XOSé NEIRA VILAS, ESCRITOR GALEGO, ACABA DE PUBLICAR O LIBRO ‘SEMENTE GALEGA EN AMéRICA’

“A nosa emigración, como todas, é unha perda para o país de orixe e ganancia neta para o receptor”

América foi lugar de acollida de numerosos galegos emigrados que, gracias ao seu traballo e ao seu esforzo, contribuiron a mellorar as condicións de vida no estranxeiro. En memoria daqueles que un día destacaron polas súas aportacións en distintos campos do saber, Neira Vilas acaba de publicar o libro ‘Semente galega en América’, onde reivindica a semente creadora que estes galegos tiveron que desenvolver alá donde se lles ofrecían “todas as posibilidades”.

“A nosa emigración, como todas, é unha perda para o país de orixe e ganancia neta para o receptor”
12.Xosé Neira Vilas
O escritor Xosé Neira Vilas.

América foi lugar de acollida de numerosos galegos emigrados que, gracias ao seu traballo e ao seu esforzo, contribuiron a mellorar as condicións de vida no estranxeiro. América tamén foi ‘patria’ durante un tempo do hoxe consagrado escritor galego Xosé Neira Vilas, quen partiu de Galicia como fillo de campesiños e regresou 43 anos despois como un dos expoñentes das letras galegas. En memoria daqueles que un día destacaron polas súas aportacións en distintos campos do saber, Neira Vilas acaba de publicar o libro ‘Semente galega en América’, onde reivindica a semente creadora que estes galegos tiveron que desenvolver alá donde se lles ofrecían “todas as posibilidades”.

