Opinión

Cando canta Graciela

A nosa Galicia ten na diáspora unha riqueza da que non somos moi conscientes. Estamos a pensar sempre na riqueza material esquecendo aos nosos netos espallados polo mundo. Axiña serán eles os responsables de manter aceso o lume da galeguidade. Un lume que nunca deixará de quecer diante de ningunha crise enerxética porque o seu combustible principal, o sentimento, non cotiza en Wall Street. Un bo exemplo témolo en Bos Aires.
A nosa Galicia ten na diáspora unha riqueza da que non somos moi conscientes. Estamos a pensar sempre na riqueza material esquecendo aos nosos netos espallados polo mundo. Axiña serán eles os responsables de manter aceso o lume da galeguidade. Un lume que nunca deixará de quecer diante de ningunha crise enerxética porque o seu combustible principal, o sentimento, non cotiza en Wall Street. Un bo exemplo témolo en Bos Aires. Alí naceu a nosa neta Graciela Pistocchi Pereira. Os seus apelidos informan que Graciela é descendente de ‘tanos’ e ‘gayegos’. O seu avó paterno foi o calabrés Domingo Pistocchi e o materno o lalinés Manuel Pereira Rodríguez.
A infancia e a adolescencia de Graciela foi unha viaxe constante entre Galicia e Calabria cun toque de crêppes sussetes porque a avoa paterna Ángela Lafalce era francesa. Vivía no barrio de Flores cos avós galegos Manuel e Dolores (lucense) entre cántigas e cocidos. Os domingos ía visitar aos avós Domingo e Ángela para xantar a pasta ciutta que era todo un ritual. Pola tarde a súa tía Isabel tocaba no piano fermosas canzonettas e óperas mentras tomaban o té xunto coas filloas. Foi a única filla dun matrimonio no que a nai era namorada das Belas Artes polo que sempre a empurrou para que loitase por aquelo que sentise no seu interior; o pai, típico porteño tanguero, a levaba a coñecer enxebres lugares onde o dous por catro e o lunfardo eran os reis.
Na escola pública tiña de compañeiros a fillos e netos de italianos, españois, xudíos, vascos, polacos que a relacionaban con outras culturas baixo o paraugas protector da bandeira celeste e branca. Todos xuntos cantaban o himno nacional arxentino e chacareras, carnavalitos e zambas. Vestidos cunha túnica branca (o “guardapolvo” amidoado pola súa nai ) xuraban lealdade á bandeira. Logo estudou Belas Artes, Música e Escenografía obtendo dúas titulacións superiores: a de Artes Visuais e a de Música. Traballou varios anos no Instituto Superior de Arte do Teatro Colón. Foi discípula en técnicas de canto da gran soprano Myrtha Garbarini. Hai anos que Graciela se dedica á docencia na que utiliza a súa formación para aplicar en Educación Especial unha aliaxe de arte e música.
Galicia entrou en Graciela dun xeito natural. Os costumes da casa materna. O agarimo que sentía polo seu avó Manuel a quen acompañaba ás institucións galegas e tamén aos enterros dos que ían finando. A morte de seu avó en 1970 deixouna moi baleira e así foi que en 1974 decide ingresar no coro do Centro Galego dirixido por dous grandes músicos e compositores Isidro Maiztegui e Carlos López García. Foi solista do coro e cantou en diferentes institucións e no programa Galicia en América que se emitía por Radio Nacional (en cadea con emisoras de toda a Arxentina) dirixido por Segundo Pampillón. Aproveito para lembrar ao gran Pampillón –a quen coñecín– porque realizou un inmenso labor cultural no Centro Galego e sempre desde a segunda fila para non espertar as envexas dos señores dirixentes.
A estrea da obra ‘Coita’ de Antón Abril e Carlos López García no Teatro Colón conmemorando o 25 de xullo tivo a voz solista de Graciela como protagonista. Logo desta interpretación recibe múltiples invitacións para actos culturais. Unha actuación moi recordada foi nun acto sobre a poesía telúrica de Rosalía de Castro no que interpretou cántigas populares que aprendera da súa nenez. Foi tamén Graciela unha innovadora ao incorporar nas actuacións unha guitarra eléctrica e unha percusión moi sinxela. Ducias de actos culturais tiñan o selo galego que lle poñía Graciela Pereira (así a bautizou Pampillón) como no acto de homenaxe aos xornalistas José María Muñoz e Antonio Carrizo no que Graciela cantou un tango en galego. Si foi ela a primeira que o fixo e o tango era ‘O día que me queiras’. A partir desta interpretación foi invitada a diferentes programas de radio para falar de Galicia e dos emigrantes e dos galegos-porteños.
En 1979 sae o seu primeiro disco ‘Cantares gallegos’ que inclúe El día que me quieras en versión bilingüe. Foi un éxito que a fixo moi popular e tamén coñecida en Galicia porque a discográfica galega ‘Ruada’ reeditouno co título de O día que me queiras. En xaneiro de 1982 chega a Galicia por vez primeira (problemas familiares foron adiando a viaxe) e foi unha experiencia marabillosa. Volveu para Bos Aires chea de enerxía rosaliá e grava Campanas de Bastavales e traduce varios tangos: Uno, Barrio de Tango, Malena, Cafetín de Buenos Aires. Coñece na biblioteca do Centro Galego a Antonio Pérez Prado quen a agasalla cun exemplar de Los gallegos y Buenos Aires. As páxinas do porteño-lucense de Parga fixeron que Graciela entendese cal foi a realidade dos galegos na diáspora. Fixéronse amigos e prepararon actividades moi interesantes e orixinais (programas de radio sobre o Camiño de Santiago e relatos con ilustracións musicais galegas sobre anacos de Los gallegos y Buenos Aires) que forman parte da historia da emigración galega.
En 1994 grava ‘Terra Meiga’ e en 1999 ‘En las orillas del Plata’. Estou facendo un resume porque a miña boa amiga Graciela ten unha longa traxectoria que non cabe nun artigo de prensa. Non quero esquecer que é a fundadora e actual presidenta da asociación cultural Os Gromos que desenvolve as súas actividades en centros culturais, escolas públicas, clubes de barrio e hospitais. A asociación nace en 1999 e desde o 2003 leva adiante un proxecto que considero moi interesante e que consiste na realización de Obradoiros de Música Galega nas escolas públicas. Os nenos participantes –se teñen ascendencia galega– poden coñecer as súas propias raíces e se non a teñen recibirán información sobre unha loitadora comunidade emigrante que axudou á conformación da actual sociedade arxentina.
Considero e sinto que non somos xenerosos con Graciela. Nunca recibiu ningunha distinción de carácter oficial. Coñecéndoa, sei que prefire unha axudiña para Os Gromos antes que calquera recoñecemento ao seu esforzo individual. Aínda que unha cousa non quita a outra. Graciela xa ten o que para os bos e xenerosos é a máxima honra que é a de ser unha DH ou sexa unha Digna Herdeira do noso sangue. Por suposto que non está demais que desde a Consellería de Cultura sexa dona Ánxela a que lle diga: Graciñas, Graciela.