Tribuna Abierta de Manoel Carrete

Basilio Losada gaña o XXXV ‘Premio Otero Pedrayo’

Basilio Losada foi galardoado recentemente co ‘Premio Otero Pedrayo’ na súa 35ª edición. O premio, cunha dotación de 30.050,60 euros e que entrega a Xunta de Galicia e mais as catro deputacións, pretende perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo.
Basilio Losada gaña o XXXV ‘Premio Otero Pedrayo’
Basilio Losada.

Basilio Losada foi galardoado recentemente co ‘Premio Otero Pedrayo’ na súa 35ª edición. O premio, cunha dotación de 30.050,60 euros e que entrega a Xunta de Galicia e mais as catro deputacións, pretende perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo. O xurado, estaba composto por representantes das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a Real Academia Galega e o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.
A historia de Basilio empeza na Pobra de San Xiao (Láncara) o día 20 de xuño de 1930. Aos 5 anos emigra xunto coa súa familia para distintas cidades españolas, non será ata 1939 que recale en Barcelona.
Na cidade Condal cursa estudios universitarios licenciándose en Filosofía e Letras (1951) e en Dereito, obtendo o grado de doutor en Historia anos máis tarde.
Dende 1948 D. Basilio visitaba de vez en cando a Entidade, pero non será ata 1960 cando se funde nos locais do Centro Galego de Barcelona o grupo intelectual ‘Mocedade Galega de Barcelona’, do cal formará parte.
D. Basilio ingresa na sociedade o día de San Froilán de 1961, e aos poucos anos é nomeado secretario (27 de xaneiro de 1963). O cargo de secretario soportaba multitude de traballos dispares, o mesmo tíñanse que redactar cartas como se tiña que poñer a vender entradas, e todo iso ocupaba unha xornada que empezaba ás 6 e acababa ás 9 sendo os sábados de xornada completa.
Xunto co seu labor como secretario iniciou un gran labor intelectual xunto ao grupo de Mocidades Galegas, desenvolvendo un cambio na política cultural do Centro, grazas a eles débeselle a biblioteca da entidade, a revista ‘Alborada’, as espléndidas conferencias celebradas na entidade.
Revistas coma ‘Gramma’ chegaban da Habana por medio das amizades de D. Basilio e dos outros intelectuais galegos que moraban na entidade. ‘Gramma’ era unha das publicacións que corrían polo Centro, pero tamén se recibía ‘Galicia Emigrante’ do exilio galego na Arxentina e dirixida por Seoane, revistas de Uruguai, Venezuela…
Esta situación deu lugar a que a biblioteca do Centro Galego se convertese nunha das máis importantes da comunidade galega no exterior, e foi así ata o incendio provocado na entidade en 1978, o cal deu lugar á desaparición da gran riqueza bibliográfica que posuía o Centro.
Hai que resaltar a figura de D. Basilio polo traballo desenvolvido en prol da cultura e da lingua galega, xa que grazas a el a Biblioteca do Centro converteuse no punto de referencia de toda a comunidade galega e de toda aquela xente que se quería achegar á nosa lingua.
Dende 1968 comezou a súa carreira como profesor de filoloxía e literatura galega-portuguesa na biblioteca da entidade, e polas súas clases maxistrais pasaron alumnos de toda índole a partir dos nados en Galicia, os fillos destes, os fillos desoutros, e así toda unha pléiade de xente que acudía ás clases do gran mestre da lingua galega.
Alumnos como o vicepresidente da Generalitat, D. Josep Lluís Carod-Rovira, lembran o seu paso pola nosa entidade cando recibían as ensinanzas deste ilustre intelectual. ‘Memorias dun neno labrego’ ou ‘Longa noite de pedra’ foron algúns dos libros que o magno profesor recomendaba ler e que os alumnos a día de hoxe lembran con cariño.
D. Basilio foi un gran catedrático, que se xubilou no ano 2000, cousa que non lle impediu seguir dando conferencias en Italia, a Arxentina, Alemaña, Brasil, República Checa, Suíza e un longo etcétera de países.
A universidade de Knox en Ilinois nomeouno Doutor Honoris Causa, pero este é tan só un dos moitos recoñecementos que posúe xa que entre outros ten para si: a Creu de Sant Jordi (outorgada no mesmo ano a el e a Ramón Piñeiro), a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra, ou a medalla de Galicia.
Todos estes recoñecementos son outorgados polas súas innumerables obras publicadas, xa sexan artigos, crónicas, traducións… e polo seu afán de dar a coñecer e prestixiar a súa cultura do seu berce.
Falar deste socio é falar de case unha década da secretaría da Entidade (27 de xaneiro de 1963 ata o 8 de maio de 1971), da creación e cimento da Biblioteca, dos cursos de galego, das conferencias, dos coloquios…
Falar de D. Basilio é falar do corazón da Cátedra de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona, igual exemplo é falar de D. Isaac Díaz Pardo en referencia a Sargadelos, xa que logo cando persoas da súa envergadura tanto intelectual como persoal abandonan ou son obrigadas a abandonar os seus cargos, o corpo, segue vivindo aínda que a falta deses dous grandes corazóns.

Manoel Carrete é presidente do Centro Galego de Barcelona