NA úLTIMA XORNADA TIVO LUGAR A ASEMBLEA XERAL DOS SOCIOS E UN XANTAR DE IRMANDADE

O Centro Galego de Lleida pechou os actos da súa Semana da Cultura Galega

O Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Folgar, acaba de pechar os actos levados a termo durante a Semana da Cultura Galega que cada ano por estas datas organiza, e que este ano foi todo un éxito, tanto na organización de actividades como na resposta de público que acudiu ás mesmas.

O Centro Galego de Lleida pechou os actos da súa Semana da Cultura Galega

O Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Folgar, acaba de pechar os actos levados a termo durante a Semana da Cultura Galega que cada ano por estas datas organiza, e que este ano foi todo un éxito, tanto na organización de actividades como na resposta de público que acudiu ás mesmas.

Comezaron as actividades o luns 24 de febreiro, coa inauguración, polo presidente da Entidade, Xosé Terceiro; a presidenta da Vocalía da Muller, Marta Roigé Mostany; e a ‘rexedora’ delegada de Drets Civils, Cooperació i Igualtat do Concello de Lleida, María Rosa Ball i Papiol, coa exposición de manualidades que as mulleres do Centro realizaron os cursos feitos no 2013.

Neste acto tamén estiveron acompañados dos rexedores e as rexedoras do Concello de Lleida, Dolors Arderiu Sabaté, María José Horcajada Bell-lloch, Bea Obis Aguilar, Gemma Batalla Casanovas, Francesc Josep Çerdá Esteve e Antoni Postius Terrado, así coma o presidente da Federación de Casas e Centros Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir, o que da boa nota das boas relacións e colaboración deste Centro coas institucións lleidanas.

O martes 25, no local social da Entidade, os nenos, fillos e netos dos socios do Centro, fixeron uns divertidos debuxos; ó mesmo tempo celebráronse interesantes e disputadas partidas de cartas. Unha vez rematados os actos, todos foron obsequiados cun chocolate acompañado dunha exquisita coca doce.

O mércores 26, impartiron unha conferencia a cargo de Enric Ribeira Gabandé, baixo o título ‘O viño é a máis sa e hixiénica das bebidas’. O conferenciante deu unha maxistral conferencia sobre os distintos procesos de elaboración dos viños, facendo fincapé nas cinco denominacións de orixe dos viños de Galicia como son Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra.

O xoves 27, levouse a cabo unha demostración culinaria de diferentes pratos salgados e doces que os socios e simpatizantes achegaron, coa asistencia de personalidades coma o ‘rexidor’ do Concello de Lleida, Pau Pintó Torné. O acto finalizou coa degustación por tódolos presentes dos múltiples e exquisitos pratos. Así mesmo tamén, foron agasalladas tódalas compoñentes que aportaron pratos para a demostración.

O venres 28, procedeuse á presentación do número 27 da revista ‘Xurdimento 2014’, a cargo de Ramón Brigos Fernández, subdirector xeral de Emigración das Comunidades Galegas da Xunta de Galicia. O presidente do Centro, José Terceiro Folgar, deu a benvida a todos os presentes, socios, amigos e simpatizantes que os acompañaban, e moi especialmente ás distintas autoridades locais, coma son os ‘rexidores’ do concello de Lleida, Dolors Ardeiu Sabaté, Jesús Castillo Cervelló, Ramón Zaballos Rubio, Bea Obis Aguilar, Francesc Josep Çerdá Esteve, Miquel Padilla Díaz, Antoni Postius Terrado, Joan Vilella Jounou, Gemma Batalla Casanovas e Jordi Boixadera i Vinos, director xeral da Agencia Catalana da ‘Joventut’ de Lleida, Jordi Curcó i Pueyo, director de Serveis Territorials de la Generalitat de Catalunya. Despois fíxose unha breve reseña do conferenciante, dándolle seguidamente a palabra.

Iniciou a súa intervención dándolle as grazas a tódalas autoridades e socios que enchían a sala, facendo un amplo resumo do contido dos artigos da revista, dicindo que era moito máis que un boletín informativo. As revistas das entidades galegas, son un fiel reflexo da boa integración e acollida dos galegos na diáspora.

Para rematar o acto, Ramón Brigos, en representación da Xunta de Galicia, fíxolle entrega dunha imaxe de Santiago Apóstolo ó presidente da Federación de Casas Rexionais de Lleida, Cosme García.

O domingo 2 de marzo remataron as actividades coa celebración dunha misa, na igrexa parroquial de Sant Jaume en honra aos socios que se foron. Logo no local social da Entidade, tivo lugar a Asemblea Xeral dos socios na que, seguindo a orde do día, se presentou o estado das contas da Entidade mailos orzamentos para o ano 2014, que foron aprobados por unanimidade. De seguido procedeuse a elixir a nova Xunta Directiva, quedando constituída polas seguintes persoas: Presidente, Xosé Terceiro Folgar; vicepresidenta 1ª, María Alba Gil Bardanca; vicepresidente 2º, Daniel Vila López; secretario, Eligio Suevos Otero; vicesecretario, Carlos Alonso Bellmunt; tesoureiro, Luís Trigo Domínguez; vogal de organización de actos, José Domínguez Rodríguez; Pta. Vocalía da Muller, Marta Roigé Mostany; vogal Relacións Públicas, Dolores Blanco Roo; e vogal, Antonio Sanmartín Sanmartín.

Acto seguido, todos os asistentes remataron a xornada cun xantar de irmandade, con queimada incluída e baile no local social ata ao final da tarde. No que tamén os acompañaron os concelleiros do ‘Ajuntament’ de Lleida, Jesús Castillo Cervelló, Miquel Padilla Díaz, Antoni Postius Terrado e Xema Solé Solá.