A TRAVÉS DE CONFERENCIAS E ACTUACIÓNS MUSICAIS CELEBROU O MES DAS ‘LETRAS GALEGAS’

El Centro Gallego de Lleida recorda o compromiso de Piñeiro coa emigración

Antonio Díaz, Lleida
15 de junio de 2009

Os participantes nos actos conmemorativos.

Os participantes nos actos conmemorativos.

Organizados polo Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro, celebráronse durante o mes de maio varios actos conmemorativos das ‘Letras Galegas 2009’, que culminaron cunha conferencia sobre a figura do homenaxeado este ano pola Real Academia Galega, Ramón Piñeiro, impartida polo historiador Manoel Carrete. O acto principal de celebración das ‘Letras Galegas’ tivo lugar o 30 de maio na sala de actos do ‘Institut d’Estudis Ilerdencs’ onde o historiador Manoel Carrete, pronunciou unha conferencia sobre a figura de Ramón Piñeiro como impulsor da lingua e a cultura galega, tanto en Galicia como na emigración.

 

Manoel Carrete destacou do homenaxeado con motivo das ‘Letras Galegas’ deste ano, o seu compromiso coa emigración, e sobre todo coa emigración galega en Cataluña. Durante a súa disertación amosou datos pouco coñecidos de Ramón Piñeiro sobre a súa participación en eventos históricos que impulsou para ben da nosa cultura, así como a súa relación con Cataluña, e especialmente coa Universidade de Barcelona a través do catedrático Basilio Losada, e tamén co Centro Galego de Barcelona e os seus escritos na revista ‘Alborada’.
O acto foi seguido por numeroso público e a él asistiron as principais autoridades do Goberno municipal da cidade, así como o director do ‘Institut de’Estudis Ilerdencs’, Joan Busqueta.
Unha vez rematada a conferencia, a coral ‘Cengallei’ do Centro Galego ofreceu un recital poetico-musical basado en temas da cultura galega, entre os que se puideron escoitar poemas de Pondal e Cunqueiro. A súa actuación rematou coa interpretación do himno galego.
Asemade, durante o mes de maio, o Centro Galego de Lleida organizou outras actividades importantes para conmemorar o mes das ‘Letras Galegas’ dos que destacamos a súa participación na festa maior de Lleida. Así, o 11 de maio participaron na ofrenda floral ao patrón San Anastesio, á que asistiron numerosos membros do Centro ataviados cos traxes típicos de Galicia.
O 17 de maio, a través da vocalía da Muller do Centro, participaron na festa de ‘Moros e Cristiás’ da cidade, un evento histórico que data do ano 1.150, que se vive con fervor popular en Lleida e no que participan activamente as principias institucións da cidade.
O Centro Galego, neste caso, aporta a presenza galega a través dos seus desfiles e sobre todo dos recitais da súa coral ‘Cengallei’, que o mesmo día ofrecía o concerto das ‘Letras Galegas’ en  Lleida, este ano na igrexa do Carme da cidade co gallo do 50º aniversario da súa fundación.
Destacar tamén a súa participación na gran verbena dos ‘Camps Elisis’ da cidade, onde ofreceron nunha caseta produtos típicos de Galicia como empanada, polbo, lacón ou queimada.