Fixo un agradecemento expreso a colectividade galega en Arxentina e o Centro Galego de Bos Aires

Feijóo expresou a súa emoción de recibir o cadro ‘A derradeira leición do mestre’ que chega “da outra Galicia”

O cadro de Castelao ‘A derradeira leición do mestre’, chegado a Galicia o mércores da pasada semana, foi recibido con emoción polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, quen dixo que, por primeira vez, sae “da outra Galicia, a que Castelao e moitos máis construíron en Bos Aires desde a emigración ou o exilio”, para ser o eixo da exposición ‘Castelao maxistral’, no Gaiás.

‘A derradeira leición do mestre’ –basado na estampa nº 6 do seu libro ‘Galicia mártir’–é unha homenaxe de Castelao o seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936.

Durante o acto de recepción, Feijóo salientou a importancia de ter esta obra, que nunca antes saíra do Centro Galicia da capital arxentina, durante uns meses, “xa que se trata –afirmou– dunha obra moi significativa na súa traxectoria e tamén un símbolo para Galicia”.

O titular da Xunta destacou o forte contido simbólico do cadro: “Se algo define a obra de Castelao é a súa intolerancia coa inxustiza, que se configura como unha advertencia do que non debería volver a pasar”, ensalzou, lembrando que en cada creación de Castelao “atopamos a vocación de construír un mundo mellor”.

Sobre este punto, Feijóo resaltou a capacidade de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para demostrar que Galicia non é unha realidade pequena, illada ou limitada, senón que ten infinitas posibilidades para proxectarse no mundo.

Logo de resaltar a homenaxe á educación que representa a obra de Castelao, un papel, o da educación, “fundamental para chegar ata aquí e tamén para o noso porvir”, Feijóo concluíu cun agradecemento expreso á colectividade galega na Arxentina e, de xeito especial, ao Centro Galicia de Bos Aires, que sempre amosou a mellor disposición para facer realidade este proxecto.

A obra, un óleo de dous metros de altura, viaxou desde Arxentina a Madrid en avión, durante a pasada fin de semana, e foi trasladado por estrada ata o Gaiás, con todas as condicións de seguridade e atendendo aos estándares profesionais máis rigorosos.

Este procedemento para a cesión temporal da obra por parte do Centro Galicia de Bos Aires levouse a cabo coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados, toda vez que se trata de unha obra simbólica tanto na traxectoria artística de Castelao como para Galicia, a territorial e a da diáspora, xa que Castelao pintouna na capital arxentina, en 1945.