O secretario xeral de Política Lingüística asistiu á inauguración na Casa de Galicia

Redes, territorio e memoria centraron en Madrid o XII Congreso Internacional de Estudos Galegos

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, participaron na Casa de Galicia en Madrid na inauguración do XII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que reuniu entre o 10 e o 15 de setembro galicianistas de todo o mundo arredor do tema ‘Novos horizontes para unha Galicia global: redes, territorio, memoria’. 

Redes, territorio e memoria centraron en Madrid o XII Congreso Internacional de Estudos Galegos
Valentín García, José Ramón Ónega, Víctor Freixanes y Carmen Mejía con miembros de la organización del Congreso
Valentín García, José Ramón Ónega, Víctor Freixanes e Carmen Mejía con membros da organización do Congreso.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, participaron na Casa de Galicia en Madrid na inauguración do XII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que reuniu entre o 10 e o 15 de setembro galicianistas de todo o mundo arredor do tema ‘Novos horizontes para unha Galicia global: redes, territorio, memoria’. 

Valentín García gabou o labor da AIEG, que “hoxe reúne neste congreso investigadores galegos con outros chegados de moi lonxe para traballar e debater sobre a nosa lingua e cultura e que segue realizando –á par da Secretaría Xeral de Política Lingüística e co seu apoio– un labor impagable de proxección exterior do idioma de Galicia”. O secretario xeral quixo lembrar que “a lingua galega ten na actualidade os mellores índices de uso e competencias das linguas cooficiais de España” e tamén “que este ano lle dedicamos o Día das Letras Galegas a unha muller que naceu fóra da nosa comunidade, pero que asumiu o seu idioma como propio, algo que, dalgún xeito, fan tamén galicianistas de todo o mundo que dedican os seus esforzos a estudar e dar a coñecer o galego en Europa, América ou Asia”.

Pola súa banda, José Ramón Ónega resaltou a participación no congreso dun elevado número de especialistas en diferentes campos dos estudos galegos procedentes de universidades de todo o mundo, que achegan traballos interdisciplinares e propostas innovadoras.

Acompañáronos Carmen Mejía, presidenta da AIEG e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense, onde se celebrarán a maior parte das sesións do congreso, e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, quen impartiu a conferencia plenaria de apertura deste encontro.

Cinco intensos días de relatorios, paneis, mesas, presentacións de libros, conferencias e sesións plenarias arredor dos eixes temáticos redes, territorio e memoria compoñen o programa do XII Congreso Internacional da AIEG. Destacaron as conferencias plenarias de Víctor Freixanes, Carlos Núñez, Ramón Villares, Kathleen March e Harvey L. Sharrer, pero houbo en total máis de 150 intervencións.

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) é unha organización sen fin de lucro creada no ano 1985 por iniciativa dos centros de estudos galegos de universidades de Europa e América que integran a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, dedicada a dar a coñecer a lingua e a cultura galega en todo o mundo. A Asociación está dedicada á promoción internacional dos estudos galegos coa vontade de propiciar o intercambio entre especialistas de diversas disciplinas que se ocupan da realidade galega e de fomentar a presenza da cultura galega no mundo, nomeadamente no eido académico.

Desde o primeiro dos seus encontros –celebrado no ano 1985 na Universidade de Maine-Orono, nos Estados Unidos– organiza con periodicidade trianual un congreso internacional que lles dá oportunidade aos galicianistas de todo o mundo de compartiren os seus traballos e de reflexionaren sobre a realidade galega.