ESTE OURENSÁN, NADO EN VIANA DO BOLO EN 1843, AXUDOU A FUNDAR O CENTRO GALEGO DA CIDADE CONDAL

O alcalde de Barcelona inaugurou o xardín que leva o nome de Tiberio Ávila

Aló polo mes de maio, ‘Galicia en el Mundo’ xa facía referencia aos Xardíns de Tiberio Ávila co gallo da visita que unha delegación do Concello de Viana do Bolo (Ourense), pobo natal de Tiberio, facía as obras que naquel entón comezaban. O sábado 3 de outubro, coincidindo coas festas de San Froilán de Barcelona que cada ano organiza a Asociación Amigos de San Froilán, inauguráronse os xardíns adicados á memoria de Tiberio Ávila Rodríguez, un ourensá nado en Viana do Bolo no ano 1843, quen foi un dos persoeiros máis importantes da colonia galega establecida en Catalunya.
O alcalde de Barcelona inaugurou o xardín que leva o nome de Tiberio Ávila
 Algúns dos asistentes á inauguración, xunto a placa que da nome aos xardíns.
Algúns dos asistentes á inauguración, xunto a placa que da nome aos xardíns.

Aló polo mes de maio, ‘Galicia en el Mundo’ xa facía referencia aos Xardíns de Tiberio Ávila co gallo da visita que unha delegación do Concello de Viana do Bolo (Ourense), pobo natal de Tiberio, facía as obras que naquel entón comezaban. O sábado 3 de outubro, coincidindo coas festas de San Froilán de Barcelona que cada ano organiza a Asociación Amigos de San Froilán, inauguráronse os xardíns adicados á memoria de Tiberio Ávila Rodríguez, un ourensá nado en Viana do Bolo no ano 1843, quen foi un dos persoeiros máis importantes da colonia galega establecida en Catalunya.

 

Unha visita organizada por un grupo de vianeses residentes en Barcelona puxo os alicerces do acto de inauguración oficial dos Xardíns –a cargo do alcalde de Barcelona, Jordi Hereu–, situados no Barrio de Horta, á beira doutro espazo dedicado a un ilustre galego como é a Praza Castelao (acto ao que tiña que asistir tamén o alcalde de Viana, mais, por despistes da organización, non foi posible a súa presenza e a última hora tivo que delegar en persoas que residen aquí en Barcelona).
Así pois, o sábado 3 de outubro, coincidindo coas festas de San Froilán de Barcelona que cada ano organiza a Asociación Amigos de San Froilán, inauguráronse os xardíns adicados á memoria de Tiberio Ávila Rodríguez. Ourensán nado en Viana do Bolo no ano 1843, foi un dos persoeiros máis importantes da colonia galega establecida en Catalunya, xa que, grazas ao seu esforzo e o dalgunhas persoas máis, fundouse o actual Centro Galego de Barcelona. Foi dúas veces deputado nas Cortes, sendo o único que subsistiu ás dúas Repúblicas, foi tamén rexedor do concello de Barcelona, presidente da Cruz Vermella, membro e presidente da primeira liga antitaurina, membro do Ateneu Barcelonés, secretario e presidente da Real Academia de Belas Artes San Jordi, académico, farmacéutico, avogado, pintor (e profesor de Picasso), escritor..., todo un humanista dos séculos XIX e XX.
Grazas ao estudo realizado polo investigador Manoel Carrete, e cristalizado na súa obra ‘Máis que nós, ninguén’, temos a primeira referencia deste personaxe na vida catalana. Este novo historiador deu datos ata o momento descoñecidos, xa que como consecuencia das dúas queimas que sufriu o Centro Galego de Barcelona (1929 e 1978), non existen nin libros de actas, nin libros de contas, nin libros da época (na biblioteca) que fagan referencia ao período no que este personaxe era socio da entidade; tal era o descoñecemento que no anterior libro publicado polo mesmo Centro Galego non se facía referencia a Tiberio Ávila nin a antigüidade real de tal institución.
Así pois, o historiador Manoel Carrete, xunto con varios veciños de Viana do Bolo, entre os que cabe destacar a figura de Xulio Couxil e Bernardino, así como a Irmandade A Nosa Galiza de Mollet e os concellos de Viana do Bolo e o de Barcelona, foron os que contribuíron a que tal día como este 3 de outubro do 2009, uns xardíns da cidade condal, leven o nome de Tiberio Ávila.
Ao acto asistiron gran número de persoas da colonia galega entre os que caben destacar os presidentes do Centro Galego de Barcelona, da Fegalcat, de Rosalía de Castro de Cornellà, Fillos de Lugo e Ourense, Foro da Terra Galega, Amigos de San Froilán, A Nosa Galiza de Mollet, O Noso Lar de Terrassa, Cova da Serpe, Centro Asturiano…, así como representantes doutras entidades afíns.
O acto consistiu nunha entrañable cerimonia con parlamentos da rexedora do distrito de Horta, Carmen Andrés; Pepe de Requeixo, presidente do Centro Galego de Barcelona; Arístides Avila, sobriño-neto de Tiberio; e o alcalde de Barcelona, Jordi Hereu.
Como representantes doutras entidades e administracións destaca-la presenza do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón López Besteiro, e unha delegación do Concello de Viana, composta por Bernardino, Xulio Couxil e Manoel Carrete. Os parlamentos duraron unha hora e no remate do acto o alcalde de Barcelona asi coma Arístides descubriron a placa dos Xardíns na honra de Tiberio Ávila.
Foi un acto moi emotivo e sinxelo a un grande persoeiro galego en Barcelona, de quen agardamos poder ver publicada a súa biografía e obra completa nun breve espazo de tempo, baixo o patrocinio do Concello de Viana e a Deputación de Ourense.