UN MILLEIRO DE PERSOAS ASISTIRON á OFRENDA FLORAL NO MONOLITO DE ROSALíA DE CASTRO

A Festa Galega de Cornellà volveu a encher de xente o máis fermoso parque da cidade

Un ano máis, a popular Festa Galega que organiza a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, polo Corpus, ‘Festa Major’ de Cornellà, volveu a recoller éxitos espectaculares.

A Festa Galega de Cornellà volveu a encher de xente o máis fermoso parque da cidade
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Un milleiro de persoas asistiron á ofrenda floral no Parque de Can Mercader.

Un ano máis, a popular Festa Galega que organiza a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, polo Corpus, ‘Festa Major’ de Cornellà, volveu a recoller éxitos espectaculares. Tanto no tocante á participación cidadá que lle deu vida, coa súa masiva presenza, no mítico Parque de Can Mercader, como no apoio institucional, por parte do Concello de Cornellà, co seu alcalde, Antonio Balmón, en cabeza e o representante da Generalitat de Catalunya, Roger Mestre (responsable das Casas Rexionais), así como doutras autoridades, entre elas o expresidente da Generalitat, José Montilla, e demais institucións de Catalunya. Agás a ausencia de representante da Xunta.

O Parque de Can Mercader volveu a lucir o seu esplendor e cumpriu con tódalas expectativas, durante os días 27, 28 e 29 de maio, milleiros de galegos e non galegos asistiron aos diferentes actos, facendo que esta Festa Galega siga sendo unha cita destacada dentro dos actos programados en Cornellà, co gallo das súas festas patronais, e tamén como acontecemento no que se dan cita unha grande maioría de galegos residentes en Barcelona.

Homenaxe aos socios

Os actos festivos comezaron o venres pola tardiña coa homenaxe aos socios da entidade mediante a celebración, no recinto da festa, dunha Cea de Irmandade á que asistiron numerosos socios e amigos da entidade, así como representantes municipais como Antonio Martínez, teniente de alcalde de Cornellá; a regidora del Barri onde ten a sede social a entidade, Aurora Mendo; Rocío García, teniente de alcalde e delegada de área de Políticas de Ciudadanía, entre outras autoridades e representantes doutros estamentos socioculturais de Cornellà. No acto se lles homenaxeaba coa Insignia de Prata da entidade aos socios: Ricardo García, Isolina López e Inés Rodríguez, que este ano cumpriron 25 anos de antigüidade militando na Asociación. Este acto foi seguido da tradicional verbena amenizada pola orquestra ‘Tropicana’. 

Ofrenda floral a Rosalía de Castro

O sábado pola mañá, ao redor dun milleiro de persoas asistiron á ofrenda floral, un acontecer de identidade galega, nun emotivo acto no que o alcalde de Cornellà, Antonio Balmón Arévalo, xunto co presidente da Asociación, Oliver Fernández, presidiron o evento depositando o tapiz de flores representando a Galicia e Catalunya.

Acto ao que asistiron outras autoridades como os portavoces do grupos municipais de Cornellà ademais da Corporación Municipal, e diversas entidades socioculturais de Cornellá, os partidos políticos con presenza na cidade, depositando cada un deles o seu correspondente ramallo de flores no monólito á Rosalía de Castro, que convive cos visitantes e moradores deste fermoso Parque desde o ano 1990.

Asemade, socios e amigos, entidades e institucións públicas renderon unha sentida homenaxe á musa das nosas letras, ó son dos himnos catalán e galego, interpretados pola Banda de Gaitas Rosalía de Castro, xunto cos grupos Castellers de Cornellà e Casa Galega de Hospitalet, que participaron no acto coas súas correspondentes actuacións. 

Xa pola tarde, despois do tradicional xantar campestre ao que asistiron unhas duascentas persoas, socios e amigos da entidade, representantes municipais e da vida asociativa de Cornellà, e o presidente de honra da entidade organizadora, José Montilla i Aguilera,  así como representantes da práctica totalidade de entidades galegas en Catalunya. O recinto da festa adornouse coas actuacións dos seguintes grupos: Escola de Gaitas Toxos e Xestas de Barcelona, Cornellá Per las Dones e o da A.C.G. Rosalía de Castro nas súas diversas modalidades. Seguido da gran festa rachada tarde e noite coas orquestra galega ‘Marimba’ e a ‘Tropicana’.

O domingo pola mañá comezaron as actuacións dos grupos: Irmandade Galega de Rubí, A. Estremeña San Isidro Labrador, A.C.G. Agarimos de Badalona, e Coro Rociero Virgen del Rocío Sant Andreu de la Barca. E xa pola tarde, despois dun xantar campestre, actuacións dos grupos o Centro Cultural Blas Infante de Cornellà,  Asociación ‘Cornellà per las Donas’ e da entidade organizadora, Rosalía de Castro os diferentes grupos que compoñen a súa escola de danza e gaita galegas.

Ás 20.30 horas deu comezo a festa rachada coa orquestra ‘Marimba’, rematando a festa cos tradicionais fogos artificiais e fin de festa coa popular queimada galega.

Ademais de tódalas actuacións que estiveron á altura que a festa merece, no eido gastronómico, numerosas familias se deron cita á sombra das centenarias árbores de Can Mercader para degustar xantares campestres e compartir unha fin de semana gozosa con amigos e familiares, unha xuntanza gastronómica e festiva na que se dan citan cada ano amigos e familiares da colectividade galega de Catalunya, que compartiron con socios e amigos da entidade organizadora unha gran festa galega nun dos máis fermosos parques de Catalunya como é Can Mercader de Cornellà.

Asemade, os asistentes tamén puideron ollar exposicións de libros, pinturas, música, etcétera, así como información sobre turismo de Galicia e o Camiño de Santiago, e todo tipo de produtos da gastronomía galega servidos con exquisitez por Exclusivas Casa Díaz de Lugo.