Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración

En memoria de Fernando Amarelo de Castro

Dicir que é fondo o pesar polo pasamento de Fernando Amarelo de Castro, ex secretario xeral de Relacións coas Comunidades Galegas, implica quedarse moi curto na descrición da tristeza que embarga hoxe a galegas e galegos do mundo. Tamén é tarefa imposible resumir a absoluta admiración que por el sentiamos, sentimos, tódalas persoas que traballaron e traballamos pola diáspora galega espallada polos cinco continentes, que desenvolvemos o noso labor diario con esa materia tan difícil de describir e de xestionar como é a Galeguidade, á que don Fernando soubo dar corpo legal, xurídico, e administrativo.

En memoria de Fernando Amarelo de Castro
Sesión constitutiva de la X Legislatura del Parlamento de Galicia.
Rodríguez Miranda.

Dicir que é fondo o pesar polo pasamento de Fernando Amarelo de Castro, ex secretario xeral de Relacións coas Comunidades Galegas, implica quedarse moi curto na descrición da tristeza que embarga hoxe a galegas e galegos do mundo. Tamén é tarefa imposible resumir a absoluta admiración que por el sentiamos, sentimos, tódalas persoas que traballaron e traballamos pola diáspora galega espallada polos cinco continentes, que desenvolvemos o noso labor diario con esa materia tan difícil de describir e de xestionar como é a Galeguidade, á que don Fernando soubo dar corpo legal, xurídico, e administrativo. Galicia deixaría de lado parte fundamental da súa idiosincrasia obviando ese sentimento, recoñecido no maior dos nosos textos legais, o Estatuto de Autonomía. Porque Galicia non podería expresarse en toda a súa grandeza sen contar cos centenares de milleiros de paisanos que residen fóra. A esa Galicia exterior, tan importante na nosa historia e no noso presente, tan indeleble no noso ADN como pobo, destinou toda a súa forza e dedicou a parte máis intensa da súa vida don Fernando.

O seu ímprobo traballo foi peza fundadora e fundamental para o recoñecemento oficial da relevancia das Comunidades Galegas no Exterior no pasado, presente e futuro da nosa terra. A el débese o deseño básico de moitas das liñas de actuación, en prol das e dos galegos residentes fóra, que aínda arestora se desenvolven desde a Administración autonómica, e mesmo na do Estado. A consolidación e crecemento desa gran rede universal sobre a que repousan os sentimentos e ligazóns das e dos galegos espallados polo mundo é, en gran medida, produto directo do agarimo e paixón cos que Fernando Amarelo de Castro levou a cabo a súa tarefa na Xunta, e tamén noutras organizacións públicas e privadas. Boa parte, en fin, do xusto recoñecemento que a sociedade galega ten feito, fai e fará, aos seus paisanos no Exterior, é consecuencia do abnegado traballo dun home que, sen dúbida ningunha, forma xa parte indeleble da Historia de Galicia, con maiúsculas.

Hai ben pouco tiven a ocasión de escribir nunha tribuna pública que, se hai unha materia na que Galicia pode sentirse orgullosa, é a solidariedade. Cómprenos dicilo ben claro e alto: somos un pobo solidario, cunhas cotas neste eido que xa quixeran para si as nacións máis desenvolvidas. Ningún outro pobo ten demostrado esa capacidade para unir esforzos en favor daqueles que menos teñen, de encetar proxectos ambiciosos no campo social e sanitario que, hoxe en día, seguen sendo referentes en moitos países de América Latina. Ningún outro pobo no mundo foi quen, tampouco, de involucrar a segundas xeracións, nadas xa na diáspora, na cultura dos seus pais e avós: calquera galego de ben emociónase ao escoitar o son da gaita que permanece, un século mais, escorregando polas veas de cidades tan distantes e distintas como Bos Aires, Londres, Montreal, Barcelona, Zürich.

Esa universalidade do noso sentimento de pertenza a un pobo, sen renunciar á plena integración nas sociedades de recepción, é característica intrínseca da propia natureza galega. Demostrada en distintos momentos históricos e en lugares e sociedades ben diferentes. A esa universalidade houbo un home que lle dou corpo e nome, e que foi quen de convencernos a todos da necesidade de outorgarlle a importancia e forza que merece. Ese home foi Fernando Amarelo de Castro, e hoxe, co seu falecemento, boa parte desa universalidade queda orfa.

Galicia e a Galeguidade non serían a mesma sen don Fernando. Non o serían no pasado nin no presente, pero hoxe tócame asumir que, no futuro, botaremos de menos o seu sabio consello a tempo, o seu profundo coñecemento da nosa diáspora, e o tesón e agarimo disposto para cada ocasión en que a universalidade do noso pobo requiriu os seus servizos.

Desexo de corazón que ese camiño que el teceu, de solidariedade e irmandade, dalgunha maneira o axuden neste tránsito. Descanse en paz.

E grazas por todo o teu traballo e tódalas túas ensinanzas, Fernando.