Pregunta. Despois de 43 anos residindo en América, primeiro na Arxentina e máis tarde en Cuba, que idea ten Neira Vilas da emigración galega?
Resposta. A nosa emigración, como todas, é unha perda para o país de orixe e ganancia neta para o receptor, pois ese emigrante adulto, formado, comeza a producir nin ben chega a destino. Galicia era nun tempo un país de nenos e vellos. Agora ben, de rebote deixou algúns beneficios. Deixou casas novas nas aldeas, foros redimidos, escolas e outros beneficios sociais. E tamén símbolos: o Himno Galego, a Bandeira Galega e a Academia Galega naceron na emigración. E posibilitou que miles de mozos labregos puidesen ir á Universidade.
P. No seu último traballo, ‘Semente galega en América’, recolle a traxectoria de cen galegos na emigración que destacaron en múltiples formas do saber, pero que permaneceron escequidos durante anos. Quen son estes galegos e por que os escolleu a eles?
R. Non todos son descoñecidos, pero poida que os máis deles. Aportaron ao progreso cultural, social, económico de países americanos, e incluso loitaron pola independencia americana en moitos casos. Temos a Villamil que loitou pola independencia de Cuba e chegou a xeneral; a Silva, o fotógrafo predilecto de Gardel; a Iglesias, que fixo pola súa man o primeiro coche arxentino, etc.
P. Coñeceu personalmente aos elixidos ou se trata de historias que lle contaron e lle pareceu interesante deixar reflictidas nun libro?
R. Coñecín a algúns, poucos, os máis corresponden a investigacións diversas, a testemuños diversos.
P. No libro alude a achega dos galegos aos países de acollida. En que consistiu esta achega máis alá do que recibiron?
R. Puxen tres exemplos, pero as aportacións foron múltiples e algunhas certamente curiosas. Os exemplos son moitos. Por exemplo, Sebastián de Aparicio, que no século XVI en México levoulle aos indios, que soportaban cargas enormes ao lombo, o carro de bois. Fundou centros benéficos, creou plantacións para producir alimentos para os indíxenas. Fernando Iglesias, ‘Tacholas’, ourensán, que chegou a ser un grande actor arxentino de teatro e de cine. Protagonizou máis de 60 películas. O coruñés Xosé María Calaza que fundou e dirixiu o corpo de bombeiros de Buenos Aires e publicou diversos libros sobre prevención de incendios, etc. O silledense Bieito Gómez, que na guerra de independencia de Cuba adestrou abellas para que atacasen aos soldados españois e foi deportado a España e enviado ao penal de Ceuta. O poeta gauchesco Xosé Alonso Trelles, que asinaba ‘El viejo Pancho’, que é o poeta nacional de Uruguai e ten un monumento en Ribadeo, onde nacera. O médico de Muxía Victorino Abente, que foi poeta nacional de Paraguai.
P. De todos aos que fai mención neste traballo, cal ou cales cre que deberían ter un recoñecemento especial?
R. Caso especial é o do citado Villamil, que entregou a vida loitando. Ou o de Xosefa Goldar, primeira actriz do teatro independente da Arxentina, que se extendeu a toda América, ou o médico Abente, de Muxía, poeta nacional de Paraguay…
P. Acostumados como estamos a agradecer aos países de acollida a xenerosidade cos galegos, parece que chegou o momento de reinvertir os termos e reivindicar a débeda de América con eles. Pensa que algún día poderá ser considerada a aportación deste colectivo donde queira que se asentara?
R. En liñas xerais América xa compensou a achega das nosas xentes. Estamos a man. E se algún desbalance houbese, entre irmáns nada nos debemos.
P. Se pensamos que a emigración foi unha oportunidade perdida para Galicia, que perdeu esta ao deixar marchar a tantos creadores?
R. Os creadores xurdiron despois. Os que emigraban eran campesiños semianalfabetos, pobres, sen horizonte aquí. Pero levaban dentro unha grande enerxía que se desatou onde había posibilidades para facelo. Estudaron, traballaron. Con gran tenacidade moitos deles chegaron a crear revistas, organizar asociacións, crear e dirixir grandes empresas, bancos, etc. Foron grandes emprendedores os que levaban en si semente creadora que sementaron en América, que lles ofrecía todas as posibilidades. Galicia non os deixou irse como tales. Xurdiron alá. Desenvolvéronse.
P. No seu caso, que viviu anos na emigración, parece que sempre a leva na memoria, ainda que regresase a terra hai algún tempo. Ten morriña dos seus anos no exilio? Evitaría vivir fóra se puidera residir sempre en Galicia?
R. Nos 43 anos que vivín fóra vivín ‘sempre en Galicia’. Estudei, fixen alá a carreira de xornalismo, sempre para axudar a Galicia, e fun un activista permanente da nosa cultura e da nosa identidade. Neses anos dei a coñecer uns 25 libros, sempre e unicamente en lingua galega. Cando levamos tantos anos fóra xa non somos máis dun só país. Eu teño moito de arxentino, moito máis de cubano e son rotundamente galego. A morriña de América está en min sempre, sen merma do meu amor por Galicia.
P. Emigrantes con final feliz poderíase pensar que son os retornados. Vostede considera que a súa historia persoal é a historia dun emigrante con final feliz?
R. Dicía Castelao: “Devolvémoslle á terra o corpo que nos emprestou”. Os máis dos emigrantes que foron a América non voltaron. De certa maneira é comprensible. Teñen alí xeralmente unha nova familia e aquí non lles queda nada, sobre todo cando lle morren os pais. Algúns ata pensan que esto e igual que hai sesenta anos ou máis, cando se foron. Non quer dicir que non recorden, pero a maioría deles non voltaron ou, cando máis, viñeron ida por volta. Non sei se serían máis felices retornando. Tal vez non. Puidera ser que non se afixesen. Nese sentido cada emigrante é un mundo. Eu síntome feliz por ter retornado. Cumprín un ciclo, que sería incompreto se non volvese. Nada familiar me ataba a América e sendo escritor galego, tendo aquí os meus lectores era xusto que voltase. Si, considérome un emigrante retornado con final feliz. Aquí acabarei os meus días integrándome neste pobo que é o meu.
P. Tería material para contar a vida de outros cen emigrantes galegos que gozaron da mesma creatividade destes aos que agora fai alusión no seu último libro?
R. Tería material non para outros cen, senón para varios centos máis. Ten sido tan rico o noso labor na outra banda do mar que hai exemplos a eito. Os que emigramos temos unha visión moi clara do mundo, unha concepción histórica, democrática, solidaria; temos un horizonte máis amplo. Toda unha aprendizaxe que nos enriquece de por vida.
P. Na súa obra literaria está sempre presente a emigración. A meirande parte das súas historias son relatos sobre galegos que se ven obrigados a emigrar e que expresan sentimentos. Foi a emigración un asunto ineludible para un escritor galego nacido no século pasado e que experimentou o fenómeno migratoria nas súas propias carnes?
R. Cando eu emigro non son un escritor. Seríao anos despois, en Buenos Aires. Era fillo de campesiños pobres. Quería estudar. Na aldea non podía. Busquei calquera traballo en cidades galegas. Nada. Con vinte anos emigro a Arxentina. Alí confirmo a miña vocación, que poño ó servizo de Galicia. Estudei a carreira de Xornalismo. Nos 43 anos que estiven en América escribín bastantes libros, todos en lingua galega. Para min era ineludible emigrar. Non buscaba diñeiro, senón estudar, escribir, traballar polo meu país.
P. Que pensa cando ve que a historia se repite e que centos de galegos mozos teñen que volver marchar cara a Europa ou América para desenvolverse profesionalmente por mor dunha crise económica que lles cerra as espectativas laborais?
R. Cando eu me vou a crise era permanente. Daquela emigraban labregos semianalfabetos. Era outra situación. Agora vanse xeralmente licenciados, cun contrato de traballo. Dixo Castelao: “En Galicia non se pide, emígrase”. Eso antes e agora. Hai pobos que aínda que morran coa fame non se van. Os galegos non nos resignamos a eso. Somos máis emprendedores, levamos dentro unhas enerxías que se desenvolven fóra, onde haxa posibilidades. É desexable que cada quen poida vivir no lugar onde nace, pero se non pode ser, o mundo é de todos, e todos temos dereito a desprazarnos. Vanse emigrantes nosos e chegan inmigrantes. A vida e un ir e vir e as circunstancias mandan.