acto tamén participou o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

Premios á creatividade de inspiración medieval

O certame de dinamización lingüística Vindevídeos estableceu dúas categorías de premios e en cada unha delas dous galardóns: na categoría de centros de infantil e primaria fíxose co primeiro premio o CEIP O Carballal, de Marín (Pontevedra), polo seu traballo ‘Fals’e traedor’ e obtivo o segundo o CEIP Ortigueira, de Vedra (A Coruña), polo vídeo ‘Galicia: referente da cultura medieval’. Na categoría de educación secundaria e ensinanzas especiais outorgóuselle o primeiro ao IES Francisco Asorey, de Cambados (Pontevedra), por ‘Cantigueando’; mentres que o segundo recaeu no CMUS Xan Viaño, de Ferrol (A Coruña), pola proposta ‘O Peque Coro do Xan Viaño descubrindo o pergamiño Vindel’.

Os catro traballos impuxéronse entre un total de 58 traballos –28 de infantil e primaria e 30 na categoría do resto de centros educativos– e as catro pezas audiovisuais gañadoras poden verse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na web de Cultura de Galicia www.cultura.gal. Tal e como estaba previsto, os catro centros recibiron cadansúa cámara de vídeo e foto, en función da modalidade; faxímiles do Pergamiño Vindel da autoría de Manuel Moleiro; visitas á mostra ‘O Pergamiño Vindel, un tesouro en sete cantigas’ e á Illa de San Simón que desfrutaron ese día; e os diplomas que os acreditan como gañadores.

Pergamiño Vindel

A Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo promoven a mostra ‘Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas’, que trae a Galicia dende a Morgan Library de Nova York esta xoia da lírica medieval galego-portuguesa, berce da lingua e da cultura galegas. Na exposición, que se pode visitar ata este mesmo domingo 4 marzo no Museo do Mar de Galicia, o Pergamiño Vindel dialoga con máis de 50 pezas históricas que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas, así como obras contemporáneas nacidas baixo a inspiración deste mundo poético e do propio mar de Vigo.