NAS INSUAS DE GRES, EN VILA DE CRUCES, LUGAR DE NACEMENTO DO ESCRITOR GALEGO

Representantes da política e das letras galegas renderon homenaxe a la Fundación Neira Vilas

| 29 Julio 2018 - 23:53 h.
Políticos e personalidades da cultura déronse cita nas Ínsuas de Gres para recordar ao escritor.
Políticos e personalidades da cultura déronse cita nas Ínsuas de Gres para recordar ao escritor.

As Insuas de Gres, en Vila de Cruces, lugar de nacemento do enxeñoso escritor galego Xosé Neira Vilas, foi a paraxe escollida para conmemorar o vixésimo quinto aniversario da Fundación que leva o seu nome. Co gallo da celebración, ata ese enclave pontevedrés desprazáronse o pasado domingo o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ademais de persoeiros de renome das letras galegas, como Víctor Freixanes ou Xesús Alonso Montero, para render tributo ao autor de ‘Memorias dun neno labrego’.

A Fundación Neira Vilas leva 25 anos actuando como “faro da cultura” para toda a zona e para todas aquelas persoas que saíron dela e que hoxe son reputados profesionais e académicos universitarios, salientou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, no acto conmemorativo das súas vodas de prata, o que tivo lugar o pasado domingo nas Insuas de Gres, en Vila de Cruces, municipio onde hai 90 anos naceu o autor de ‘Memorias dun neno labrego’, unha das novelas escritas en galego máis sobresaíntes do século XX.
Publicada en Arxentina, en 1961, e traducida a linguas como o alemán, o chinés, o portugués, o español, o ruso, o italiano, o checo, o inglés ou o francés, hoxe en día está considerada como a novela máis lida da literatura galega, de aí que o tributo ao seu autor, no vixésimo quinto aniversario da Fundación que leva o seu nome, estea máis que xustificada.
E tamén ás persoas que, ademais do propio escritor e a súa dona, Anisia Miranda, impulsaron este proxecto, entre os que destacan o actual presidente da Fundación, Luis Reimóndez. Para todos eles, tivo palabras de recoñecemento o conselleiro, quen pronunciou o seu discurso en presenza de persoeiros representativos da cultura e das letras galegas, como o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, ou o escritor e membro da RAG Xesús Alonso Montero.
Xunto a eles tamén se deron cita nesa paraxe, a beira do río e rodeada de carballos, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro; o deputado provincial Carlos López Font, e o sobriño de Neira Vilas Fernando Redondo Neira.
A xornada de homenaxe e confraternidade deu comezo cunha ofrenda floral no cemiterio e no monolito adicado ao escritor. Sobre as 12 do mediodía, iniciáronse as actuacións musicais que se prolongaron ata o xantar. Tamara Lema, Eloy Mato e Iago Espasandín, representando á Aldea do Couto de Ponteceso, estiveron entre los encargados de amenizar o acto, no que tamén tiveron unha presenza destacada voces como a de Luis Vaamonde, Manoele de Felisa ou María do Ceo, e instrumentistas como Roi Casal. Pola súa banda, o grupo ‘Voces da Terra’ ofreceu un recital de música tradicional coa colaboración do dúo Queiman e Pousa.
Tras o xantar, programado para as 14,30 horas, chegou o momento de dar paso ao XXII Festival Internacional de Bandas de Música Insuas de Gres, coa actuación da Banda ‘Sons e Soños’, a ‘Sociedade Musical 1º de Agosto’ (de Coimboes-Portugal) e a ‘Unión Musical de Ponte Ledesma’.
Neira Vilas naceu en Gres no ano 1928 e faleceu na mesma parroquia no ano 2015. Emigrado a Arxentina e Cuba desde novo, pasou a súa nenez e adolescencia na súa aldea natal, compaxinando a escola cas labores agrícolas.
En 1949 emigrou a Arxentina, onde desempeñou diversos oficios e tivo ocasión de relacionarse con intelectuais como Luis Seoane ou Rafael Dieste.
As súas inquedanzas culturais levárono a desenvolver actividades diversas e, en 1953, fundou as Mocedades Galeguistas. Tamén escribiu artigos en ‘Adiante’ e colaborou no I Congreso da Emigración Galega, que se celebrou en Bos Aires (Arxentina) no ano 1956. Xunto coa súa dona, Anisia Miranda, filla de galegos, fundou a editorial Follas Novas.
En Cuba, onde se estableceron, en 1961, Neira Vilas traballou na administración e cultivou o periodismo.
Desde 1969 dirixiu a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias de Cuba. 
Foi precisamente na illa caribeña onde o escritor de Vila de Cruces desenvolveu a meirande parte da súa obra. A triloxía na que conta as súas vivencias infantís, integradas por ‘Memorias dun neno labrego’, ‘Carta a lelo’ e ‘Aqueles anos do Moncho’, resultou novidosa nun momento no que a literatura estaba sendo dominada pola narrativa experimental.
O matrimonio formado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda regresou a Galicia no ano 1992 para gozar da xubilación na aldea natal do escritor. Unha vez alí, puxeron en marcha a Fundación Xosé Neira Vilas que se converteu na principal dinamizadora da cultura na comarca.
Neira Vilas foi membro numerario da Real Academia Galega (RAG), doctor ‘Honoris Causa’ polas universidades de A Coruña e La Habana, Premio de la Crítica Española (novela en galego) e da Crítica Gallega (ensayo). Tamén obtivo a Medalla Castelao e foi nomeado Fillo Predilecto do Concello de Vila de Cruces, entre outros recoñecementos.

Más acciones:
MÁS NOTICIAS

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Álbumes de Fotos

Hemeroteca